Un estudo conclúe que falar activamente dúas linguas protexe do Alzhéimer e do deterioro cognitivo

O estudo sinala que falar dúas linguas de forma activa protexe do deterioro cognitivo CC-BY-NC giselaatje

O estudo destaca que a prevalencia da demencia onde se fala máis dunha lingua é un 50% inferior á das rexións nas que a poboación só utiliza un idioma

Este luns 21 de setembro celébrase o Día Mundial do Alzhéimer. Coincidindo con esta data un grupo de investigadores e investigadoras vén de publicar na revista Neuropsychologia un traballo que salienta que falar dúas linguas de forma activa durante toda a vida protexe da deterioración cognitiva. O estudo destaca que a prevalencia da demencia onde se fala máis dunha lingua é un 50% inferior á das rexións nas que a poboación só utiliza un idioma. Ademais, segundo este traballo, os e as pacientes de Alzhéimer cun maior grao de bilingüismo reciben un diagnóstico de deterioración cognitiva leve máis tarde

A investigación, liderada por persoal da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) e a Universitat Pompeu Fabra (UPF), centrouse na poboación de Barcelona e a súa área metropolitana, cunha poboación maioritariamente bilingüe. Alí estudaron a 63 persoas sas, 135 pacientes con deterioro cognitivo leve, como perda de memoria e 68 persoas con alzhéimer.

Tomografía do cerebro dun paciente con alzhéimer amosando perda da función no lóbulo temporal Dominio Público US National Institute on Aging

"Queriamos pescudar cal é o mecanismo polo que o bilingüismo contribúe á reserva cognitiva fronte á deterioración cognitiva leve e a enfermidade de Alzhéimer, e se había diferenzas respecto ao beneficio entre os diferentes graos de bilingüismo"

A pescuda analizou a individuos procedentes de barrios predominantemente catalanfalantes, outros castelanfalantes e outros de tipo mixto. "Quixemos aproveitar esta variabilidade, e no canto de comparar a persoas monolingües e bilingües, examinamos se dentro de Barcelona, onde todo o mundo é en maior ou menor grao bilingüe, existía algún grao de bilingüismo que tivese vantaxes neuroprotectoras", explica Marco Calabria, profesor dos Estudos de Ciencias da Saúde e membro do grupo de investigación Cognitive NeuroLab da UOC.

"Queriamos pescudar cal é o mecanismo polo que o bilingüismo contribúe á reserva cognitiva fronte á deterioración cognitiva leve e a enfermidade de Alzhéimer, e se había diferenzas respecto ao beneficio entre os diferentes graos de bilingüismo, e non só entre persoas monolingües e bilingües", engade. Así, a investigación definiu un gradiente de bilingüismo: desde as persoas que falan só unha lingua pero que están expostas de maneira pasiva a outra, ata os individuos que teñen unha competencia excelente en ambas as dúas e as usan indistintamente no día a día. 

No estudo, os e as investigadoras recolleron nun cuestionario a competencia lingüística en catalán e español, e estableceron o grao de bilingüismo que tiña cada persoa. Logo, correlacionaron este grao coa idade do diagnóstico neurológico e o inicio dos síntomas.

Calabria explica que, seguramente, falar dúas linguas e cambiar con frecuencia dunha a outra é un adestramento do cerebro que facemos durante toda a vida

"Vimos que as persoas cun grao máis alto de bilingüismo recibían un diagnóstico de deterioración cognitiva leve máis tarde que as persoas que eran bilingües pasivas", destaca Calabria, que explica que, seguramente, falar dúas linguas e cambiar con frecuencia dunha a outra é un adestramento do cerebro que facemos durante toda a vida

Segundo este investigador, esta "ximnasia lingüística" está relacionada con outras funcións cognitivas, como o control executivo, que se pon en marcha cando realizamos varias accións á vez, por exemplo, cando conducimos, para axudarnos a filtrar a información relevante. O sistema cerebral do control executivo está relacionado co sistema de control de ambas as linguas: ten que alternalas, facer que o cerebro se centre nunha e logo noutra para non facer intrusións dunha lingua na outra cando falamos. 

"Vimos que canto máis uses as dúas linguas e mellor competencia lingüística teñas, maior vantaxe neuroprotectora tes. O bilingüismo activo é, de feito, un preditor importante do atraso na aparición dos síntomas da deterioración cognitiva leve -unha fase preclínica da enfermidade de Alzhéimer-, porque contribúe á reserva cognitiva", engade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.