Política Social estuda ofertas de Valdegodos, con varios centros en Ourense, a sevillana Gerón, sen presenza en Galicia, e a polémica Fesan, que o PP impediu investigar en 2016 malia as eivas detectadas polo Consello de Contas na súa xestión
Un negocio de 10,93 millóns de euros en dous anos é o que disputan as tres fundacións privadas que aspiran a facerse coa xestión das dúas primeiras residencias de maiores doadas a Xunta en Santiago e Lugo pola Fundación Amancio Ortega, que constrúe outras cinco no resto de cidades galegas. Tras sacar a concurso hai un mes a xestión privada deses dous novos centros públicos en lugar de asumilos con recursos propios, como fai con outras residencias, a Consellería de Política Social vén de validar e comezar a estudar as tres ofertas recibidas.
As fundacións presentadas ao concurso son Valdegodos, con varias residencias en Ourense; a sevillana Gerón, sen presenza en Galicia pero con centros noutras varias comunidades; e a polémica Fesan dedicada a cursos de formación e con algunha pequena residencia ou vivenda comunitaria de maiores, á que o PP impediu investigar en 2016 malia eivas detectadas polo Consello de Contas na súa xestión.
A Xunta argumenta que non ten persoal para xestionar os centros, como si fai con outros, e malia que limitou o concurso a entidades sen ánimo de lucro, permitirá que subcontraten parte do servizo
Malia que a Xunta si xestiona directamente con persoal propio outras residencias de titularidade pública, no caso das dúas agora doadas por Amancio Ortega o Goberno galego decidiu privatizar a xestión co argumento, tamén empregado noutros centros, de que "non dispón de medios persoais e materiais" pero si ten cartos para subcontratalos. Neste caso Política Social decidiu restrinxir os posibles aspirantes a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, pero en todo caso privadas e ás que está disposta a conceder un beneficio industrial do 5%. Tamén lles permitirá que subcontraten parte do servizo.
O concurso, para un período de dous anos, foi dividido en dous lotes, un para cada residencia, de 120 prazas cada unha. Tras pecharse o prazo de recepción de ofertas o pasado luns, este xoves a mesa de contratación validou e comezou a avaliar as seis ofertas recibidas, xa que cada unha das tres fundacións aspirantes quere facerse coa xestión das dúas residencias.
Segundo o rexistro oficial de entidades prestadoras de servizos sociais, Fundación Valdegodos, con sede en Valdeorras, conta en propiedade con varias residencias en Ourense, entre elas unha gran residencia, a Virgen de los Milagros, en Vilamartín de Valdeorras, con 217 prazas. E xestiona xa dúas residencias propiedade da Xunta, unha en Viana do Bolo de 125 prazas e outra en Quiroga de 88 prazas.
Fundación Gerón non ten presenza en Galicia, segundo o mesmo rexistro oficial de entidades sociais. Nacida en Sevilla en 1994, segundo se presenta na súa web, conta con residencias noutras comunidades como Andalucía, Castela-A Mancha, Canarias ou Valencia.
Máis polémica resultou no pasado a terceira candidata, a Fundación de Estudios e Análises (Fesan). Na súa web só dá conta da súa actividade de cursos de formación, pero segundo o rexistro oficial da Xunta tamén conta con pequenas residencias de maiores ou vivendas comunitarias en Santiago, Brión, Ordes e Vilagarcía. Tamén xestiona ou xestionou no pasado varias escolas infantís titularidade de diversos concellos ou da Xunta.
En 2016 o Parlamento chegou a valorar a posibilidade de crear unha comisión de investigación para analizar o destino e xestión dos fondos públicos recibidos por Fesan, pero a iniciativa de BNG e AGE foi rexeitada pola maioría absoluta do PP. O Consello de Contas sinalara diversas irregularidades nos seus cursos de formación subvencionados pola Xunta, a CIG vinculara a fundación ao Opus Dei e o diario La Opinión revelara as súas relacións cruzadas con outras empresas, xa non fundacións, tamén adxudicatarias da Xunta, así como a súa xénese impulsada polo ex-deputado e ex-alto cargo do PP Jaime Rodríguez-Arana, do que despois a entidade se desvinculou.