Persoal investigador, contra unha Lei de Ciencia "incompleta" que deixa sen indemnización por fin de contrato a milleiros de traballadores

Concentración de Investigal na Praza do Obradoiro, hai uns meses © Investigal

"A indemnización por finalización de contrato no ámbito científico é unha reivindicación histórica que se nega, precisamente, aos investigadores e investigadoras que máis sufriron as consecuencias da crise sanitaria"

Hai uns días o Ministerio de Ciencia e Innovación iniciou o trámite de audiencia e información pública do borrador da nova Lei de Ciencia, que busca mellorar as condicións da investigación en España. A norma inclúe varias medidas que, en efecto, achegan solucións contra algúns dos problemas do sector. Por exemplo, recolle o 
recoñecemento do dereito a unha indemnización de 12 días de salario por ano de servizo para as persoas que rematen un contrato de investigación. 

Porén, esta medida só se aplicará aos contratos que se asinen a partir da entrada en vigor da nova lei, deixando sen esta indemnización a máis de 15.000 mozos e mozas que neste momento teñen un contrato de investigación (10.000 predoutorais e 5.000 postdoutorais) e que seguirán sen ver recoñecido o dereito de todo traballador a ter unha indemnización ao finalizar o seu contrato. 

O luns 7 están convocadas concentracións en varias cidades do Estado © Investigal

En Santiago a concentración terá lugar ás portas da Biblioteca Concepción Arenal ás 12 horas do mediodía

Por este motivo entidades representativas do persoal investigador de todo o Estado, entre elas as galegas Investigal e a Asemblea de Investigadoras de Compostela, convocan este luns 7 de xaneiro concentracións en varias cidades para reclamar a modificación da lei actualmente en tramitación, que critican por "incompleta". En Santiago a concentración terá lugar ás portas da Biblioteca Concepción Arenal ás 12 horas do mediodía. As convocatorias coincidirán coa comparecencia no Congreso dos Deputados de representantes de FPU investiga para tratar o contido da lei e a situación do persoal investigador no Estado.

As entidades convocantes denuncian que a nova norma "deixa outras cuestións de urxencia sen abordar", como a elaboración dun Estatuto do Persoal de Investigación ou o incremento da retribución mínima dos contratados predoctorales desde o primeiro momento do contrato

"A indemnización por finalización de contrato no ámbito científico é unha reivindicación histórica que o executivo está disposto a negar, precisamente, aos investigadores e investigadoras que máis sufriron as consecuencias da aínda actual crise sanitaria", explican as entidades convocantes, que hai unhas semanas lanzaron unha campaña en change.org. Destacan, ademais, que este persoal investigador, moi ben formado, leva anos sufrindo unha situación de gran precariedade laboral, encadeando bolsas e contratos e con remuneracións moi limitadas nos máis dos casos.

As entidades convocantes, que xa o pasado ano se mobilizaron para pedir cambios na Lei de Ciencia, denuncian que a nova norma "deixa outras cuestións de urxencia sen abordar", como a elaboración dun Estatuto do Persoal de Investigación (EPI) ou o incremento da retribución mínima dos contratados predoctorales desde o primeiro momento do contrato. 

Xuntanza de representantes de Investigal con Alberto Núñez Feijóo © Xunta

Hai uns días representantes de Investigal reuníronse, ademais, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Na xuntanza esixíronlles aos cargos do Goberno galego cambios normativos e na política autonómica para acadar unha "carreira investigadora digna", con menos precariedade e máis estabilidade e mellores condicións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.