Dez euros para ver o Pórtico da Gloria, pero se son para conservalo

Unha visita ao Pórtico da Gloria © Fundación Catedral

A decisión da Catedral de Santiago de cobrar por visitar o Pórtico da Gloria fixo agromar nas últimas semanas a polémica sobre o acceso aos bens patrimoniais e, ademais, sobre o financiamento da Igrexa Católica. As obras de restauración e conservación da Catedral de Santiago recibiron nos últimos anos 17 millóns de euros por parte das distintas administracións públicas, co obxectivo que completar unhas actuacións que rematarán aínda no ano 2020. Así mesmo, a Fundación Barrié achegou uns 6 millóns de euros que serviron especificamente para os traballos de restauración do Pórtico da Gloria, finalizados este verán, e que lle devolveron á magna obra do Mestre Mateo o seu esplendor e cores orixinais

A partir do mes de decembro, a entrada ao Pórtico terá un custo de 10 euros (8 euros para persoas desempregadas e outros colectivos) e permitirá participar nunha visita guiada de 45 minutos en galego, castelán ou inglés, en grupos de 25 persoas como máximo. Os grupos escolares pagarán 2 euros por neno ou nena. Ademais, existirá un billete combinado que por 12 euros (10 con tarifa reducida e 3 para grupos escolares) incluirá tamén a visita á Colexiata do Sar e ao Museo Catedralicio. O ingreso ao resto da Catedral de Santiago continuará a ser libre.

Dende a Fundación Catedral destácase que os cartos que se recaden servirán para "facer fronte á conservación e mantemento do Pórtico" e aseguran que "nin un só euro irá a parar á Igrexa"

Dende a Fundación Catedral destácase que os cartos que se recaden servirán para "facer fronte á conservación e mantemento do Pórtico" e aseguran que "nin un só euro irá a parar á Igrexa". Defenden que o pasado ano as entradas ao Museo Catedralicio xeraron uns ingresos de 1.274.942 euros e que os custos de mantemento deste espazo ascenderon a unha cantidade equivalente: 1.266.358. "E o mesmo sucederá cos cartos que se recaden polas visitas ao Pórtico da Gloria", sinalan. A Fundación Catedral calcula que o Pórtico será visitado por unha media de 475 persoas cada día, o que xerará uns ingresos de case 5.000 euros diarios, uns 1,8 millóns de euros anuais.

O parteluz do pórtico, tras a súa restauración © Fundación Barrié

Porén, as explicacións do cabildo compostelán non contentaron ao BNG, que foi moi crítico co feito de que a Catedral cobre polo acceso ao espazo restaurado. "O Pórtico non se pode converter nunha máquina de facer cartos para a Igrexa Católica", destacou a formación nacionalista, que subliña que "despois das cantidades de diñeiro público que se investiron, entendemos que a Xunta algo ten que dicir".

Mentres, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta) sinalou que o cobro de entrada pode estar xustificado sempre que os cartos ingresados sirvan para asegurar a conservación do Pórtico e puxo como exemplo a proposta de taxa turística que o defende o seu Goberno municipal, e que busca que turistas e visitantes contribúan ao mantemento do casco histórico e dos servizos públicos que tamén reciben. Noriega pediu, así mesmo, que se amplíen os períodos de visita gratuita para as persoas residentes en Santiado de Compostela. A proposta inicial da Fundación é que poidan entrar de balde dous grupos de composteláns todos os domingos á tarde, ás 18:30 horas e ás 19 horas, o que representa 50 persoas por semana. 

 

Detalle do Pórtico da Gloria restaurado © Fundación Barrié

De igual forma, na última semana de setembro a Comisión de Cultura do Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do PSdeG-PSOE para solicitarlle á Igrexa que abra o Pórtico da Gloria e as catedrais de Mondoñedo, Ourense e Tui sen cobrar entrada un mínimo de 4 días ao mes durante 4 horas. A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, lembrou que así o obriga a Lei de Patrimonio. A responsable socialista denunciou “unha situación de absoluta inxustiza que a Xunta tolera porque lle tolera todo á Igrexa” e puntualizou que “non se pode tolerar que incumpran a Lei de Patrimonio”.

80.000 visitantes en menos de 2 meses para ver as cores orixinais do Pórtico

Representantes das institucións, no acto de inauguración do Pórtico restaurado © Concello de Santiago

O pasado mes de xuño remataron os traballos de restauración do Pórtico da Gloria iniciados hai tres anos co obxectivo de protexer a obra, moi deteriorada, e recuperar o seu aspecto orixinal. Os traballos permitiron estabilizar o conxunto e preservar a policromía que aínda se conserva dun risco inminente de perda definitiva, protexéndoa para futuras xeracións. Tamén supuxo unha oportunidade de excepción para profundar no coñecemento desta obra e da arte románico en xeral, así como nos procesos de deterioración que afectan os conxuntos de pedra policromada.

Nos menos de dous meses que o Pórtico puido ser visitado -de forma gratuíta- tralo remate destes traballos (dende o 27 de xullo ata o 18 de setembro), case 80.000 persoas accederon ao espazo (en quendas de 15 minutos, unicamente), dando lugar a longas ringleiras que se estendían pola Praza do Obradoiro, ante a imposibilidade de reservar a entrada previamente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.