Crespo insiste en situar o presunto conseguidor da Zeta no círculo "íntimo" de Feijóo

Crespo, ante a prensa nos xulgados © CRTVG

Gerardo Crespo volve apuntar alto no PP. O principal imputado na operación Zeta, na que se investigan unha presunta fraude millonaria de axudas e cobro de subvencións por cursos de formación que nunca se terían realizado, asegurou este xoves que o suposto conseguidor da trama, Pachi Lucas, é "moi amigo e gran protexido" do presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, e "íntimo amigo" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Crespo asegura que Pachi Lucas é "moi amigo e gran protexido" de Rajoy e "íntimo amigo" de Feijóo

O empresario coruñés é o presunto líder dunha trama que investiga o Xulgado de Instrución número seis da Coruña sobre o cobro de subvencións polo que imputou a trinta persoas, entre elas cargos públicos, organizacións de autónomos, fundacións e profesionais, pola suposta comisión dos delitos de fraude de subvencións ou estafa e malversación de caudais públicos, falsidade documental, suborno e branqueo de capitais.

Logo do acto de conciliación previo á querela por supostas inxurias e calumnias contra a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato -que rexeitou as acusacións a través do seu representante legal e non acudiu- Gerardo Crespo cumpriu coa promesa que antes fixera na súa conta de Twitter. "Síntoo moito pero teño que defenderme; demostrarei que a conselleira e Feijóo menten", puxera na rede social. E así insistiu ante os xulgados da Coruña.

"A conselleira claramente calumniou cando dixo frases como que en nove comunidades enganamos. Non traballamos en nove comunidades, para empezar. Traballamos en Galicia, en Asturias, en Castela e León, en Madrid e en Canarias. Non son nove", asegurou aos medios de comunicación Gerardo Crespo, militante no PP e home forte da formación na cidade, pero que agora é moi crítico coa cúpula do seu partido en Galicia. 

O presunto líder da trama Zeta acusa a Feijóo de "fartarse de mentir" e nega que fose o PPdeG quen mandase ao fiscal o caso

Centra os seus dardos, especialmente, en Feijóo, ao que acusa de "fartarse de mentir" cando asegura que foi o PPdeG o que o mandou ao fiscal. "Claramente mente porque isto nace cando unhas empregadas de Caype denuncian a empresa na Xunta e dous meses máis tarde van á Policía, que é a que empeza o proceso de investigación", dixo. Segundo explica, a partir de aí chegan as intervencións telefónicas e un mes máis tarde "o fiscal da Xunta informa a Alberto Núñez Feijóo e a Carlos Negreira -alcalde da Coruña"-, polo que "eles actúan e revogan o que estaba en marcha".

"Revógannolo a todos os que temos os teléfonos picados cando non existen na historia revogacións de programas integrais de emprego. Isto deixa claro que non son eles os que nos mandan a fiscal", insistiu sobre unha entrevista na que Feijóo nega que Pachi Lucas sexa o seu amigo. "Di que se o tivese de amigo non nos mandaría ao fiscal. Primeiro porque o ten e segundo porque non nos mandou ao fiscal. Mándannos obrigados para desmarcarse de nós. Non só é amigo de Alberto Núñez Feijóo, é moi, moi amigo e gran protexido de Mariano Rajoy. Pachi Lucas é un pontevedrés que queda orfo cando é novo e é apadriñado por familias de Pontevedra onde está Mariano Rajoy", continuou.

Crespo asegura que Pachi Lucas "fai ben o seu traballo e coas beizóns de Feijóo"

"Localízoo a través destas familias de Pontevedra e fíchoo como empregado para as miñas empresas porque me parece o mellor representante, o mellor comercial posible. El fai o seu traballo, faino ben e coas beizóns do presidente da Xunta", insiste, tras negar tamén as palabras da conselleira Mato, que asegura que "nunca na historia" das empresas do empresario se fixeron os cursos denunciados. "É outra calumnia, outra mentira facilmente demostrable", teima. 

Así, asegura que ten mil arquivadores con toda a documentación de cursos entre DNI de alumnos, sinaturas de asistencia e actas de inspección dos inspectores da Xunta, que son "os primeiros sorprendidos aquí", xa que "inspeccionan os cursos ao empezar, no medio, máis no medio e ao final", e "logo auditan todas as facturas e por último pagan se está todo ben, se non, non".

Mato acusa "a súa propia Consellería e os seus propios conselleiros antigos de prevaricar", posto que para facer fraude en cursos de formación "habería que pór de acordo non só a conselleiros e directores xerais, senón aos inspectores das delegacións territoriais". "Tería eu que ter unha arte e unha maxia que, desde logo, non posúo. É imposible facer ningún curso falso na comunidade autónoma de Galicia", argumentou.

 

Querela contra Beatriz Mato

Pola súa banda, o seu avogado, José Ramón Sierra, lamentou a ausencia da conselleira no acto de conciliación. Así, precisou que a querela que teñen previsto presentar contra ela responde non só ás manifestacións realizadas pola conselleira no Parlamento galego, -nas que acusou o empresario de enganar as administracións públicas para obter subvencións- senón a outras realizadas en medios de comunicación.

"Non só dixo que houbo unha investigación por parte da Administración sobre os cursos, se non que nos medios de comunicación dixo que os cursos de formación non se realizaron xa que non existían en ningunha do nove comunidades". Por iso, precisou que ese será "o obxecto da futurible querela", engadiu despois de que este xoves, sen a presenza da conselleira, pero si do seu representante legal, tivese lugar o acto de conciliación previo á mesma.

Respecto diso, como o seu cliente, o letrado volveu negar que fose a actuación da Xunta a que puxo en marcha o procedemento xudicial contra a súa clienta, como sosteñen desde o Executivo galego.

Correo de Crespo a Feijóo con copia oculta a Pachi Lucas CC-BY-SA Praza Pública
Feijóo e Mato, nunha rolda de prensa © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.