Dende o 1 de xaneiro en Santiago houbo só dous días sen chuvia. A Coruña, Lugo, Pontevedra e Ferrol tiveron tres xornadas sen precipitacións. Vigo tivo seis días secos e Ourense 8
Galicia está a vivir un dos outonos e invernos máis húmidos das últimas décadas. Dende o pasado 19 de outubro, hai case catro meses, as xornadas chuviosas foron maioría, cunha sucesión de borrascas que deixou un número moi elevado de incidencias e un nivel moi alto de precipitacións acumuladas. Pero, agás algunhas xornadas moi excepcionais de fortes chuvias (o número de alertas por chuvias foi moi grande nos últimos meses), o que moitas persoas están a destacar é a continuidade nos días de chuvia. Ou o que é o mesmo, a ausencia de días secos en períodos que en ocasións pasan das dúas semanas.
En efecto, especialmente dende que comezou o ano 2026, foron escasos os días nos que non choveu en Galicia, de xeito de en boa parte do país entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro apenas houbo dous ou tres días totalmente secos.
O seguinte gráfico amosa a precipitación recollida nas sete cidades galegas dende o inicio do ano (46 días), coa maior parte das xornadas tinxidas de azul, expecialmente en Santiago (2 días sen chuvia), A Coruña (3), Ferrol (3), Pontevedra (3) e Lugo (3). Vigo tivo seis días secos e Ourense 8.
Dende o 19 de xaneiro ata o 15 de febreiro (28 días) choveu todos os días en Ferrol, Santiago, Pontevedra e Vigo e só houbo un día completamente seco na Coruña, Ourense e Lugo
O 4 de xaneiro foi o único día que non choveu en ningunha das cidades galegas. En xeral, esa primeira semana do ano, entre o 2 e 5 de xaneiro, as precipitacións deron unha tregua. E, posteriormente, ata o día 18 os días húmidos e secos (ou case) alternáronse na Galicia urbana. Porén, dende o 19 de xaneiro ata o 15 de febreiro (28 días) choveu todos os días en Ferrol, Santiago, Pontevedra e só houbo un día completamente seco en Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo.
E Forcarei, Zas ou Santa Comba só houbo un día seco no que levamos de ano
Iso si, no que atinxe á cantidade total de auga recollida (non ao número de días que choveu), Santiago, Pontevedra e Vigo son as cidades con máis precipitación no que levamos de ano, por diante de Ferrol. Lugo, Ourense e A Coruña rexistraron valores moito máis reducidos, por debaixo da metade dos sufridos por composteláns e pontevedreses.
Ollo, non foi ningunha das sete cidades o punto máis chuvioso de Galicia neste mes e medio, pois en estacións coma as de Fontecada (Santa Comba), Forcarei ou Coto Muíño (Zas), por poñer tres exemplos, recolléronse máis de mil litros por metro cadrado e só houbo un día sen chuvia (o 4 de xaneiro).
Dende o 19 de outubro (119 días) en Ferrol só houbo 21 días sen precipitación ningunha. En Santiago foron 24 e na Coruña 25
Ademais, en toda Galicia a sensación de chuvia sen fin é produto dunha continuidade de semanas húmidas que chega case a catro meses. Dende o 19 de outubro (119 días) o número de días secos vai dos 39 de Ourense (o 33%) ou os 36 de Vigo e os 33 de Pontevedra (menos do 30%), ata os 28 de Lugo, os 25 da Coruña, os 24 de Santiago e, finalmente, os 21 de Ferrol, a cidade galega nas que houbo menos días sen precipitación ningunha, só o 17,6% do total.
Dende o 1 de xaneiro houbo dez días con cero minutos de sol en Santiago, oito en Ferrol e Ourense e seis na Coruña
Unha análise semellante pode facerse das horas de sol nas sete cidades galegas, escasas no último mes e medio e con varios días nos que non se puido ver nin unha raiola. Dende o 1 de xaneiro houbo dez xornadas con cero minutos de sol en Santiago, oito en Ferrol e Ourense e seis na Coruña. Foron algo menos en Lugo e Pontevedra (cinco) e en Vigo (catro).
Os días realmente solleiros (con máis de catro horas de sol) foron moi estraños en Ourense e Lugo (apenas tres), Santiago e A Coruña (catro), o mesmo que en Ferrol (cinco). En Pontevedra foron tamén cinco, pero ademais a maior parte concentrados na primeira semana de xaneiro, o mesmo que Vigo, que foi a cidade que máis sumou, con oito.
Semella que a tendencia está finalmente a mudar co fortalecemento do anticiclón das Azores, que contribúe a desviar a sucesión de borrascas atlánticas que levan meses impactando directamente a Galicia
E que vai pasar a partir de agora? Semella que a tendencia está finalmente a mudar co fortalecemento do anticiclón das Azores, que contribúe a desviar a sucesión de borrascas atlánticas que levan meses impactando directamente a Galicia. Iso non quere dicir que a chuvia desapareza de inmediato. Este mércores e xoves, por exemplo, espérase aínda que chova na maior parte do país. Pero a partir do venres o prognóstico é máis favorable, o mesmo que para a semana que vén.