O xornalista, escritor e cómico Carlos Meixide (Vilagarcía, 1977) publica Ons, unha novela xuvenil que, en palabras do propio autor, é unha novela xuvenil do xénero das aventuras vacacionais. O escenario é Ons. Os protagonistas, catro rapaces -Anabel, Fátima, Suso e Roi- entre os trece e os dezaseis anos que nun verán se ven inmersos nun dobre crime que sacode a illa. A partir de aí comeza a acción dun libro que tamén afonda na descuberta na adolescencia e no espertar ás atraccións. Xusto dez anos despois d'O home inédito -cuxa primeira edición viu a luz en formato dixital-, Meixide autoedita este volume que presentará o próximo mércores ás 20.00 horas na Casa de Xantar Silveira de Compostela. Para o deseño da cuberta, contou co traballo da pintora María Meijide.
Dez anos despois d'O home inédito, chega Ons. Trátase dunha novela xuvenil, dun rexistro ben diferente. Se son sincero, hei de dicir que lembro moito O Home inédito e aquí botaba de menos “un Anxo Quintela de finais dos noventa” ou un Paco Macías ben recoñecible...
Dalgunha maneira, cando saíu O home inédito fai dez anos, respondía a un modelo de novela moi concreto e diferente. Ons é doutro tipo, é unha novela xuvenil. É certo tamén que, neste tempo, escribín algo máis nese rexistro d'O home inédito. De feito, teño outra que se chama Inge e Robbie, outra novela que quero presentar proximamente. Quero darlle unha reviravolta, que a deixei repousar un tempo. Son dous holandeses que veñen a Compostela. Pero esta, Ons, é un rexistro xuvenil, en concreto un que sempre me apaixonou e que vén sendo o de aventuras vacacionais dun grupo de adolescentes. Tipo Os cinco, tipo Verano Azul... Tamén me apaixonou moito o tipo de novela de adolescentes en institutos, tipo a serie Los rompecorazones e esas cousas que había antes. Pois está é a miña primeira incursión neste modelo de aventuras vacacionais. E gústame, porque ao final, os adolescentes teñen ese gran punto de iniciación á vida e a sexualidade, pero despoxado de todas as merdas que temos xa cando somos máis grandes. Entón, interesábame explorar por aí.
"Os adolescentes teñen ese gran punto de iniciación á vida e a sexualidade, pero despoxado de todas as merdas que temos xa cando somos máis grandes. Entón, interesábame explorar por aí"
Nese xénero vacacional mestúranse, habitualmente, dous elementos. Por unha banda, o misterio. Pola outra, o asunto de iniciación. En Ons cumprimos coas dúas vertentes, xa que presenciamos un par de crimes.
Si, pero eu non diría que é unha novela de misterio. Diría que é unha novela de acción. Porque normalmente neste tipo de obras non hai un gran misterio. Normalmente o misterio sabémolo case dende o inicio. Non hai unha vontade de desvelar un misterio. Realmente o que hai é acción. En Ons, son catro rapaces que por unha serie de circunstancia se ven metidos nunhas peripecias. É acción pura e dura. A verdade é que hai demasiada inflación do misterio. Non son moi fan dos misterios, son máis fan da acción porque se desenvolven os personaxes doutra maneira, sen o condicionante de resolver un quebracabezas.
"Lembro que nunha ocasión que fora presentar O Home inédito ao instituto de Bueu, os rapaces dixéronme: “Por que non fas unha novela en Ons?” E eu dixen: “A que a fago?” E isto é un pouco o resultado"
Por que situala en Ons? Que teñen as illas para este tipo de novelas?
As illas teñen un punto moi acaído para este tipo de historias. E porque ademais, lembro que nunha ocasión que fora presentar O Home inédito ao instituto de Bueu, os rapaces dixéronme: “Por que non fas unha novela en Ons?” E eu dixen: “A que a fago?” E isto é un pouco o resultado. Así que agardo que me conviden, ademais de que sexa lectura recomendada no instituto de Bueu. Que me conviden para llo dicir a ese rapaz. Bueno, vaia, agora xa será universitario, claro.
"Nas cantidades nas que nos movemos é totalmente asumible a autoedición, no sentido de que vas gañar máis. E o principal libreiro en Galicia somos nós mesmos"
O home inédito publicouse en formato dixital primeiramente. Esta Ons vai autoeditada. Lévase mal co sistema editorial? Non o queren? Non o quere vostede?
Non, non me levo mal co sistema editorial. Pero realmente non me entendo con el [Risos]. Coas tiraxes nas que nos movemos e co mercado no que nos movemos... É que non lle vexo moito sentido meterse na edición sobre todo se a edición se converte nun proceso complicado. Realmente, nas cantidades nas que nos movemos é totalmente asumible a autoedición, no sentido de que vas gañar máis. E o principal libreiro en Galicia somos nós mesmos. Quero dicir, un é a librería que máis vai vender. Os libros que vendemos directamente aos nosos coñecidos, amigos, á nosa contorna... Aí comeza todo, despois vén o resto da distribución, unha distribución que, se o pensas, non é unha distribución tan inabarcable para un mesmo. Sobre todo nestes momentos, con todas as ferramentas que temos na rede e coas redes sociais, que son un camiño clarísimo para conectar co público obxectivo dunha maneira máis que eficiente. A autoedición é unha solución para gañar máis do noso propio traballo, tendo en conta o ridículo que son as ganancias que poidamos ter se non se dá un pelotazo editorial. E se dás un pelotazo editorial, máis diñeiro levarás cunha autoedición.
E como asume vostede esa distribución?
Pois con presentacións formais, en librarías de confianza e promoción.
En librarías podemos atopalo sen problemas?
Si, diso xa me encargo eu directamente. Mira, tamén foi autoedición O disco díscolo dos da Ría e non funcionou nada mal. Xa hai unha experiencia detrás. Ademais, a autoedición permíteche facer o libro con máis cariño e estar máis pendente del. É un produto moito máis teu, máis que feito por unha editorial... Que non digo que unha editorial non o faga ben, pero ás veces podes quedar á marxe de todo o proceso. E ao final es o principal nome que vai alí, pero es dos últimos en sacarlle rendemento a esa obra que fixeches. E despois hai outra cousa: as editoriais fíxanse moito en ti cando pegas o pelotazo por fóra. Por exemplo, O home inédito como o publicamos na rede, despois acudiron con interese porque xa era un produto que demostrara eficacia. A verdade, creo que isto é dun tamaño demasiado reducido como para non tomalo polas nosas mans. En todo caso, que non hai ningunha hostilidade cara ao mundo editorial. Pero vaia, que eu o fago por fóra...
"A autoedición permíteche facer o libro con máis cariño e estar máis pendente del"
Sen desvelar demasiado, os crimes están relacionados cunha trama que ten que ver coas vinganzas e coa represión dos movementos obreiros nos anos setenta...
Non sei se me importa demasiado que desveles moito. Primeiro, porque non hai misterio e segundo, porque son un home de principios. Os finais fágoos porque hai que facelos, o cal non quere dicir que non os traballe. Eu lembro que, cando fun a Ons recentemente, me atopei cuns rapaces da idade aproximada dos protagonistas que falaban de Franco e da ditadura. Chamoume moito a atención como falaban. Non lembro o que dicían exactamente, pero era algo así como “Franco era ditador si, pero non debería ser tanto porque tenía pistola y no la usaba”.
En Ons, cúmprese tamén o típico do xénero de aventuras adolescentes de que os adultos están por alí e non deixan de ser un pouco caricaturas. Temos un pai que é profesor da Universidade da Coruña que só pensa en fumar maría ou un garda civil que é un malvado de libro. E non destripo nada, xa sabemos dende o minuto un que ese señor é o malo.
Si, sábese dende o comezo case sen pudor ningún. Gústame moito nestas novelas os papeis que xogan os adultos, que son os referentes de autoridade, pero andan todos apapostiados. Non se decatan de nada.
"Non creo que os xornalistas precisen unha carreira universitaria. Pero penso máis nos medios de comunicación que temos, que son infames"
Lembro que hai un tempo nunha entrevista en Biosbardia, Dolores Vilavedra falaba que na actualidade había moito xornalista que comezaba a escribir por estar no paro, por ter tempo e por probar sorte. Entra vostede nese perfil?
Non che vou dicir que non. Eu escribo porque teño máis tempo do que tiña, gústame e os xornalistas, por defecto, teñen certa tendencia a escribir. Se cadra en Galicia é algo máis novo, porque a universidade de Ciencias da Comunicación é algo relativamente recentes e antes estaban as letras copadas polos profesores. En todo caso, en infantil e xuvenil non son tantos. Rosa Aneiros, agora Héctor Cajaraville... Creo que os xornalistas están chamados a copar un pouco o asunto. Pero si, se cadra ao ter esta Facultade de Ciencias da Comunicación tan prolífica á hora de xerar profesionais, pois si que hai moitos que se introducen no sistema literario galego.
O de Facultade “prolífica” non sei se soou con algo de sorna...
Non, non teño queixa ningunha cara á facultade, máis alá de que me parece innecesaria. Non creo que os xornalistas precisen unha carreira universitaria. Pero penso máis nos medios de comunicación que temos, que son infames. A situación laboral é precaria e estamos como estamos. Temos que buscar a vida por onde puidemos. E o alcol e a literatura sempre foron dúas saídas bastante recorrentes.
E os escenarios tamén no seu caso?
Todo o que non dea moito traballo, si. [Risos]
No libro fala vostede dos da Ría nunha referencia así un pouco gratuíta...
Si, sempre o fago. Ademais hai outra cousa. Tomás Lijó [o compañeiro de Meixide no grupo Os da Ría] é, probablemente, a persoa real con máis referencias literarias en Galicia. Xa leva saído nunhas cantas novelas. Unha de Séchu Sende, outra de Marilar Aleixandre, n'O Home Inédito e nalgunha máis... Entón, non quero que deixe de aparecer en novelas para agrandar esa lenda. E aproveito para meter a Os da Ría neste libro, si. Xa que é unha autoedición pois aproveito para promocionar outras autoedicións propias. Paréceme bastante razoable.
"Imos sacar xa ese disco mítico que está vendido por crowdfunding dende fai tempo e ímolo gravar xa coa idea de estarmos no Culturgal"
E como van Os da Ría?
Imos sacar xa ese disco mítico que está vendido por crowdfunding dende fai tempo e ímolo gravar xa coa idea de estarmos no Culturgal. Vai ser un disco máis modesto, con seis temas novos, máis senlleiros. Un pequeno agasallo para os nosos fans que fai tempo que non saben dos nóscolos.
Levan un tempo medio desaparecidos, non?
Si, porque estamos un pouco maiores. É que Galicia mudou moito, non? Fíxate como está todo. Agora xa é un mundo sen glute e a nós cóllenos un pouco maiores. Somos máis de carne, de empanada. Non encaixamos nisto das Mareas, creo que temos que deixarlle paso a rapazadas, a Poetarras e todos estes.
"A xente non se decata de que a política, moitas veces, máis ca unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión xeracional. E o mamoneo co poder ten esas cousas, que só o vemos nos outros"
Na Ultranoite do verán, que Chévere fixo no Auditorio de Galicia, Os da Ría se cadra non encaixaban totalmente. Foron os máis mordaces co goberno municipal.
A Ultranoite estivo moi ben, pero nós estabamos moi preocupados ao comezo porque xa sabes que Os da Ría estamos moi agóstele con todos os gobernos e non nos gusta ir a criticarelar. E as Ultranoites sempre foron moito de criticar os gobernos, pero xa vimos que non, que xa non. Agora estabamos encantados co poder. Que se Martiño isto, que se Martino aquilo... [Ri] Mesmo subiron os alcaldes de Santiago, Ferrol e A Coruña ao escenario. Aquilo era como cando estabamos co PP na televisión... pero en progre. Nunca vin tantos alcaldes nun camerín. Agora en serio, eu supoño que a xente non se decata de que a política, moitas veces, máis ca unha cuestión ideolóxica, é unha cuestión xeracional. E o mamoneo co poder ten esas cousas, que só o vemos nos outros... pero inda que é comprensible certo nivel de agradecemento vindo da situación que vimos, Conde Roa e toda esa loucura, non deberiamos esquecer tampouco o que somos: bufóns. E os bufóns métense co poder por sistema, independentemente de quen o teña, nunca o celebran. Así é como o vexo eu. Pero en fin, que a Ultranoite molou moito. Mesmo o dixo Alfredo Conde [Ri].
Está facendo amigos.
Si, estou de promoción. [Risos] Pero vaia, non pasa nada. Espero que sobre todo non se perda o sentido do humor. Refírome a estes gobernos novos. Porque claro, estar na oposición e facer campañas é moi divertido. Pero logo gobernar, cansa, claro. Estou moi contento do cambio nos concellos pero como simple cidadán cansa moito recibir seguido a través do Facebook toda esta gravedade que vés cada día: que se tiveron unha xornada laboral de quince horas, que se lles levaron a contraria no pleno, que se os criticaron na prensa... Vaia, pero que pensabades? Deberían esquecer todo iso facer o que teñen que facer que para algo están no poder. Se molas, molas... non deberías estar tan preocupado polas consecuencias do que fas. Como dicía o Chapulín Colorado, que é o Maquiavelo do século XXI: 'síganme los buenos', 'que no panda el cúnico', e 'no contaban con mi astucia'. Pero prefiro que non me preguntes moito por política, que son moi sentido e corro o risco de converterme no Caneiro da miña xeración e iso dáme un pouco de pudor cunha obra tan exígua.
De acordo. Teremos novo álbum dos da Ría daquela no Culturgal, non?
Si, no Culturgal, onde Os da Ría xa somos un referente pola nosa capacidade insaciable de venda. Entón imos ver como podemos chamar a atención outra vez. A última vez que fomos, vendemos rifas para premiar con visitas guiadas por San Caetano. Para esta ocasión, estamos pensando en vender fume, cantidades industriais de fume.
"Inge e Robbie é unha novela que teño pensado publicar proximamente. E a diferencia de Ons, vai un pouco máis polo ronsel de O Home Inédito"
E sobre esa outra novela, que se pode adiantar?
Inge e Robbie é unha novela que teño pensado publicar proximamente. E a diferencia de Ons, vai un pouco máis polo ronsel de O Home Inédito, aínda que en realidade tampouco teña moito que ver. Inge e Robbie naceu da vontade de experimentar coa miña capacidade de fabulación, por iso trátase dunha sucesión de historias diversas e dispersas no espazo e no tempo, a través dun leve fío común: a viaxe de Inge e Robbie, unha parella de holandeses en crise, a Santiago. Trátase, en fin, dunha sorte de viaxe ao máis profundo da noite... compostelá. Como asumo que as comparacións co Home Inédito son inevitables, cómpre advertir que en Inge e Robbie temos un humor máis triste e desencantado. Esta novela é resultado dun período da miña vida emocionalmente convulso e iso transmítese as páxinas de cando en vez, por iso quixen deixalo repousar e retomalo agora para velo con outros ollos, un chisco máis afastado daquel tempo, e, con certeza, algo máis enteiro no emocional.