Persoal investigador mobilízase en Compostela contra a reforma da Lei de Ciencia que "perpetúa a precariedade"

Concentración de protesta contra a reforma da Lei de Ciencia, este xoves na Praza do Obradoiro © Investigal

O pasado 31 de marzo o Consello de Ministros aprobou o proxecto de reforma da Lei de Ciencia 14/2011. Aínda que entre os obxectivos desta reforma está a a estabilización do persoal investigador e a loita contra a precariedade laboral neste sector, colectivos investigadores de todo o Estado levan meses alertando de que a reforma non atende as súas demandas históricas e "perpetuará a precariedade" deste persoal.

Investigal denuncia que a reforma "non garante a estabilización do persoal investigador nin o pleno dereito laboral desde o comezo da carreira investigadora"

Este xoves investigadores e investigadoras concentráronse na Praza do Obradoiro de Compostela, ao igual que noutras cidades (Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Granada, Murcia, Oviedo, Zaragoza...) para protestar contra o proxecto, criticando que "non garante a estabilización do persoal investigador de calquera ámbito nin o pleno dereito laboral desde o comezo da carreira investigadora", como sinala Investigal, unha das entidades convocantes, xunto coa Asemblea de Investigadoras de Compostela e varios sindicatos, así como a Coordinadora Marea Roja de la Investigación. Na concentración pedíase aos e ás asistentes acudir cunha prenda vermella.

Concentración de protesta contra a reforma da Lei de Ciencia, este xoves na Praza do Obradoiro © AIC

Os e ás asistentes ás concentracións vestiron prendas vermellas como símbolo da súa protesta

A Coordinadora publicou hai uns días unha análise da reforma aprobada e dos cambios que introduce. Entre eles, destaca a aparición da nova figura Tenure Track, que buscaría crear "unha carreira máis atractiva, ordenada e estable, que reduza a idade media de entrada". Porén, segundo sinala Investigal, este novo programa aparece xunto á extinción da figura de Científico Titular de Organismos Públicos de Investigación (OPIs) "de xeito que coa nova lei serán sustituidos postos de funcionarios por prazas de persoal fixo laboral, con moita menos independencia e unha importante redución dos dereitos laborais (complementos por antiguidade, etc.)". 

"Preténdese a substitución do sistema actual por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sen compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente"

Colectivos de investigadores alertan de que a oferta dos contratos Tenure Track "segue condicionada a cada Oferta Pública de Emprego" e lembran que o Ministerio de Traballo advertiu de que o novo contrato “non resolve as necesidades de estabilización da gran bolsa de persoal investigador precario de larga duración existente hoxe en día no sistema de investigación” , elevando dúbidas legais e xurídicas relativas a súa implantación. "En resumo, preténdese a substitución do sistema actual, que xa define unha carreira ordenada, por outro con menos dereitos, máis precariedade, e sen compromiso de aumento do investimento para aumentar o número de prazas que se convocan anualmente", explica a entidade galega.

Concentración de protesta contra a reforma da Lei de Ciencia, este xoves na Praza do Obradoiro © Investigal

"Seguen sen incluírse" os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma o dereito á indemnización por finalización de contrato)", critica Investigal

Investigal tamén critica que a reforma "non recoñece a carreira investigadora de todas as escalas e sectores da investigación" e "esquece completamente" os investigadores hospitalarios que desenvolven a súa actividade nos centros do Sistema Nacional de Saúde "que actualmente carecen de carreira profesional e que esta reforma tampouco desenvolve, deixándoos de novo nun limbo laboral". Así mesmo, denúnciase que "seguen sen incluírse" os compromisos adquiridos cos colectivos de investigación predoutorais (coma o dereito á indemnización por finalización de contrato) nin as "urxentes necesidades" nas etapas postdoutorais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.