Galicia supera as 300 mortes atribuíbles á calor: 60 en só seis días de xullo

Solpor en Fisterra e gráfico das mortes atribuíbles á calor en Galicia CC-BY-NC-SA Foto: Bele / Montaxe: Praza.gal

Xa en setembro, a Xunta vén de activar a alerta vermella en varias zonas de Galicia ante un novo episodio de temperaturas elevadas que chegará ata o vindeiro sábado. Un máis dos moitos sufridos nos últimos meses no país, que rexistrou xa máis de 300 mortes atribuíbles á calor desde que empezara a apertar con forza en primavera. 

Dende o 15 de maio producíronse en Galicia 304 mortes atribuíbles á calor

Son os datos que se tiran da estimación realizada polo Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII). Así, no que vai do actual período estival —que en total abrangue desde o 15 de maio ata o último día de setembro— son 304 as persoas que en Galicia faleceron por mor destas elevadas temperaturas, especialmente durante as vagas de calor e episodios extremos desde mediados de xuño ata mediados de xullo e na terceira semana de agosto.

O número de falecementos atribuíbles á calor en Galicia no que vai da época estival —ata o 2 de setembro, último día con datos actualizados— confirma unha grave e preocupante tendencia nos últimos anos, aínda que a cifra é inferior á do mesmo período do ano pasado, cando chegara a 391 tras un mes de agosto extremo que disparara as mortes. 

Case o 75% dos falecementos atribuíbles á calor en Galicia foron de mulleres; perto do 40% correspóndense a persoas de máis de 75 anos

Doutra volta, como adoita, as mulleres de avanzada idade son as máis afectadas por estes episodios de calor extrema. Segundo os datos de MoMo, case o 75% das persoas que terían falecido por mor da calor foron mulleres (226 de 304), mentres que máis do 40% dos falecementos prodúcense entre aquelas que superan os 75 anos. De feito, o 37,5% son de xente por riba dos 75. 

Se nos fixamos nos días, a vaga de principios de xullo foi a que maior impacto tivo, con varias xornadas con dez ou máis mortes atribuíbles á calor. Así, o día 7 terían morto en Galicia unha ducia de persoas por mor das altas temperaturas, cifra récord, e once o día anterior e o seguinte respectivamente, ademais de dez só dous días máis tarde, nove tres despois e oito aos catro días. 

En total, e segundo os datos que achega o ISCIII, entre o 6 e o 11 de xullo Galicia tería rexistrado 61 mortes atribuíbles á calor. En seis días dun mes que foi o máis cálido de toda a serie histórica no país, cunha temperatura media de 29ºC, unha anomalía térmica de 3,5ºC por riba e temperaturas que rozaron os 43º en Ourense e chegaron aos 39º ou 38º en cidades como Vigo ou Ferrol. 

Entre o 6 e o 11 de xullo Galicia rexistrou 61 mortes atribuíbles ás altas temperaturas

As consecuencias da crise climática provocaron que o verán climatolóxico que vén de pechar —que abrangue do 1 de xuño ao 31 de agosto— fose novamente de récord, tanto no que ten que ver coas altas temperaturas na terra e no mar como na seca que isto provoca. Outro dos efectos foi o importante incremento no número de mortes prematuras asociadas á calor extrema. 

Récord no Estado

No conxunto do Estado, o Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria (MoMo)  estima que nestes tres meses (xuño, xullo e agosto) faleceron 5.111 persoas como consecuencia das altas temperaturas: 937 en xuño, 2.025 en xullo e 2.149 en agosto. Se sumamos os 123 falecementos de maio, a cifra elévase ás 5.234, a máis alta desde que se publican estes datos, en 2015. 

No caso de Galicia, as mortes atribuíbles á calor no verán meteorolóxico ascenden a 288, case un cento menos que as que se produciron no mesmo período do pasado ano, cando se alcanzaran as 387. Con todo, a cifra deste 2026 é a máis alta de toda a serie histórica (ata 2015). No mesmo período de hai unha década foran 138 os falecementos. 

As 288 mortes atribuíbles á calor en Galicia no verán meteorolóxico supoñen a segunda cifra máis alta desde que hai rexistros, só superada pola de 2025

A ferramenta do ISCIII monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas. Cruza os datos de falecementos do Rexistro Civl cos limiares nos que se calcula que as temperaturas son máis perigosas para a saúde. Un algoritmo, a partir do exceso de mortalidade, determina que mortes tiveron como detonante a calor. 

Empeoramento da saúde

Só unha parte destas mortes notifícanse como directamente causadas polas altas temperaturas (por exemplo os golpes de calor). Porén, o efecto negativo das altas temperaturas, sobre todo cando estas se estenden no tempo, provocan un decaemento da saúde, especialmente en persoas de idade avanzada ou afectadas doutras patoloxías.

Analízase un fenómeno máis sutil e que ten que ver co empeoramento na saúde que a calor provoca en persoas vulnerables, normalmente en persoas con doenzas previas, e que poden acabar coa súa vida cando se encadean varios días de temperaturas moi altas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.