Cando a Xunta de Manuel Fraga comezou a engraxar con diñeiro público o proxecto da Cidade da Cultura incluíu nel proxectos especialmente rechamantes. Entre eles figuraban unha biblioteca cun "millón de libros", un contraditorio "museo de novas tecnoloxías" e tamén o que se deu en chamar "Bosque de Galicia", co que se repoboaría o monte que, paradoxalmente, fora parcialmente arrasado para erguer o complexo deseñado por Peter Eisenman. O proxecto de tal bosque rexurdiu en 2012, cando o Goberno de Alberto Núñez Feijóo presentou o Plan Estratéxico do Gaiás, e volveu durmir nunha gabeta ata que, despois de enviar a Agustín Hernández á alcaldía de Santiago, a Xunta se lanzou a anunciar todo tipo de proxectos para capital de Galicia. O suposto bosque xa comezou a ser prantado e a súa factura, que non deixa de subir, disponse a superar o medio millón de euros.
Malia ás críticas xurdidas dende o mundo da bioloxía e do ecoloxismo, onde o 'Bosque de Galicia' foi lido como unha "aberración conceptual en materia de biodiversidade", o presidente da Xunta proclamou que o proxecto ía tornar nun "símbolo de defensa do bosque tradicional galego" e nun "activo de gran valor ecolóxico e paisaxístico". Xa en plena precampaña o propio Feijóo ascendeu ao Gaiás xunto a Hernández para participar na plantación dun bidueiro -as árbores proceden dun viveiro de Lugo- e asegurar que, cando estea rematada a "creación" deste espazo será "o bosque máis importante da Autoestrada do Atlántico".
Feijóo presentou o proxecto como un "símbolo de defensa do bosque tradicional" e como "o bosque máis importante da Autoestrada do Atlántico"
Aínda que parte da plantación se está a realizar con traballo voluntario a Xunta admitiu daquela que o prezo da plantación ascendía a 300.000 euros, un "custe axustado ás posibilidades e á realidade do momento económico actual", afirmou daquela Feijóo. No entanto, o xefe do Executivo obviou que aínda restaba, cando menos, outra inxección económica que case duplica o importe e que a empresa pública Seaga está a tramitar dende os primeiros días de agosto.
Seaga tramita dende comezos de agosto o contrato da iluminación do 'bosque', no que a Xunta gastará algo máis de 270.000 euros
Foi, concretamente, o pasado día 5 cando a compañía dependente da Consellería de Medio Rural iniciou os trámites para contratar as obras da "rede de ilumnación para camiños do Bosque de Galicia", un contrato para o que reserva algo máis de 273.000 euros que, sumados ao gasto inicial do bosque, achegan o gasto aos 600.000. Con estes cargos a Xunta instalará nesta zona do monte Gaiás unha luminaria cada 10 metros. Serán, concretamente, "balizas formadas por unha carcasa de fundición de aluminio con acabado en pintura gris grafito" e unha estrutura interior de aceiro inoxidable.
Dado que nalgúns puntos a "pendente do terreo non permite o acceso mediante un camiño ou unha escalirrampa" o que a Xunta presenta como "bosque" terá tamén "pequenos tramos de escaleira", cando menos para "salvar o desnivel existente entre o camiño construído inicialmente para servizo da obra da Cidade da Cultura e a parte superior do monte". Os accesos dende a parte baixa do monte, áreas de descanso ou mesmo algunhas das árbores serán especificamente alumeados cunha instalación que, segundo o prego de condicións ao que teñen que axustarse as empresas interesadas, implicará o trazado de toda unha rede eléctrica subterránea pola zona, o que afastará aínda máis o proxecto dun bosque natural.