Unha vintena de investigadores e investigadoras do programa María Zambrano "para a atracción de talento internacional”, 15 deles na Universidade de Santiago, reclama unha prórroga que permita manter en marcha os proxectos
O programa María Zambrano é un conxunto de partidas económicas e axudas lanzado polo Ministerio de Universidades en 2021 que teñen como obxectivo a "atracción de talento internacional” entre persoal investigador, tanto español como doutros países. Nos últimos anos foron moitos os investigadores e investigadoras que se acolleron a el, sobre todo para retornar a universidades do Estado. En principio, buscábase que este fose un primeiro paso para a súa estabilización nos centros de investigación españois, evitando a precariedade e falta de continuidade doutros procesos. Pero non sempre está a ser así.
Unha vintena de investigadores e investigadoras María Zambrano que traballan en centros galegos están a piques de rematar os seus contratos, sen que se momento haxa perspectivas para a súa continuidade. 15 deles e delas están na Universidade de Santiago e o resto dependen da Universidade de Vigo, da Universidade da Coruña e de centros da Consellería de Educación.
Nos últimos anos estes investigadores e investigadoras puxeron a andar en Galicia proxectos de investigación e solicitaron fontes de financiamento estatal e internacional que, en moitos casos, aínda están á espera de resolución. "Todo ese traballo nace e morre connosco", alertan
Todos eles e elas reclaman "de maneira urxente" unha prórroga dos seus contratos que lles permita "consolidar os proxectos de investigación iniciados". Nos últimos anos estes investigadores e investigadoras puxeron a andar en Galicia proxectos de investigación e solicitaron fontes de financiamento estatal e internacional que, en moitos casos, aínda están á espera de resolución. "Todo ese traballo nace e morre connosco", alertan, e engaden que "a perda destes impulsos científicos representará un prexuízo significativo para as nosas universidades, para a comunidade científica, así como para os territorios que habitamos".
Denuncian que neste momento se enfrontan a unha "situación insostible" ás portas da finalización do programa e lembran que todos eles e elas abandonaron os seus postos de traballo como investigadores no estranxeiro "atendendo a un plan de atracción de talento internacional comprometido coa recualificación do sistema universitario español –tal e como propuña a convocatoria pública que nos atraeu e que esixía unha traxectoria consolidada en centros internacionais-".
"En vez de promover a retención e a consolidación das persoas investigadoras que participamos do programa, ningunha institución habilitou mecanismos de consolidación das persoas investigadoras atraídas", denuncian
Critican que o programa María Zambrano "non está cumprindo cos seus obxectivos de recualificación do sistema universitario español" pois "en vez de promover a retención e a consolidación das persoas investigadoras que participamos do programa, ningunha institución habilitou mecanismos de consolidación das persoas investigadoras atraídas".
Varios destes investigadores e investigadoras están xa a buscar saídas noutros territorios para a continuidade dos seus traballos e proxectos, pero demandan aos centros galegos a articulación de solucións para a súa estabilización.