Dávila, Berta: A ferida imaxinaria. Edicións Xerais de Galicia: Galicia. 176 pp.
A Editorial Xerais vén de publicar o novo libro da escritora Berta Dávila, A ferida imaxinaria, que non é «unha historia», senón «as historias» de varias personaxes que se nos presentan dende distintos puntos de vista
A Editorial Xerais vén de publicar o novo libro da escritora Berta Dávila, A ferida imaxinaria, que non é «unha historia», senón «as historias» de varias personaxes que se nos presentan dende distintos puntos de vista. As protagonistas son dúas parellas de irmáns que están distanciadas de dous xeitos distintos e que afrontan o loito de maneiras tamén diversas. En primeiro lugar, a protagonista que abre o primeiro capítulo e máis Beatriz están xuntas no plano espacial, mais as súas personalidades opostas e a súa incapacidade comunicativa mutua mantéñenas afastadas. En segundo, Marga e Paula están separadas pola idade, máis dunha década de distancia, por traumas non compartidos e por vivencias ben diferenciadas, pero tamén pola decisión da propia Paula de tomar distancia coa súa familia. Porén, todas elas están máis preto do que pensan. As súas son historias ou camiños que se cruzan en distintos puntos e evolucionan como os días ata a chegada da eclipse, evento polo que todo o mundo, agás as protagonistas, está moi interesado ao longo da obra.
A protagonista primeira fálanos con total confianza. Cóntanos a recente morte do pai e a súa incapacidade para ocuparse da venda da casa familiar e, en xeral, para tomar decisións
A protagonista primeira fálanos con total confianza. Cóntanos a recente morte do pai e a súa incapacidade para ocuparse da venda da casa familiar e, en xeral, para tomar decisións. Con ela atopámonos por primeira vez coa evasión do dó a través da compra de dous peixes, Cleo e Rob, que conseguen ocupar a súa mente con novos problemas e que, finalmente, desaparecen da súa vida. Aínda así, a protagonista continúa a evadir as responsabilidades e opta pola televisión. Comeza así empregar unha gran cantidade de horas vendo series para distraerse e evadirse, mesmo chega a pensar que a súa realidade é a que ve nas series e non a que vive. Coa caída do aparello acaba enfrontándose, e por orde de súa irmá Beatriz, á situación, pero novamente á súa maneira: nunha fuxida cara ao descoñecido. Non obstante, neste último momento é onde comeza, e ao mesmo tempo remata, por dedicarse o tempo que necesitaba para asimilar a vida e a morte.
A ferida imaxinaria pon de manifesto unhas vidas particulares, cotiáns en certos actos e actividades, complexas e duras noutras situacións, cun estilo coidado
A protagonista cóntanos tamén como é a súa irmá Beatriz, á que coñecemos máis profundamente polos seus actos posteriormente: unha muller que ordena a súa vida, a da súa filla, a da súa irmá e a de moitas outras persoas que non saben nin quen é en verdade. Beatriz é unha mentireira compulsiva, condición que emprega para resolver os problemas dos demais a través da creación dunha personaxe que lle granxea un novo soporte económico. Noutras ocasións é unha persoa que busca o conflito, mesmo con descoñecidos, como medio de liberación, mais acaba atopando con Ernesto e Marieta.
Esta parella de anciáns son a resolución de problemas imaxinarios, de catástrofes pouco probables, a prevención desmedida. O matrimonio ten dúas fillas, unha delas non pode falar, o que leva á formulación dunha reflexión sobre como etiquetamos ás persoas por oposicións e non tanto polas súas calidades positivas, propias e independentes, algo que xa aflorara na descrición que se nos proporciona de Cleo e Rob.
Na segunda parella de irmáns, Marga é unha escultora que conseguiu unha beca para pasar unha tempada nunha residencia, dende a que pode ver a casa familiar da primeira parella de irmás. Durante a súa estancia, a verdadeira descuberta de Marga son Ernesto e Marieta, que loitan contra catástrofes que seguramente endexamais cheguen a producirse, algo que os mantén unidos: «unen as desgrazas imaxinarias, separan as desgrazas fácticas» (p. 65). Marga pensa a miúdo na súa irmá Paula, quen vive errante, confiada a tarotistas ficticias e a participacións en concursos televisivos baleiros. O encontro de Paula con Ernesto e Marieta prodúcese de xeito indirecto, a través do ganso da parella.
A autora, acostumada a facernos recorrer os pasos das súas personaxes a través da súa propia introspección para chegar a aquelo que non se ve, que non sabe ninguén máis que cada unha delas, preséntanos n’A ferida imaxinaria una trama con miles de matices complexos, mais sinxela de seguir, xa que a súa lectura resulta imposible de deter.
A ferida imaxinaria pon de manifesto unhas vidas particulares, cotiáns en certos actos e actividades, complexas e duras noutras situacións, cun estilo coidado, que fai que quen le se sinta suavemente mergullado ou mergullada na vida das protagonistas do mesmo xeito que lle ocorre á primeira delas a través das series. N’A ferida imaxinaria trátanse moitos temas de actualidade por medio dunhas personaxes que non son xulgadas, senón presentadas dende a visión interior de cada protagonista, dende o parecer das personaxes coas que cada unha delas comparte tempo nalgún momento da trama e dende os seus propios actos. Con todo, tamén se pode atopar unha conciencia de clase que non debe pasar desapercibida: «Diría que estiven a piques de enfermar de melancolía, de nostalxia e de resignación, pero decateime de que non tiña diñeiro dabondo para todo iso. Cando a tentación da autocompaixón reaparecía, pensaba no diñeiro que non tiña e o enfado sepultaba a languidez anterior» (p. 90). Non se trata dunha crítica brutal ao sistema, mais quizais conteña moita máis forza que outros discursos para tomar conciencia de moitas realidades invisibilizadas sobre as que se chama a atención e se anima a deter a mirada, a velas e a ouvilas.
Vemos así que A ferida imaxinaria son os distanciamentos buscados e os encontros fortuítos. É, ademais, a evasión dos distintos tipos de dores que produce a vida e a morte cara á compaña de animais como poden ser Cleo e Rob ou o ganso de Ernesto e Marieta. O cruce de camiños entre as protagonistas ou incluso entre as protagonistas e o matrimonio prodúcese tamén a través dos animais, que atopan un destino fatídico por distintas vías, todas elas entrecruzadas tamén. En definitiva, A ferida imaxinaria é unha fenda que nos obriga a pousar a vista sobre a dor, aínda que as protagonistas traten de evadila ou canalizala de formas diferentes. As personaxes de Berta Dávila son complexas e profundas como as súas vidas, como o seu pasado e mesmo o seu presente, como as súas vivencias e os seus traumas. A autora, acostumada a facernos recorrer os pasos das súas personaxes a través da súa propia introspección para chegar a aquelo que non se ve, que non sabe ninguén máis que cada unha delas, preséntanos n’A ferida imaxinaria una trama con miles de matices complexos, mais sinxela de seguir, xa que a súa lectura resulta imposible de deter.