O 21 de xaneiro de 1982, hai hoxe exactamente 35 anos, Xerardo Fernández Albor tomaba posesión como presidente da Xunta de Galicia, o primeiro elixido polo Parlamento galego. Na cámara conmemorouse este sábado a efeméride, nun acto que salientou este "35 anos de autogoberno" e ao tempo serviu como recoñecemento dos deputados da primeira lexislatura autonómica e do propio Fernández Albor. Interviron, con este fin, representantes dos grupos políticos presentes nese primeiro Parlamento: Tomás Pérez Vidal (por AP), Aurelio Miras Portugal (por UCD), Xerardo Estévez (polo PSOE) e Camilo Nogueira (por EG). Tamén o fixo a través dun vídeo o propio Fernández Albor (que neste 2017 fará 100 anos). E o peche do acto correspondeu a Alberto Núñez Feijoo.
Na cámara conmemorouse este sábado a efeméride, nun acto que salientou este "35 anos de autogoberno" e ao tempo serviu como recoñecemento dos deputados da primeira lexislatura autonómica e do propio Fernández Albor
No seu discurso, o presidente da Xunta salientou as dificultades e precariedade coas que nacía ese primeiro goberno autonómico. "Carecía de precedentes nos que inspirarse", dixo, engadindo que "aqueles que a vían cativa aliábanse coas que a consideraban excesiva, para prognosticar o seu fracaso". "Foi o nacemento dunha nacionalidade cunha épica modesta, moitas veces oculta, pero efectiva", sinalou, para subliñar que "Fernández Albor instaurou a épica da normalidade mediante o uso dun mantra que repetiría acotío: o sentidiño".
Núñez Feijoo realizou nese momento toda unha exaltación do valor do sentidiño: "O sentidiño era un Miño onde confluían tres afluentes"
Núñez Feijoo realizou nese momento toda unha exaltación do valor do sentidiño: "O sentidiño era un Miño onde confluían tres afluentes: recollía unha maneira de ser que se perpetúa na conciencia colectiva de Galicia para facela tolerante, idealista e tamén realista; facíase eco das ensinanzas do galeguismo histórico que propugnaba un país aberto e fraterno; e por último vinculábase co sentido común que sustenta democracias de tanto avoengo coma a británica".
Segundo o presidente da Xunta, foi nesa primeira lexislatura cando "a autonomía entrou a formar parte da identidade galega para sempre" pois "os galegos viron como era posible trasladar o acordo básico que entón e agora se dá na sociedade". "Dese éxito colectivo só puideron sentirse excluídos os intolerantes que desexaban unha Galicia dislocada", dixo. Núñez Feijoo defendeu que o autogoberno galego segue "un modelo propio afianzado nun galeguismo natural". Así mesmo ligou o progreso que Galicia experimentou nos últimos 35 anos ao exercicio da autonomía, 35 anos nos que "non houbo rupturas nin a modernización produciu traumas, nin a alternancia política nas institucións provocou resistencias nin escarnios", afirmou.
Finalmente, Núñez Feijoo teorizou sobre a democracia e o seu sustento social, sinalando que "as autocracias necesitan grandes expresións de fervor obrigatorio para ocultar a insatisfacción reprimida, as democracias manifestan o seu éxito dunha maneira máis íntima e máis auténtica".
"Aspiramos a que a Galicia autónoma desenvolva a súa vida política de acordo co noso xenuino estilo mental, sen sectarismos e sen fanatismos, coa vontade aberta a colaboración", concluíu Feijoo citando palabras de Albor
"Ese sentidiño que tantas veces reivindicou o presidente Albor e que tanto proveito supuxo para Galicia debe seguir inspirando os cambios que se aborden no futuro", reivindicou. “A Galicia actual, libre e orgullosa de si mesma é filla daquel presidente, daqueles conselleiros e parlamentarios que souberon estar á altura da cita transcendental que o destino lles deparou”, dixo. "Aspiramos a que a Galicia autónoma desenvolva a súa vida política de acordo co noso xenuino estilo mental, sen sectarismos e sen fanatismos, coa vontade aberta a colaboración", concluíu, citando as palabras de Fernández Albor.
Nas súas intervencións, Tomás Pérez Vidal, Aurelio Miras Portugal, Xerardo Estévez e Camilo Nogueira salientaron o traballo feito na primeira lexislatura autonómica, na que se aprobaron, entre outras normas, a Lei de Normalización Lingüística. Pola súa banda, no vídeo que se proxectou no acto, Fernández Albor dixo de Núñez Feijoo que "vexo nel a culminación do soño autonómico que se iniciou hai 35 anos". Albor subliñou que o "a constancia, o traballo e o sentidiño" do pobo galego son os autores "desta Galicia cordial, un anaco de Ceo posto na Terra que Deus e o Apóstolo Santiago quixeron que fose meta dun Camiño de Estrelas que nos fixo berce de Europa e cidadáns do mundo".