No ano 2022 o gasto en I+D en Galicia foi de 278 euros por habitante, lonxe da media española (402) e máis aínda dos catro territorios cunha maior aposta pola innovación
O gasto en I+D en Galicia representou no ano 2021 o 1,1% do PIB, máis de tres décimas por debaixo da media estatal (1,43%) e moito máis lonxe dos datos de Euskadi (2,32%), Madrid (1,93%), Navarra (1,91%) e Catalunya (1,78%). Porén, os últimos datos publicados esta semana polo INE indican que en 2022 o gasto en investigación en Galicia aumentou por debaixo da media do Estado, un 8,1% fronte ao 12% no conxunto de España.
Esta evolución afasta un pouco máis a converxencia dos datos galegos coa media estatal, medido o investimento en I+D tanto en relación co PIB total coma en termos relativos á poboación. No ano 2022 o gasto en I+D en Galicia foi de 278 euros por habitante, lonxe da media española (402) e máis aínda dos catro territorios cunha maior aposta pola innovación: País Vasco (799 euros por habitante), Madrid (749), Cataluña (611) e Navarra (610). Galicia aparece tamén por debaixo de Castela e León, Aragón e a Comunidade Valenciana.
O investimento no conxunto do Estado é do 1,44% e aínda se sitúa moi lonxe da media da UE (2,27 en 2021). Países como Alemaña, Austria e Bélxica superan amplamente o 3% e Finlandia e Dinamarca achéganse a esa porcentaxe
O INE achegou tamén os datos de 2022 para o conxunto do Estado español, onde o pasado ano o gasto total en Investigación e Desenvolvemento ascendeu a 19.325 millóns de euros. Este gasto representou o 1,44% do PIB, fronte ao 1,41% do ano 2021. España superou deste xeito a Italia (debido á diminución do investimento no país transalpino), pero aínda se sitúa moi lonxe da media da UE (2,27 en 2021). Países como Alemaña, Austria e Bélxica superan amplamente o 3% e Finlandia e Dinamarca achéganse a esa porcentaxe.
O gasto en I+D en Galicia representou no ano 2021 o 1,1% do PIB, máis de tres décimas por debaixo da media estatal (1,43%) e moito máis lonxe dos datos de Euskadi (2,32%), Madrid (1,93%), Navarra (1,91%) e Catalunya (1,78%).
Así, o 1,1% de Galicia fica aínda máis lonxe da media europea, cun dato que duplica ao galego. A porcentaxe que o noso país dedica a Investigación e Desenvolvemento apenas variou nos últimos 15 anos. No ano 2009 era do 0,96% e chegou a caer ata o 0,86% no ano 2016. Dende entón vén experimentando un lento ascenso que levou a un aumento de 0,25 puntos en cinco anos e que permitiu, iso si, situarse por riba de varios territorios que ata hai pouco rexistraban datos superiores. Na actualidade Galicia é a sétima das 17 comunidades autónomas en investimento en I+D.
O 1,1% de Galicia fica aínda máis lonxe da media europea, cun dato que duplica ao galego. A porcentaxe que o noso país dedica a Investigación e Desenvolvemento variou moi pouco nos últimos 15 anos
O pasado venres, precisamente, a deputada do BNG Olalla Rodil reclamou un incremento do nivel de investimento en I+D+i "que sitúe Galiza progresivamente no horizonte europeo do 2,5% e deixe atrás o pírrico 1,1% actual". Rodil defendeu "unha política seria en I+D+i fronte aos incumprimentos e ocorrencias en tempo de desconto do PP".
A deputada nacionalista criticou o anuncio do decreto para regular a carreira investigadora realizado por Alfonso Rueda, que cualificou como o “enésimo exemplo da súa nefasta política en ciencia e investigación”, unha política que “sitúa a Galiza no furgón de cola facéndolle perder ao País enormes oportunidades”.
A deputada do BNG Olalla Rodil reclama un incremento do nivel de investimento en I+D+i "que sitúe Galiza progresivamente no horizonte europeo do 2,5% e deixe atrás o pírrico 1,1% actual"
Rodil criticou que o PP "queira facer ás presas no final da lexislatura o que non fixo en catorce anos de goberno". Neste contexto enmarcou o anuncio do decreto para regular a carreira investigadora, “o mesmo anuncio que fixeron en marzo de 2021 no Parlamento e que repetiron en novembro de 2022 dicindo que ía estar feito no primeiro semestre de 2023”, dixo. “Non cumpriron en todo este tempo e agora anuncian que van aprobar o decreto en 2024 despois de ter o proxecto parado durante un ano”, engadiu.
O BNG propón "impulsar a I+D+i como panca de desenvolvemento social, económico e cultural", poñer en marcha o INNOGAL, reter o talento investigador e destinar á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB de aquí a 2030
A investigación xera máis de 12 mil postos de traballo (12.349 medidos en xornadas laborais completas). As mulleres representan o 40,6% deste emprego total
Os datos do INE debullan un gran número de indicadores sobre o investimento en I+D que se realiza en Galicia e sobre o persoal ao que dá emprego o sector. O gasto total ascende a 751 millóns de euros e representa o 4,1% do total do Estado. Así mesmo, xera máis de 12 mil postos de traballo (12.349 medidos en xornadas laborais completas). As mulleres representan o 40,6% deste emprego total.
O investimento realizado polas empresas continúa a ser o máis importante, aínda que en Galicia supón unha porcentaxe inferior á que se rexistra no conxunto do Estado e, en cambio, ten un maior peso o gasto realizado polas universidades ou polas administracións públicas.