O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que vén de ser restaurado, poderá ser visitado a partir dos últimos días deste mes de xullo, probablemente a partir do día 27. Nese momento abrirase un programa de visitas "axiles" (máximo 15 minutos), gratuíto e sen posibilidade de reserva, que permitirá a residentes e visitantes contemplar a obra do Mestre Mateo en todo o seu esplendor. Este luns tivo lugar o acto de inauguración do restaurado Pórtico da Gloria, unha vez concluídos os traballos de conservación e restauración aos que foi sometido dende o ano 2009 e que permitiron recuperar as cores orixinais e que melloraron o seu nivel de conservación.
Agora comezará un programa de visitas "ordenado" que busca facer compatible o gozo desta obra mestra e, ao tempo, a aplicación das necesarias medidas de conservación preventiva que protexan o monumento e impidan un novo deterioro. Estas medidas son, principalmente, o mantemento dunhas condicións medioambientais estables e a regulación dos fluxos de visitas. Cómpre ter en conta, ademais, que a partir deste outono se iniciarán obras no interior da Catedral, que obrigarán a “encapsular” o Pórtico da Gloria para evitar filtracións de po.
Así, entre ese día 27 de xullo e o momento no que comecen estas obras e teña lugar o "encapsulamento", realizaranse visitas en grupos reducidos (25 persoas), cunha duración de 15 minutos e en horario de 8 a 22 horas. Accederase dende a praza do Obradoiro, a través da escalinata monumental, por rigoroso orden de chegada, sen posibilidade de reserva previa.
En determinadas circunstancias, e por motivos de conservación derivados de variacións climáticas, principalmente relacionadas coa presenza de altos niveis de humidade ou exceso de calor, o Pórtico da Gloria non poderá abrirse ás visitas. A segunda fase iniciarase no momento en que se leve a cabo o encapsulamento do Pórtico. Está a deseñarse aínda o modelo de visitas que se implantará e que, en todo caso, "permitirá continuar coas visitas ordenadas coas concrecións que se especificarán en canto estean suficientemente testadas", destaca a Catedral de Santiago.
O 27 de xullo iniciaranse as visitas, que serán gratuítas, por un máximo de 15 minutos e sen posibilidade de reserva
Hai case unha década a obra do Mestre Mateo atopábase nunha situación crítica, con constantes desprendementos de material e complexos mecanismos físico-químicos de degradación dos materiais. Nas obras investíronse 6,2 millóns de euros, e a restauración do Pórtico da Gloria foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié. A Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia destacou este luns que nos últimos días "tivemos ocasión de coñecer polos medios dous extremos absolutos na forma de tratar o patrimonio cultural. Por unha banda, o inceptable tratamento aplicado á escultura de Estella do séc. XVI, realizada por persoal absolutamente descoñecedor das prácticas habituais na conservación e restauración de bens culturais. Por outro lado, tivemos a oportunidade de coñecer os resultados da maravillosa intervención realizada durante estes últimos 10 anos no Pórtico da Gloria, na que participaron profesionais da conservación e restauración, moitos deles alumnos en prácticas e egresados do noso centro". "A diferenza fundamental entre ambas as dúas situacións, aínda que non a única, é a preparación dos profesionais que realizaron o traballo", subliña o centro.
No outono comezarán obras na Catedral que obrigarán a 'encapsular' o Pórtico e a modificar o sistema de visitas
Nesta imaxe interactiva pódese comprobar a forma en que os traballos de restauración modificaron o aspecto que previamente amosaban a pedra e as figuras (clica na imaxe e móvea á esquerda ou á dereita).