Ledicia Costas (1979), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Escarlatina, a cociñeira defunta (2015) vén de tirar do prelo A señorita Bubble, con ilustracións de Andrés Meixide na colección 'Sopa de Libros' de Xerais. Nel volve artellar un universo espectacular que xira arredor dunha inventora, unha muller diferente e sorprendente, que engaiola desde a primeira páxina. A súa prosa, a construción dun universo marabilloso propio, é o que a define, a que a consolida coma escritora de referencia, coma embaixadora da nosa cultura, cunha creación literaria única.
Por que a Señorita Bubble?
Quería darlle unha volta ao estereotipo do inventor home. A señorita Bubble reivindica o papel das mulleres na ciencia, historicamente silenciadas en incontables ocasións. No plano narrativo quería que esta inventora fose unha muller estrafalaria, dotada dunha intelixencia extraordinaria, que tivese intacta a capacidade de soñar, e tamén de facer soñar aos demais. De feito, todo isto é o que engaiola as irmás Noa e Sofi, e ao mesmo tempo, o que provoca o rexeitamento do resto da veciñanza.
Nos teus libros sempre funciona a maxia.
Intento que sempre exista un elemento máxico que abrace toda a historia. Neste caso estaba interesada en mergullarme no universo steampunk. O estilo vitoriano, as máquinas de vapor, as poleas, as engrenaxes... máquinas imposibles que funcionan precisamente alimentadas pola forza da maxia. O universo da señorita Bubble está repleto de artefactos pensados para repartir felicidade. Vivimos nunha sociedade hipertecnoloxizada onde semella que o elemento humano é secundario. Por isto os enxeños da señorita Bubble están cheos de humanidade.
Na construción dos personaxes en que te inspiraches? Que querías transmitir?
"No libro aparecen referentes que naceron de lecturas e películas que me marcaron, dende Frankenstein ata Willy Wonka"
Ao longo do libro aparecen distintos referentes que naceron das miñas lecturas ou das películas que me marcaron ao longo da miña vida. Desde o Frankenstein de Mary Shelley ata Eduardo Manstesoiras, ou Willy Wonka. É algo que fago de xeito inevitable, case sen me decatar. Coma eles, a Señorita Bubble vive case recluída. Lonxe dunha sociedade ignorante, que a despreza e a teme. No outro extremo estarían Noa e Sofi, dúas nenas imaxinativas, dispostas a deixarse sorprender polo que a vida lles ten preparado. A creatividade, e por extensión, a lectura, como a cura contra unha sociedade que padece a síndrome do corazón gris. E logo están as achegas de Andrés Meixide, que fixo medrar este universo, tanto coas súas marabillosas ilustracións como coas ideas que achegou á historia. Teño moita sorte de poder traballar con persoas así de creativas.
N'A Señorita Bubble hai moitas personaxes femininas ademais dela, e entre elas, dúas que chaman especialmente a Buldog e a Caniche desde o punto de vista do xénero. Por que dúas mulleres e caracterizadas así?
"A partir de dúas das personaxes pode facerse unha reflexión sobre os estereotipos"
De novo teño que falar dos meus referentes. Hai unha personaxe feminina na historia da literatura que a min me marcou. Sae nun dos meus libros favoritos. Matilda, de Roald Dahl. Falo da señora Trunchbull. Esa mestra de dimensións desproporcionadas que esperta o pavor no seu alumnado. Unha lanzadora de martelo que non ten reparos en agarrar das trenzas a unha nena e lanzala voando polos aires. Co humor como recurso, construín a Bulldog, antagonista da Señorita Bubble, e tamén a súa irmá, a Caniche. A temida bibliotecaria con alerxia aos nenos. Nunha ocasión, sendo eu unha cativa, esquecín devolver un libro na biblioteca da escola e fun castigada sen ler pola bibliotecaria. Con todo isto na cabeza, deseñei estas personaxes, estas dúas mafiosas cheas de carraxe e de odio que son mestras, mais aborrecen a poboación infantil. Caractericeinas así de xeito deliberado. Unha é moi masculina, a outra delicadísima. Creo que de a partir dese retrato pode facerse unha reflexión sobre os estereotipos.
Ilustracións de Andrés Meixide para A señorita Bubble
A idea fundamental do libro é o medo ao diferente en xeral, hai moito de crítica social.
Sempre me preocupou a cuestión da diversidade. Amólame que a sociedade rexeite por sistema aquelas persoas que saen do convencional. Imaxino que por iso no libro hai moitos personaxes que son diferentes e non encaixan na norma. A propia señorita Bubble, as irmás Noa e Sofi, Vincent, ese neno cun corazón de ouro... E tamén por esta razón, entre as páxinas desta obra latexan emocións de todo tipo. O lectorado vai atopar momentos en que os personaxes estouran de alegría e outros en que a tristura consegue envolvelo todo. Mais ao final do camiño sempre hai unha luz á que aferrarse.
Que opinas de que o decreto do plurilingüismo exclúa o galego da rama científico-técnica?
"Excluír o galego da rama científica supón unha mensaxe implícita da Administración: a lingua galega non ten prestixio para unha área tan importante"
Todas as linguas do mundo teñen prestixio de seu, son o máis valioso que posúe unha cultura. Excluír o galego da rama científica supón unha mensaxe implícita por parte da Administración Pública: a lingua galega non ten o prestixio necesario para estar presente nesta área tan importante. Na miña etapa como estudante de Secundaria, eu recibín clases de Matemáticas e de Física en lingua galega e sei que ese feito contribuíu en gran medida a que unha rapaza castelán falante como eu era, tomase a decisión de empezar a falar en galego. Ser escolarizada en lingua galega foi algo determinante. O galego estaba presente nas clases de lingua, si, mais tamén nas clases de historia, nas clases de química, nas clases de matemáticas... Ao cabo, dúas máis dúas son catro en calquera lingua do mundo! Creo que ten que haber unha reflexión profunda por parte da Administración Pública e reformular esta cuestión. E nós, como cidadás galegas, debemos facer visible esta eiva tan importante e pelexar ata conseguir que mude.
- NA TENDA DE PRAZA | A señorita Bubble, de Ledicia Costas, editado por Xerais