Novo capítulo do futuro do Gaiás: outro cambio de usos e promesa de reducir gastos

Vista do Gaiás e do espazo que ocuparían os edificios pendentes CC-BY-SA Merixo

O pasado xoves o Consello da Xunta dáballe o seu visto e prace ao Plan Estratéxico da Cidade da Cultura. Ao remate da xuntanza o presidente, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba algúns detalles do documento chamado a guiar ata 2018 o funcionamento do inacabado complexo, pero remitiría a prensa á presentación oficial do texto, vinte e catro horas máis tarde no propio Gaiás. Como estaba previsto este venres o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, presentouse no auditorio da Biblioteca de Galicia. Acompañado pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz, presentou, pero non revelou, o contido do plan. Nunha comparecencia sen preguntas remitiuse, desta volta, á intervención que realizará no Parlamento o vindeiro martes. Mentres, e á marxe das presentacións audivisuais do acto, apenas deixou unhas pinceladas que falan dun novo cambio de usos dalgúns dos edificios e dunha nova promesa de redución de gastos.

Sobre a base da indefinición os responsables gobernamentais explicaron que o plan é "froito dun proceso de reflexión estratéxica", que o Gaiás debe ser unha "oportunidade para a cultura de base" e que apostan por unha "programación de calidade", que mesmo inflúa na expansión da "marca país Galicia". Ademais, aseguran, a súa intención é "converter" a Cidade da Cultura "nun proxecto economicamente sostible e socialmente rendible" mediante a "incorporación de novos socios estratéxicos, tanto públicos como privados". Esta primeira aproximación complétaa González Loroño co enunciado, que non explicación dos catro "plans de acción" previstos: "de acción cultural", "de marketing e comunicación", de "mecenado e de participación empresarial" e "de explotación".

Os servizos do Arquivo pasan á Biblioteca e no espazo libre anúnciase un centro "especializado na incubación de empresas culturais"

Máis filosófica que práctica foi tamén a intervención da titular de Facenda, centrada na importancia que a creatividade e as industrias culturais teñen en Europa. "A abundancia de talento non é un privilexio das rexións máis desenvolvidas", evidenciou, para despois engadir que "non abonda con ter boas ideas" senón que se "precisa dunha estratexia e recursoe conómicos". "Sabemos como, e temos unha estratexia" para facer da "cultura e da innovación" os "motores do cambio produtivo de Galicia", proclamou, para despois introducir a vontade da Xunta de cofinanciar o Gaiás con fondos europeos.

Entre as escasas conclusións prácticas que é posible tirar desta nova presentación do futuro do Gaiás figura o que xa semella enésimo cambio de usos dos edificios xa construídos. Once anos despois do inicio das obras os servizos do Arquivo de Galicia pasarán á biblioteca -agás os depósitos documentais- e no "espazo liberado" crearase un "centro de emprendemento creativo", "especializado na incubación de empresas culturais". O concibido como edificio de servizos centrais será agora "centro de innovación cultural e modernización tecnolóxica de Galicia", auspiciado entre a Fundación Cidade da Cultura e a Axencia de Modernización (Amtega). É aquí onde se ubicará o centro de proceso de datos da Xunta, ata agora distribuído por diferentes dependencias administrativas.

A Agadic traslada a súa sede ao complexo do Gaiás, que optará a albergar o Womex 2014

No ánimo de encher fisicamente o complexo semella estar tamén un novo traslado, exposto por Jesús Vázquez como unha "materialización" da "aposta do Goberno" polo proxecto. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) trasladará a súa sede á Cidade da Cultura e, ademais, a consellería presentará unha candidatura para que en 2014 se celebre alí o Womex, o maior festival de músicas do mundo. Todo isto, di, acontecerá ao tempo que a Xunta "diminúe progresivamente" a súa achega económica "ata nun 50%". A aspiración é ter que inxectar só 4,5 millóns de euros e que os demais ingresos cheguen de "patrocinios, vendas ou alugueres" para unha programación que tamén é unha incógnita, agás a previsión de realizar unha exposición centrada no Camiño de Santiago.

Os técnicos do concerto que na noite do propio venres a islandesa Björk ofrece na praza central do complexo nun palco semellante ao de calquera festa urbana de Galicia -ningún dos edificios ten capacidade dabondo e o destinado a escenario non se construirá- remataban de aquelar o evento mentres Vázquez "ratificaba inequivocamente a suspensión dos novos edificios" e evitaba, malia á insistencia, contestar as preguntas dos xornalistas. O próximo capítulo, o martes no Parlamento.

Muñoz, Vázquez e Loroño, durante a presentación © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.