Marco Calabria vén de iniciar un proxecto que afonda en investigacións anteriores sobre o efecto protector que ante o deterioro cognitivo ten falar activamente dúas linguas. Porén, dado que "existen moitas formas de ser bilingüe", non está claro aínda "cal destas variables representa unha vantaxe á hora de previr ou atrasar os síntomas"
Dende hai anos existe a constancia de que a aprendizaxe e o uso dunha lingua ten efectos na reconfiguración do cerebro. Tamén, en concreto, de que falar activamente dúas linguas axuda a previr a aparición da enfermidade de Alzhéimer e do deterioro cognitivo. Marco Calabria, profesor da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e investigador do NeuroADaS Lab leva tempo traballando nesta liña, concluíndo hai anos que a prevalencia da demencia onde se fala máis dunha lingua é inferior á das rexións nas que a poboación só utiliza un idioma.
Agora, Calabria vén de iniciar un proxecto que busca afondar nesta investigación, pois "existen moitas formas de ser bilingüe". O bilingüismo presenta moitas variables, dende a idade de adquisición das linguas (como lingua inicial, na mocidade ou máis adiante), ata a competencia real e a frecuencia de uso dos diferentes idiomas. E "non está claro aínda cal destas variables representa unha vantaxe á hora de previr ou atrasar os síntomas desta enfermidade".
A investigación liderada por Calabria estudará diferentes tipos de bilingüismo en falantes de catalán e castelán para determinar cales das súas variables son máis beneficiosas para o cerebro. O proxecto, titulado O bilingüismo nos trastornos asociados ao envellecemento: dende a cognición ata as redes neuronais (BILiARD), conta coa colaboración de Laia Subirats, tamén do grupo NeuroADaS Lab.

"Algúns estudos demostraron que falar máis dunha lingua ten beneficios á hora de atrasar os síntomas cognitivos da demencia até catro e cinco anos. Compararemos diferentes tipos de bilingüismo e, a partir de probas cognitivas e datos de neuroimaxe, determinaremos se ofrece realmente vantaxes e en que ámbitos", explica
"Algúns estudos demostraron que falar máis dunha lingua ten beneficios á hora de atrasar os síntomas cognitivos da demencia até catro e cinco anos. Na nosa investigación, compararemos diferentes tipos de bilingüismo e, a partir de probas cognitivas e datos de neuroimaxe, determinaremos se ofrece realmente vantaxes e en que ámbitos", explica Calabria.
A investigación analizará unha mostra de datos de 2.700 individuos sans obtidos no marco do proxecto ALFA, levado a cabo polo BarcelonaBeta Research Center da Fundación Pasqual Maragall. A maior parte dos individuos, en idades comprendidas entre os 45 e os 74 anos, son fillos de pacientes de Alzhéimer -o tipo máis común de demencia- e foron avaliados no ámbito cognitivo, de hábitos de estilo de vida, e con técnicas de imaxe cerebral. Un 32% das persoas participantes son portadoras da variante xenética APOE4, que incrementa de forma importante o risco de desenvolver a enfermidade, e analizarase se o bilingüismo ten efectos beneficiosos no seu caso. Entre 2016 e 2022, o BarcelonaBeta Research Center fixo un seguimento dos portadores desta variante e polo tanto dispón de datos da súa evolución durante ese período.
Catalunya: un caso de bilingüismo social "case único no mundo"
A investigación analizará unha mostra de datos de 2.700 individuos sans, a maior parte entre os 45 e os 74 anos e fillos de pacientes de Alzhéimer, que foron avaliados no ámbito cognitivo, de hábitos de estilo de vida, e con técnicas de imaxe cerebral
Calabria destaca que se trata dunha grande oportunidade "para estudar unha poboación cunha experiencia lingüística case única no mundo" e que no ámbito do bilingüismo "existen poucos estudos con mostras de gran volume de participantes". "Grazas á colaboración co BarcelonaBeta Research Center, temos a oportunidade de explorar unha mostra de individuos con perfís bilingües diferentes, e isto facilitaranos poder identificar que variables son máis relevantes á hora de determinar un beneficio cognitivo e neural". "O bilingüismo social que hai en Catalunya atópase en poucos países do mundo, con excepcións como India ou unha parte do Canadá", explica Calabria.
Para o investigador, "poder confirmar os beneficios do bilingüismo na cognición e a eficiencia cerebral será unha potente ferramenta que haberá que ter en conta nas estratexias de saúde pública para a prevención da demencia, nun escenario en que a esperanza de vida segue aumentando, pero tamén a prevalencia das enfermidades neurodexenerativas". "A mensaxe que haberá que dar, pois, é que falar máis dunha lingua é útil cando as persoas se fan maiores e que é necesario cultivalo desde idades temperás", afirma Calabria.

En investigacións anteriores, Calabria concluíu que os e as pacientes de Alzhéimer cun maior grao de bilingüismo reciben un diagnóstico de deterioración cognitiva leve máis tarde
En investigacións anteriores, Calabria concluíu que os e as pacientes de Alzhéimer cun maior grao de bilingüismo reciben un diagnóstico de deterioración cognitiva leve máis tarde. Xa nestas pescudas buscou coñecer se "existía algún grao de bilingüismo que tivese vantaxes neuroprotectoras". Así, na súa investigación definiu un gradiente de bilingüismo: desde as persoas que falan só unha lingua pero que están expostas de maneira pasiva a outra, ata os individuos que teñen unha competencia excelente en ambas as dúas e as usan indistintamente no día a día.
Calabria explica que, seguramente, falar dúas linguas e cambiar con frecuencia dunha a outra é un adestramento do cerebro que facemos durante toda a vida.
Afondar na complexidade do cerebro
O principal reto na análise e a interpretación dos resultados é a gran complexidade do cerebro. Ademais de estudar as diferentes áreas deste órgano, hai que analizar as redes neuronais e a correlación de actividades entre áreas
O principal reto na análise e a interpretación dos resultados é a gran complexidade do cerebro. Ademais de estudar as diferentes áreas deste órgano, hai que analizar as redes neuronais e a correlación de actividades entre áreas: "Pasar dos resultados científicos que mostran a implicación dunhas áreas máis que outras á interpretación do que isto significa na prevención da demencia é un reto estimulante, pero non sempre doado", di o investigador.
Os datos de cognición recollidos no estudo ALFA inclúen dominios como a memoria, a atención, as funcións executivas e a fluidez verbal, parámetros que se empregan no diagnóstico da deterioración cognitiva. Para o estudo da estrutura cerebral e o impacto que ten o bilingüismo nesta, disponse de datos de neuroimaxe estruturais e funcionais (de metabolismo) da actividade do cerebro. Con este método pódense analizar volumes inxentes de información para detectar cambios sutís no cerebro que, doutro xeito, non se poderían percibir.