O sindicato afirma que a suba salarial que percibiron todos e todas as empregadas públicas correspondente ao ano 2022 (3,5% contando a suba do 1,5% de finais de ano) mais o 2,5% deste 2023 "ten que aplicárselle a todas as categorías laborais do PDI"
Nos últimos meses CIG-Ensino vén demandando o pagamento ao persoal das universidades con contratos de investigación das subas salariais aprobadas para o conxunto do persoal do sector público. O sindicato afirma que a suba salarial que percibiron todos e todas as empregadas públicas correspondente ao ano 2022 (3,5% contando a suba do 1,5% de finais de ano) mais o 2,5% deste 2023 "ten que aplicárselle a todas as categorías laborais do PDI".
A CIG considera non axustada a dereito calquera limitación na aplicación das subas salariais ao persoal vinculado ao convenio colectivo e en xaneiro dirixiuse aos tres reitores solicitando "unha rectificación" e o aboamento dos pagamentos pendentes.
O sindicato estima que hai preto de 600 investigadores e investigadoras nesta situación na USC, 250 na UVigo e ao redor de 150 na UDC
"Que unha suba tan exigua, xa por baixo da evolución da carestía da vida que fai perder poder adquisitivo ao conxunto das traballadoras e traballadores das universidades públicas, non se lle aplique a contratados pre e posdoutorais non fai máis que incidir na precariedade salarial", sinalaba nese momento a central, destacando que esta situación estaba a prexudicar a preto de mil investigadores e investigadoras predoutorais, posdoutorais en Galicia, que poderían estar sufrindo "discriminación salarial", di a CIG.
O sindicato estima que hai preto de 600 investigadores e investigadoras nesta situación na USC, 250 na UVigo e ao redor de 150 na UDC, que supoñen "a maioría do colectivo investiador que traballa para estas institucións académicas".
En xaneiro o sindicato dirixiuse aos tres reitores solicitando "unha rectificación" e o aboamento dos pagamentos pendentes ao milleiro de investigadores e investigadoras galegas nesta situación. As universidades sinalan que reciben fondos específicos para pagar eses salarios
Agora o sindicato dá un paso máis na súa presión co envío un escrito á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, requisito previo antes da interposición dos conflitos colectivos. CIG-Ensino denuncia que ningunha das universidades galegas responderon aos escritos enviados aos reitores hai dous meses e explica que "quere evitar a xudicialización de dous temas que o sindicato considera que deberían ter solución pola vía do pacto". Porén, advirte que acudirá á vía xudicial "se non existe acordo".
CIG-Ensino denuncia que "está totalmente fóra de lugar e da legalidade que unhas administracións públicas como son as universidades non lla apliquen a figuras como o persoal investigador predoutoral e posdoutoral". E afirma que "o argumento ofrecido polas universidades de que reciben fondos específicos para pagar eses salarios e que non os van ampliar con fondos propios foi desmontado xudicialmente polo Tribunal Supremo que indica especificamente que, con independencia da procedencia do financiamento, todo o persoal do sector público está afectado polas subas salariais que se aproben nos orzamentos do Estado".
Prexuízo para o persoal investigador dos programas Margarita Salas e María Zambrano
Agora o sindicato dá un paso máis na súa presión co envío un escrito á Comisión Paritaria do Convenio Colectivo de PDI, requisito previo antes da interposición dos conflitos colectivos
O segundo conflito colectivo que promoverá CIG-Ensino pon o foco na decisión das universidades galegas "de reducir os salarios das persoas que foron seleccionadas como persoal investigador dos programas Margarita Salas e María Zambrano", denuncia o sindicato. Esta decisión, sinala "implica para o persoal investigador unha redución importante das contías brutas que figuran no Real Decreto 289/2021 do Ministerio de Universidades polo que se crearon estas axudas, ao se veren na obriga de pagar unha cota que lle corresponde a cada universidade como entidade empregadora que é".
A central explica que a maioría das universidades do Estado tomaron a mesma decisión que as galegas e só catro asumen neste momento o gasto da cota patronal. A CIG-Ensino solicita unha "rectificación" que evite un novo xuízo e que sitúe ás institucións galegas "entre as primeiras en dar marcha atrás e pagar como corresponde a estas compañeiras e compañeiros".