O PP nega no Parlamento cinco privatizacións de escolas, tres delas xa contratadas

A conselleira de Benestar, nunha visita a unha escola infantil © Xunta

"Non hai ningunha privatización". Deste contundente xeito a voceira do PP en materia de servizos sociais, Marta Rodríguez, negaba este martes no Parlamento as acusacións da oposición sobre a xestión das escolas infantís. No marco dun debate dunha moción do BNG encamiñada a garantir o carácter "público" das antigas Galescolas, o deputado nacionalista Manuel Parga instaba os conservadores a reverter a "decisión política" tomada e garantir o carácter "público" dunha rede que, lembra, continúa adscrita á Consellería de Benestar malia á promesa formulada ao inicio da lexislatura, segundo a cal sería transferida a Educación. Dende a banda popular, Rodríguez insistiu na súa negativa. Só hai "formas distintas de prestar servizos sociais". O resto, mantén, é "estratexia política" e "demagoxia" de PSdeG e BNG.

As acusacións de Parga referíanse, nomeadamente, a cinco escolas infantís, instaladas nos concellos de Coristanco, O Pino, Pontevedra, Carballo e Betanzos. Trátase de cinco centros que, se ben seguirán sendo edificios públicos, prestarán o servizo a través dunha entidade privada. Mentres que no caso de Carballo e Betanzos o proceso aínda non rematou, nas últimas dúas semanas xa foron concretadas as adxudicacións das tres restantes, cun montante total de 1,6 millóns de euros. Desta cantidade, as privatizacións de Coristanco e O Pino supoñen 480.093 euros cada unha e o resto corresponde a Pontevedra. A encargada de prestar o servizo será, nos tres casos, a Fundación de Estudios y Análisis (Fesan), na cal recaeron as adxudicacións, formalizadas o 23 de febreiro, para a escola pontevedresa, e o 2 de marzo para as outras dúas. Segundo a CIG, a Fesan ten fortes "vínculos" co Opus Dei.

A CIG vincula co Opus Dei á fundación adxudicataria das tres privatizacións

Malia a estas adxudicacións, Rodríguez mantén que o único que fai o Goberno galego é aplicar a Lei de Servizos Sociais aprobada polo bipartito, na cal se contempla que a "prestación de servizos sociais" se pode facer "directa ou indirectamente". "A lei non obriga a privatizar a xestión das escolas infantís nin os centros de día", retrucou Parga. Trátase, subliña, dunha decisión "unilateral e política" da Xunta que, "para redondear a xogada", lles "serve en bandexa" ás empresas privadas "unha suba das taxas" das propias escolas, a cal tamén tentou, sen éxito reverter a través da mesma moción, rexeitada polo PP e apoiada polo PSdeG.

 

Logotipo da rede 'Galiña Azul' © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.