Investigal recorre a convocatoria de estabilización postdoutoral da Xunta, que pecha a porta a quen acadara un contrato fóra de Galicia

Investigadoras nun centro galego © CIG

O principal programa galego para contratar persoal investigador con tese de doutoramento incorpora novidades significativas, nomeadamente un aumento da duración dos contratos ata 6 anos, pero tamén algúns criterios de acceso e avaliación duramente criticados pola Rede Galega pola Investigación

O pasado luns 19 de febreiro a Xunta publicou a convocatoria de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral para o ano 2024. O principal programa galego para contratar persoal investigador con tese de doutoramento incorpora este ano novidades significativas, nomeadamente un aumento da duración dos contratos ata 6 anos, que unifica o que no pasado eran as modalidades A e B. Porén, a convocatoria incorpora outras dúas mudanzas que veñen de ser criticadas por InvestiGal - Rede Galega pola Investigación, que xa presentou un recurso.

A convocatoria atópase de facto dividida en dúas, unha xestionada pola Secretaría Xeral de Universidades (SXU) para contratacións nas universidades do SUG e outra xestionada pola Axencia Galega de Investigación (GAIN) para contratacións noutros organismos de investigación.

Análise de mostras nun laboratorio © Misión Biolóxica de Galicia (CSIC)

Os criterios de acceso "deixan fóra a calquera persoa candidata que conseguira algún contrato noutra convocatoria competitiva estatal ou que asinara un contrato en calquera centro de investigación do estranxeiro"

A principal novidade é que a convocatoria incorpora un compromiso de estabilización ao finalizar os seis anos pero cuns criterios de acceso que "deixan fóra a calquera persoa candidata que conseguira algún contrato noutra convocatoria competitiva estatal ou que asinara un contrato en calquera centro de investigación do estranxeiro", sinala Investigal. "A convocatoria convértese nunha vía de estabilización coa porta de entrada pechada para aqueles perfís que foron quen de obter contratos temporais de investigación a través de procesos altamente competitivos. Ademais de ser esta unha medida que vai contra o desenvolvemento dun sistema investigador galego de primeiro nivel, é manifestamente arbitraria e inxusta, non atendendo aos principios de igualdade, mérito e capacidade na selección do persoal que debe nutrir as universidades públicas galegas", denuncia a entidade.

A medida "vai contra o desenvolvemento dun sistema investigador galego de primeiro nivel" e é "manifestamente arbitraria e inxusta"

A segunda crítica de Investigal refírese aos criterios de avaliación na convocatoria dependente da Secretaría Xeral de Universidades, na que se outorgan 25 puntos discrecionais a aquelas áreas que cada universidade considere como de particular interese. "Tendo en conta que o proxecto investigador aspira a un máximo de 30 puntos, InvestiGal considera isto unha perversión do que deben ser unhas axudas posdoutorais que financien persoal investigador sólido e capaz en base á súa valía, non pola área na que traballen", sinala a entidade

Ademais, a posibilidade de outorgar os 25 puntos a discreción converteuse nunha coartada para que algúns departamentos das universidades realizaran preseleccións arbitrarias e non transparentes de persoas candidatas"

Investigal engade que "nas pasadas semanas fomos testemuña de como a posibilidade de outorgar os 25 puntos a discreción se converteu nunha coartada para que algúns departamentos das universidades realizaran preseleccións arbitrarias e non transparentes de persoas candidatas, que en ningún caso se atopan previstas na convocatoria da Xunta". "Estas accións reproducen e actualizan dinámicas universitarias sobradamente coñecidas que levaron a unha endogamia crónica no noso sistema, e que non fan máis que lastrar o seu desenvolvemento e posicionamento no ecosistema internacional", conclúe.

A asociación remata explicando que as axudas dependentes da Secretaria Xeral de Universidades convértense así "nun híbrido entre unha convocatoria posdoutoral junior (o que viñan sendo ata o de agora) e unha convocatoria que camiña cara a estabilización, popularmente coñecida como tenure track"

"Estas accións reproducen e actualizan dinámicas universitarias sobradamente coñecidas que levaron a unha endogamia crónica no noso sistema, e que non fan máis que lastrar o seu desenvolvemento e posicionamento no ecosistema internacional", conclúe Investigal

A existencia dunha convocatoria con compromiso de estabilización foi unha reivindicación histórica de InvestiGal; porén, "esta convocatoria non reflexa o espírito da mesma, senón que o perverte e converte nunha vía de selección de persoal para as universidades que deixa fóra a moito persoal con interese en asentarse en Galicia e potencialmente moi competitivo no plano investigador", conclúe a entidade.

Investigal subliña que o recurso presentado é "unha oportunidade para que a SXU reconsidere a súa posición no que se refire aos criterios de acceso e á avaliación desta convocatoria" e reitera a súa disposición "a colaborar e participar no proceso que leve a unha revisión da mesma, converténdoa nun avance que impacte positivamente no desenvolvemento dunha carreira investigadora galega completa e ben deseñada".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.