Coincidindo co Día Mundial do Alzhéimer, este xoves 21 estréase en Compostela Na Butaca. A obra, sobre un texto de Esther Carrodeguas, achégase dende o teatro contemporáneo á realidade do Alzhéimer dende o punto de vista da persoa afectada. A representación, que terá lugar ás 20.30 horas no Teatro Principal, serve tamén para recadar fondos en beneficio de AGADEA (Asociación Galega de Axuda os Enfermos con Demencias tipo Alzheimer).
A obra achégase á realidade do Alzhéimer dende o punto de vista da persoa afectada
O libro co texto de Carrodeguas (autora de Voaxa e Carmín) tamén chega ás librarías este xoves 21 de setembro, nunha coidada edición a cargo de Galaxia. Despois da estrea en Compostela, que conta co apoio do Concello, a obra viaxará a Rianxo (22 de setembro), Cambados (23), A Estrada (29), Ribeira (1 de outubro), Vigo (10, 11 e 12 de outubro), Redondela (21 de outubro), Cee (28 de outubro) e O Porriño (17 e 18 de novembro).
A obra de ButacaZero "achéganos a unha realidade que por veces nos amosa paz e outras angustia; felicidade ou rabia. E xunto a ela imos do cómico ao escatolóxico pasando polo transcendente", destacan os seus responsables. "Na Butaca remata por ser un alegato –poético- a favor da vida vivida no presente. Ao fin e ao cabo, quen non pensou algunha vez que o esquecemento nos faría máis felices?", din.
O libro co texto de E. Carrodeguas tamén chega ás librarías este xoves 21 de setembro, da man de Galaxia
Está protagonizada por Pepa Barreiro, que traballou con Esther Carrodeguas dende o primeiro día para conseguir crear un texto que se amoldara perfectamente á poética da escritora pero tamén á potencia escénica da actriz. Decidiron embarcarse neste proxecto xuntas porque ambas tiñan familiares con doenzas relacionadas co esquecemento. Mais reflexionando nas táboas sobre a enfermidade chegaron "a crear un proxecto que en realidade vai máis aló, dando un punto de vista filosófico sobre o vivir no presente, sen a presión continua que adoito sufrimos do noso pasado e o noso futuro: preocupacións, culpas, ambicións...", explican.
O proxecto complétase con obradoiros de Teatro e Memoria, deseñados para grupos de envellecemento activo, e cun Foro-teatro para alumnado de Bacharelato
O proxecto Na Butaca vai máis alá do texto e da representación, ofrecendo dúas actividades complementarias que se irán desenvolvendo en moitos dos lugares onde chegue a obra. Por unha banda, obradoiros de Teatro e Memoria, deseñados para grupos de envellecemento activo, para coidadores e coidadoras, para alumnado de institutos.... Cada obradoiro virá deseñado particularmente, "demostrando que o teatro é unha ferramenta moi útil para traballar a memoria", destacan. Ademais, a xira de Na Butaca ten previstas numerosas funcións para Bacharelato, para o cal ButacaZero deseñou, da man da psicóloga social Amantia Coello, un teatro foro posterior á obra, para que o alumnado poida reflexionar sobre as temáticas presentes no texto.