O temporal dos últimos días provocou a derruba de parte do lenzo interior da Muralla de Lugo na noite deste sábado, á altura da rúa do Moucho, entre as portas de Santiago e do Carme. Hai 24 anos que non se produce un derrubamento destas características no monumento romano.
"Trátase dun desprendemento que afortunadamente non provocou danos persoais e que afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que é froito dunha reconstrución posterior que se fixo aproximadamente nos anos vinte do século pasado", asegura o conselleiro de Cultura, José López Campos, que visitou a zona na mañá deste domingo.
"Afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que é froito dunha reconstrución posterior", asegura o conselleiro de Cultura
A Xunta informa que actuará "de urxencia" para reconstruír e reparar os danos causados polas fortes choivas neste tramo de entre seis e sete metros da muralla romana de Lugo.
"A Muralla de Lugo, como ben de valor universal excepcional, é e será obxecto das intervencións necesarias para preservar a súa conservación", advertiu López Campos tras o desprendemento de pedras deste sábado, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes.
A Xunta informa que actuará "de urxencia" para reconstruír e reparar os danos
O Concello de Lugo tomou as medidas de seguridade necesarias dende a noite do sábado, perimetrando a zona, e tanto o alcalde como os arquitectos municipais desprazáronse ata a perte da muralla afectada. "A muralla é o noso referente, o noso símbolo, o elemento máis importante do noso patrimonio, polo que lamentamos este incidente", salientou Miguel Fernández, que se mostrou "satisfeito" porque non estea afectada a estrutura orixinal do monumento romano. "É importante que restauremos canto antes, e coas garantías que marca o Plan director, esta zona", incidiu o alcalde, que está a colaborar coa Xunta para "que quede impecable como estaba antes".
A Consellería "traballará de emerxencia e coa maior celeridade posible para solucionar as patoloxías causadas pola auga". Está previsto que os traballos comecen este luns e, nos vindeiros días, realizarase "unha inspección completa do trazado para comprobar se existen danos nalgún outro punto aproveitando a monitorización feita ao abeiro do Plan director", segundo detallou o responsable de Cultura.
A Unesco declarou a Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade no ano 2000 e foi pouco despois deste recoñecemento cando se produciu o último derrubamento, nas inmediacións do hospital de Santa María.