O sector marisqueiro galego arrastra unha importante crise dende hai anos. Especialmente significativo -polo seu peso económico- é o devalo do mexillón das bateas galegas. 2025 marcou un novo récord negativo nas últimas dúas décadas, con 177.638,6 toneladas
O sector marisqueiro galego arrastra unha importante crise dende hai anos. Mexillón, ameixa e outros bivalvos levan tempo marcando, ano tras ano, os peores datos de volume recollido dende que hai rexistros. Os indicadores de 2025, coñecidos este luns, afianzan a caída en picado do sector e alimentan o medo ante o futuro de milleiros de empregos, sobre todo na Ría de Arousa.
Especialmente significativo -polo seu peso económico- é o devalo do mexillón das bateas galegas. 2025 marcou un novo récord negativo nas últimas dúas décadas, con 177.638,6 toneladas, lixeiramente por debaixo dos datos de 2023 e 2024, case idénticos. Si ascende lixeiramente o valor da produción (136 millóns de euros), polo incremento de prezos.
A produción do mexillón nas rías galegas -nomeadamente na Ría de Arousa- dá traballo a unhas doce mil persoas no país e xera 160 millóns de euros de beneficios
O mexillón galego, que suma o seu terceiro ano con datos singularmente baixos, atópase moi lonxe dos exercicios nos que superaba amplamente as 200.000 toneladas (todos os anos, agás dous, entre 2007 e 2022), chegando a pasar por riba das 250.000 toneladas en cinco anos.
A produción do mexillón nas rías galegas -especialmente na Ría de Arousa- dá traballo a unhas doce mil persoas no país e xera 160 millóns de euros de beneficios. Son moitas as voces que alertan, sobre todo, das ameazas ambientais para as rías galegas, unha análise na que inciden investigadores do CSIC: preocupa o quecemento das augas, motivado polo cambio climático, a falla de saneamento das rías e o efecto de vertidos industriais, presentes e futuros, coa sombra da instalación de Altri, un perigo que semella finalmente evitado.
Se os datos do mexillón son negativos, máis aínda preocupan os doutros bivalvos, como a ameixa
No exterior, medra a competencia internacional para os produtos galegos do mar, tanto por parte de Chile, cunha industria en crecemento, coma de países asiáticos. A competencia é inevitable, pero os produtores galegos reclaman que esta sexa "xusta", con iguais regras para todos, e neste senso esixen maiores controis e trazabilidade para evitar a invasión de produto foráneo de peor calidade que non tivo que pasar polas mesmas esixencias de calidade.
Se os datos do mexillón son negativos, máis aínda preocupan os doutros bivalvos, como a ameixa. Tanto a ameixa xaponesa, como a fina como a babosa rexistraron no ano 2025 algúns dos peores datos das últimas dúas décadas. Recolléronse apenas 3,6 toneladas de ameixa babosa, cen veces menos do valor que chegou a rexistrarse hai unha década. O mesmo pasou coa ameixa fina (10 toneladas, fronte ás 200 de hai dez anos). E mesmo coa ameixa xaponesa, a máis habitual, con 629, cando ata o ano 2021 se superaban todos os anos as mil toneladas.
Tamén a volandeira, con media tonelada, rexistrou o peor ano da serie histórica. E igualmente o berberecho, aínda que mellorou os datos de 2023 e 2024, atópase en cifras historicamente baixas
Tamén a volandeira, con media tonelada, rexistrou o peor ano da serie histórica. E igualmente o berberecho, aínda que mellorou os datos de 2023 e 2024, atópase en cifras historicamente baixas, con menos de 100 toneladas recollidas cando ata o 2008 houbo anos de máis de mil.
A ostra plana marcou tamén o peor dato da serie histórica, con pouco máis de 200 tenaladas. Algo mellores foron as cifras da ostra rizada, o único destes bivalvos no que non se advirte unha tendencia negativa nos últimos anos.
O mes pasado agrupacións de marisqueo e organizacións de bateeiros reclamaron axudas urxentes para "frear" a "destrución" do sector ante unha crise actual que se une ás vividas nos últimos anos
O mes pasado agrupacións de marisqueo e organizacións de bateeiros reclamaron axudas urxentes para "frear" a "destrución" do sector ante unha crise actual que se une ás vividas nos últimos anos. As intensas e persistentes chuvias deste comezo de 2026, outra das consecuencias da crise climática, son agora a principal causa dun problema ao que se une, segundo o sector, a contaminación e a falta de medidas por parte das administracións.