Mariscadoras e bateeiros piden axudas urxentes para "frear" a "destrución" do sector

Berberechos mortos na ría de Muros e Noia, no pasado mes de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Agrupacións de marisqueo e organizacións de bateeiros reclaman axudas urxentes para "frear" a "destrución" do sector ante unha crise actual que se une ás vividas nos últimos anos. As intensas e persistentes chuvias deste comezo de 2026, outra das consecuencias da crise climática, son agora a principal causa dun problema ao que se une, segundo o sector, a contaminación e a falta de medidas por parte das administracións. 

Agrupacións de marisqueo e organizacións de bateeiros piden axudas urxentes para "frear" a "destrución" do sector

"A cousa non pinta ben dada a cantidade de marisco morto, navalla e ameixa. O ano 2023 deixounos na UCI e este ano acábanos de enterrar", dixo Juan Luis MIllán, patrón maior da Illa. "Temos un 25% de mortalidade en varios polígonos, os máis próximos á desembocadura do Ulla", engadiu Mario Vidal, presidente da cooperativa de produtores mexilloeiros de Cabo de Cruz durante a rolda de prensa que o sector deu en Carril. 

O patrón maior da Illa de Arousa mesmo reclamou a declaración da ría como zona catastrófica, unha demanda que non está incluída entre as demandas xerais pactadas polo sector, e que dependería do Goberno central logo de analizar as mostraxes que está a realizar a Xunta para determinar o impacto das últimas borrascas. 

Representantes de agrupacións de marisqueo e de bateeiros, na rolda de prensa en Carril CC-BY-SA PDRA

Hai algunhas semanas, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), as confrarías e agrupacións de mariscadoras e produtores de mexillón xa advertían de perdas de preto de 60 millóns de euros no marisqueo da ría nos últimos cinco anos e dun devalo produtivo, comparando o bienio 2024-25 coa media do quinquenio 2019-23 que superaba o 80% na ameixa babosa e fina e roldaba o 90% no berberecho. 

O sector advirte de que as augas interiores das rías tardan máis en renovarse polo que a contaminación permanece máis tempo

"O devalo produtivo e a ausencia dun plan público de saneamento e rexeneración deixan sen horizonte de futuro o sector e provocan a desvalorización social e económica da súa actividade e medios de traballo", denunciaban.

Ante esta crise, que non se detén e que semella agravarse co paso do tempo, o sector marisqueiro e pesqueiro da Arousa lanzou varias demandas este luns.Unha delas é a elaboración dun plan plurianual de recuperación das rías, orzamentado coa achega de Xunta, Estado e UE e que contemple o "estudo multidisciplinar e independente sobre o diagnóstico da situación, o saneamento integral de ríos e rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros". 

O plan, explicaron en rolda de prensa, deberá "deseñarse en colaboración directa coas confrarías afectadas, agrupacións de mariscadores e organizacións bateeiras" e desenvolverse "coa súa participación" tanto no traballo directo como na monitorización da contaminación de rías e ríos con boias.

"Control das verteduras"

Tamén reclaman un plan de actuación de Augas de Galicia e mais Gardacostas e o Seprona para o "control" das verteduras a ríos e rías, incluíndo un sistema de alerta ao que poidan acceder as organizacións sectoriais e con informes que avalíen as actuacións levadas a cabo. Ao tempo, advirten de que "non se están a regular correctamente os desencoros para evitar enchentes de auga doce". 

O sector reclama estas medidas logo de advertir que, tal e como corroboran estudos científicos, as augas interiores das rías "tardan un 240% máis en renovarse", unha tendencia que supón un incremento nesta deterioración do 10% por década. As consecuencia é que a contaminación e as mareas vermellas fican máis tempo. 

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, supervisando os traballos de avaliación e mostraxe en bancos marisqueiros no Grove CC-BY-SA Xunta

As e os traballadores do sector alertan, ademais, que a crise actual do marisqueo "pode levar ao peche de confrarías e ao abandono da actividade marisqueira" —danado xa pola falta de remuda xeracional—, do que se derivaría tamén a perda dos permex (permisos de explotación) e unha posible afectación en canto ás concesións. 

O sector advirte de que a crise actual do marisqueo "pode levar ao peche de confrarías e ao abandono da actividade marisqueira"

Por iso, o sector reclama tamén axudas directas ás confrarías con actividade marisqueira "para manter todos os postos de traballo", exención das cotas das Seguridade Social ás mariscadoras, prórroga automática dos permex ata a recuperación e das concesións, a creación dun seguro público de produción marisqueira ou compensacións polas perdas tanto no marisco como no sector bateeiro. 

Todas medidas que o sector aclara que "teñen carácter de urxencia", polo que demandan que se tomen mediante decretos urxentes tanto da Xunta como o Goberno central en cadansúas competencias. Accións axiña para "paliar os danos ocasionados" e "frear a destrución do sector marisqueiro e bateeiro"

A demanda do sector chegou no mesmo día no que a conselleira do Mar, Marta Villaverde, supervisou este luns no Grove os traballos de avaliación e mostraxe que se están a desenvolver nos bancos marisqueiros máis afectados polos recentes temporais que impactaron no litoral galego, e que se enmarcan no Plan de actuación ante eventos de baixa salinidade deseñado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Bateas na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a conselleira, os datos apañados neste procedemento, "rigoroso, contrastado e baseado en datos científicos previos", permitirán determinar con precisión o grao de afección e adoptar, se fose necesario, "medidas específicas de apoio ao sector", como poden ser os cesamentos de actividade por causa de forza maior, determinar a duración dos peches e fundamentar outras accións, tanto de carácter administrativo como económico. 

A Xunta apaña datos para determinar os índices de mortalidade no marisco e poder e adoptar, se fose necesario, "medidas específicas de apoio ao sector"

O sistema determinará os índices de mortalidade severa (maior ou igual ao 50 % do berberecho e/ou ameixa babosa existente), e maior ou igual ao 15 % en ameixa fina ou xaponesa) e moderada (valores inferiores aos anteriores, pero con impacto relevante no banco).

Ademais, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, tamén supervisou os traballos de mostraxe no banco marisqueiro de Croa, da confraría de Pontedeume, labor que se repetiu ao longo desta xornada e se repetirá nos vindeiros días noutros bancos marisqueiros das rías de Arousa, Vigo, Pontevedra, Ares, Betanzos, Ferrol e O Burgo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.