Ana G. Liste

Unha ducia de novidades editoriais para comezar ben o curso

Visitar as mesas de novidades das librarías en setembro ben pode converterse nunha tradición para o inicio do curso, tanto para quen volve ás aulas como para quen continúa a súa andaina laboral. Seleccionamos unha ducia de propostas das editoriais galegas para ler na recta final do ano. Entramos no outono e xa se lle nota aos días, pero que non falten lecturas.

  1. 01

    'Diario de dúas casas', de María Villamarín

    Debut literario de María Villamarín a partir dun relato en primeira persoa a camiño entre dous universos, o da aldea onde naceu e o da cidade na que vive. Diario de dúas casas publícase na colección Rúa do Lagarto, de Euseino?, e mostra unha voz nova, sincera e con moitos matices para quen le, que atopará acubillo na contemporaneidade das reflexións que inundan o libro.

  2. 02

    'Síbaris', de Domingo Villar

    A moi agardada peza teatral que Domingo Villar quería levar aos escenarios chega ás librarías coa Editorial Galaxiapara encontrarse coas lectoras. Unha obra arredor das inseguridades de quen escribe que se presenta en clave de comedia e que terá unha xira polos teatros do país da man da compañía Condetrespés. A dramaturxia galega incorpora unha nova voz, aínda que por desgraza é de forma póstuma.

  3. 03

    'Pícache a curiosidade?', de María Canosa e Ro Ledesma

    Cumio publica este libro divulgativo que transmite de maneira sinxela a orixe de cousas do día a día como de onde vén a auga que sae pola billa, como se sostén un avión no aire ou mesmo como se fabrican os libros. Con ilustracións de Ro Ledesma e textos de María Canosa, está recomendado para maiores de seis anos.

  4. 04

    'Os mil e un días', de Carmen Villar Alonso

    Sempre na procura da sombra que deixan as palabras. A xornalista Carmen Villar Alonso publica o seu primeiro poemario con Xerais tras un exercicio case diario compartindo as consecuencias da beleza e a escuridade nas súas redes sociais. Poesía e fotografía do cotiá, agora nunha escolma en formato libro, para que non se perda.

  5. 05

    'Emma', de Jane Austen

    Emma é un clásico de sobra coñecido da escritora británica Jane Austen. Agora non só temos a oportunidade de lelo en galego grazas á tradución de Moisés Barcia en Sushi Books, senón que a editorial presenta unha edición especialmente prologada e anotada para o público xuvenil. Ana Bulnes Fraga, Raquel C. Pico e María Ramos Domínguez son as encargadas de achegar aos millennials e á xeración z esta obra. Salvando as distancias, o filme Clueless adaptou a historia para a mocidade dos noventa.

  6. 06

    'Xa vemos palmeiras', de Ana Cabaleiro

    O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela, en colaboración coa Residencia Literaria 1863 e o Consulado Xeral de España en Xerusalén, permitiu a Ana Cabaleiro desenvolver esta novela que agora chega ás librarías da man de Edicións Xerais. Unha excursión polo deserto de Merzouga, no Sáhara marroquí, traerá para unha rapaza galega consecuencias inesperadas.

  7. 07

    'Maruja Mallo. Enigmaticamente única', de María Canosa e Bea Gregores

    A artista inmortal Maruja Mallo vista a través da arte de Bea Gregores e contada pola pluma de María Canosa. Unha sorte de artefacto literario editado por Bululú que repasa os aspectos fundamentais da vida da pintora de Viveiro, que rachou cos condicionantes da muller na súa época e segue iluminando coa súa obra a outras artistas na actualidade.

  8. 08

    'O resto é ceo', de Silvia Penas

    A poeta viguesa Silvia Penas percorre neste poemario a illa de Cabo Verde, da terra e da lingua, en definitiva, da linguaxe ao redor do corpo. O resto é ceo, editado por Malafera, conta cun prólogo de Quico Cadaval e unha portada obra de Ramón Trigo.

  9. 09

    'O corazón dos paxaros', de Xerardo Quintiá e Nuria Díaz

    Xerardo Quintiá escribe un alegado contra a caza neste álbum ilustrado por Nuria Díaz pensado para público infantil e xuvenil. O corazón dos paxaros (Xerais) pon o foco na necesidade de mudar a nosa relación cos animais a través do humor, a poesía e os xogos de palabras.

  10. 10

    'Millennials. Unha xeración entre dúas crises', de Raquel C. Pico

    Raquel C. Pico escribe en complicidade coa súa xeración, a dos millennials, este libro que sentiu necesario para poñer un pouco de contexto entre crise e crise. A dos nados entre finais dos oitenta e principios dos noventa é unha xeración que vive “nunha sorte de eterna xuventude precaria”, como destacan desde a Editorial Galaxia.

  11. 11

    'Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete', de Héctor Pena

    Aproveitemos este momento de reivindicación das mulleres no fútbol para achegarnos a este libro do xornalista Héctor Pena, publicado na colección ‘O noso deporte’, da Editorial Galaxia. Da porteira pioneira neste deporte no país, Irene González, ata os nosos días, con referentes como Vero Boquete, Mari Paz Vilas ou Teresa Abelleira.

  12. 12

    'Deiche ollos e miraches as tebras', de Irene Solà

    Traducida a máis de trinta linguas con Canto eu e a montaña baila, a escritora catalá Irene Solà (Malla, 1990) volve ser traducida por María Alonso Seisdedos ao galego con Deiche ollos e miraches as tebras, que tamén publica Kalandraka na colección Faktoría K. Trátase dun mosaico de historias de mulleres desprezadas por bruxas, no que hai moita maxia.