De 1815 a 2023: Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos anotan a Jane Austen para os ollos de hoxe

Raquel C. Pico, María Ramos Domínguez (no centro) e Ana Bulnes son as autoras das anotacións de 'Emma', de Jane Austen, editado por Sushi Books © Lucía Neira

 

No seu afán de achegar os clásicos aos lectores e lectoras máis novas, o selo Sushi Books publica 'Emma', de Jane Austen, en galego con anotacións a cargo das xornalistas Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez

"Que un home solteiro lle pedise a unha moza en idade de casar un baile podía ser por educación (moza que quedara soa nunha volta) ou para amosar un certo interese; que lle pedise o primeiro baile era moi significativo, pero que lle pedise os dous era xa de interese maiúsculo". Emma, de Jane Austen, publicado por primeira vez no ano 1815 por John Murray en Londres, é unha comedia romántica pioneira xa que foi escrita antes de que se definira o xénero como tal. A pesar dos séculos que nos separan do momento no que sucede é unha historia que resulta próxima para as persoas lectoras de hoxe polo seu particular humor.

No seu afán de achegar os clásicos aos lectores e lectoras máis novas, o selo Sushi Books publica agora a novela en galego con anotacións como a que inicia esta reportaxe, que están a cargo das xornalistas Ana Bulnes, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez. "É unha boa edición para que calquera se faga coa obra porque achega a época e pode facilitar a lectura, que non é que sexa complicada, pero se non estás afeito a ler novelas de hai dous ou tres séculos podes atopar algunha dificultade. En todo caso, sempre digo que só hai que ler con calma e confiar nos autores, e nas que fixemos as anotacións tamén, claro!", di Ana Bulnes.

Capa do libro 'Emma', de Jane Austen, na edición anotada en galego © Sushi Books

Emma Woodhouse, a protagonista desta historia, conectou co público a través das xeracións. Ten unha particularidade e é que non persegue o matrimonio como fin, todo o contrario. "Podemos medio pensar que Emma era Jane Austen, pero a súa situación era moi diferente", salienta Bulnes.

No prólogo do libro apuntan as circunstancias vitais de Austen, muller solteira que tirou do seu irmán para poder publicar as súas novelas, de gran éxito xa na época. "Non é que non houbese máis mulleres escritoras, pero ela non o tivo especialmente fácil. Cando se fala dela sempre xorden preguntas sobre a súa vida sentimental e por que non casou nunca. Non temos nin idea, pero podemos pensar que ela tiña moi claro que se casaba todo sería aínda máis difícil para escribir", debulla a xornalista cofundadora da revista Disquecool xunto a Raquel C. Pico.

"Aínda que pareza prosaico, no caso das traducións ao galego a simple extensión é moi limitante", explica o tradutor Moisés Barcia

"É bastante sorprendente que co pulo da tradución ao galego que houbo nos últimos anos todas estas escritoras inglesas decimonónicas quedaran un tanto esquecidas. Como estou dentro do negocio, intúo –e case podo dicir que teño a certeza– do motivo: a tremenda extensión das obras. Con todo, dun tempo a esta parte empezan a traducirse cousas, pero como se está facendo no caso do galego, que non hai un plan exhaustivo nin se atende a un ámbito específico", conta Moisés Barcia, director de Rinoceronte Editora, que conta co selo Sushi Books para o público máis novo.

De feito, a editorial Laiovento vén de publicar Cumes Torboentos, de Emily Brontë e Irmás Cartoné está a piques de distribuír nas librarías Jane Eyre, de Charlotte Brontë. Porén, Moisés Barcia, que se encargou de traducir Emma ao galego, confirma que é arriscado apostar por estas obras: "Aínda que pareza prosaico, no caso das traducións ao galego a simple extensión é moi limitante. Cando vas ter unha tirada como as nosas, que traballamos con fornadas que parten dos 300 exemplares, imaxinando a ganancia que se lle saca a cada un deses libros e a cantidade de meses que leva traducir estas novelas de cincocentas páxinas xa se obtén a resposta sobre o risco. A maiores, nas axudas á tradución da Xunta a extensión dos libros é unha cuestión secundaria, por iso son minoritarias as traducións que se publican de máis de duascentas páxinas". 

© Lucía Neira

"En Sushi Books temos a iniciativa de tratar de achegar aos lectores xuvenís literatura clásica pero sen resumila nin abreviala nin condensala", di Moisés Barcia

Moisés Barcia apostou pola tradución de Emma do inglés ao galego, pero non o fixo a priori pensando no público xuvenil. "A novela saíu publicada en Rinoceronte en novembro de 2022 con anotacións que fixen eu mesmo de tipo histórico e lingüístico, sen entrar en máis fonduras. Pero dun tempo a esta parte, en Sushi Books temos a iniciativa de tratar de achegar aos lectores xuvenís literatura clásica pero sen resumila nin abreviala nin condensala: presentando os textos íntegros e acompañándoos de algún tipo de texto crítico introdutorio que poida axudar a dixerilo. Neste caso, eu sabía destas tres rapazas extraordinarias, intelixentísimas, divertidas, feministas e reivindicativas e entregámoslles o texto para que fixeran achegas dende a súa óptica", detalla o tradutor. 

María Ramos Domínguez le Emma unha vez ao ano, Raquel C. Pico xa gostaba da novela e para Ana Bulnes foi unha primeira lectura. Entre as tres combinan diferentes maneiras de achegarse a un mesmo texto. "Non sabiamos como repartirnos o traballo porque era totalmente novo para nós, o que fixemos foi escoller temas que ían saíndo ao longo de toda a historia, como o feminismo, o protocolo de visitas, as comidas, os horarios e o transporte. Creamos un documento común e fomos engadindo aí as cousas que nos parecía interesante apuntar. Foi un traballo bastante independente, pero compartido", sinala Bulnes. Nesas notas, para nada invasivas, contan as diferencias que marca o feito de ter unha carruaxe ou non tela ou como tiñan xeados no 1815. 

"Cheguei a Emma virxe de todo porque non lera o libro e non vira ningunha adaptación. Se non sabes nada está moi guai porque hai unha cousa que cando chegas a ela sorprende moito", conta Ana Bulnes

Ana Bulnes recoñece que é máis de literatura de finais do século XIX e principios do XX, e fiel lectora e seguidora de Virginia Woolf. De Jane Austen lera Orgullo e prexuízo (editada en galego por Sotelo Blanco en 2005), Sentido e sensibilidade e en dúas ocasións Persuasión (traducida ao galego por Celia Recarey en Irmás Cartoné no ano 2017). "Moitas veces, cando leo cousas do pasado, teño a sensación de que tratan temas moi actuais. Pero xa pensaban isto daquela? Como seguimos nesta situación agora se xa o tiñan claro hai dous ou tres séculos? Son preguntas que me fago lendo estas novelas", conta.

"Para min facer estas anotacións foi unha revelación, agora só quero facer isto o resto da miña vida", confesa a xornalista, que espera repetir a experiencia. "Eu cheguei a Emma virxe de todo porque non lera o libro e non vira ningunha das adaptacións, así que non tiña nin idea da historia. Se non sabes nada, está moi guai porque hai unha cousa que cando chegas a ela cara ao final do libro sorprende moito, tanto que igual tes que volver cara a atrás. A novela está moi ben escrita e moi ben estruturada, pero non vou eu aquí a descubrir que Jane Austen é unha boa escritora. O que si podo dicir é que na nosa edición non hai spoilers, que é algo que non me gusta nada atopar nas introducións ou notas dos libros clásicos; que sexan clásicos non significa que non os poidas desfrutar por primeira vez", defende Bulnes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.