Galicia xa non é o que era: 200 días cálidos e só 29 fríos no que vai de ano

Solpor nun día de calor en Galicia e gráfico coa temperatura media diaria en 2026 CC-BY-SA Fotos: Javier Álvarez / Dominic Royé Montaxe: Praza.gal

Os datos do último informe de Meteogalicia reflicten que Galicia rexistrou o mes de xullo máis cálido desde que existen datos climatolóxicos. O valor medio da temperatura máxima situouse nos 29 graos, o que supuxo unha anomalía de 3,5 graos por riba do habitual, mentres que a media chegou aos 22,5 graos.

O cambio climático trouxo o mes de xullo máis cálido da historia, a primavera máis seca desde hai 36 anos e mantén alerta por seca en 32 concellos 

O récord chegou logo de que o mes de xuño fose o segundo máis cálido desde que Galicia ten rexistros (1961) e despois da primavera máis seca desde hai 36 anos, con temperaturas tamén moi por riba dos valores habituais. No medio dun verán que xa batera récords por calor ao pouco de comezar, que mantén nesta altura 32 concellos en alerta por seca —e a maioría do resto en prealerta—, cun abafo que causa un grave exceso de mortalidade e que pon en serias dificultades o sector agrograndeiro

Os impactos son múltiples e moi visibles, como nos ríos, estando a gran maioría dos de Galicia en situación de seca. Así se pode comprobar no mapa interactivo elaborado por Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC). 

App interactiva que analiza a anomalía da temperatura media en España e por autonomías. CC-BY-SA Dominic Royé

Outra aplicación interactiva impulsada por este científico climático volve deixar claro o impacto do quecemento global e tamén a mediaterranización do tempo no país: no que vai de ano, e ata o pasado domingo, Galicia acumula 200 días cálidos e só 29 fríos. 

A análise da temperatura media diaria indica que Galicia rexistrou este luns unha anomalía de 5,1º por riba do normal e de ata 11 graos nalgunha xornada de xullo

Son datos obtidos a partir da análise da temperatura media diaria en toda España, debullados por comunidades autónomas, que reflicten a anomalía respecto da normal climatolóxica no período entre 1961-1990. Segundo estes datos, Galicia rexistra unha desviación positiva constante, de 5,1º de máis no este pasado luns, 1,2 graos máis por riba da diferenza positiva que amosou o conxunto do Estado (+3,9º). 

Xa que logo, no que vai deste 2026 case o 90% dos días foron cálidos en Galicia —136 cálidos e 64 extremadamente cálidos (case o 30%)— por tan só un 13% de xornadas que poden considerarse frías, das cales ningunha foi extrema. Houbo moitos máis días extremos por calor que frescos e a temperatura media anual, tendo en conta a análise diaria, sitúase xa nos 23,4º. 

Se reparamos nos días, o último no que en Galicia houbo unha anomalía negativa na temperatura foi o pasado 16 de maio, con 13,3º graos de media e un lixeiro 0,1º por baixo do normal no período entre 1961 e 1990. Só en xaneiro houbo varias xornadas cunha diferenza negativa e claramente frías, aínda que sen chegar a valores extremos: o día 5 os termómetros marcaron 3,3º por baixo do habitual e o 23, 3,1º menos. 

Case o 90% dos días en Galicia foron cálidas e practicamente o 30% cunha calor extrema; só 29 das xornadas se poden considerar frías

En case todo o resto de días, as anomalías foron positivas, con diferenzas de ata case 11 graos por riba do normal, como o pasado 5 de xullo, que foi cumio dunha serie de xornadas con elevadísimas temperaturas e vaga de calor.  Daquela houbo picos de 42,5º no interior de Ourense e alerta vermella por "perigo importante" en boa parte do país. Unhas circunstancias semellantes ás que se deron en moitas outras semanas. Este mesmo luns, as temperaturas oscilaron entre os 35 e os 40 graos en case todo o sur do país, chegando a superar os 40 en varios puntos. 

Temperatura media diaria ata mediados de agosto en Galicia nos anos 2016 e 2026 CC-BY-SA Dominic Royé

O estudo considera temperaturas extremadamente cálidas aquelas superiores ao percentil 95 (P95), valor que indica que o 95% dos datos dun grupo están por baixo del, e cálidos aqueles con temperatura por riba do normal pero por baixo deste P95.

Os datos de temperatura debullados na análise de Royé proveñen de ERA5, un sistema de reanálise atmosférica do programa Copernicus da UE, obtidos mediante a API Open-Meteo para 60 cidades de referencia en todo o Estado, incluíndo o territorio peninsular e as illas. Cada día calcúlase a temperatura media horaria de cada urbe para extraer a mediana estatal ou autonómica.

Datos das sete cidades galegas

Os datos abranguen todas as capitais de provincia españolas, ás que se engaden algunhas cidades máis. No caso de Galicia, permiten aínda unha pescuda máis detallada ao incluír todas as súas urbes, sumando á Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra as cifras de Ferrol, Santiago e Vigo. 

Ademais, a aplicación permite comparar as temperaturas medias diarias en cada ano desde o actual ata o 2000, o que fai posible comprobar claramente a evolución cara a temperaturas moito máis extremas e anomalías positivas que non eran tan habituais hai non tanto.  

O estudo pretende responder máis a "como se sente" un día de calor para a maioría da xente que a "cal é o clima zona por zona"

Tal e como explica Royè sobre a metodoloxía da súa análise, ao incluír a mostra de 60 cidades pretende que os datos sexan "representativos da poboación en lugar do territorio", e pon como exemplo que aplicar outros métodos máis habituais "concede a un quilómetro cadrado da Serra de Gredos o mesmo peso que a un quilómetro cadrado do centro de Madrid". 

39 graos de temperatura na Praza de América de Vigo CC-BY-SA Praza.gal

Segundo explica, centrarse no territorio responde máis á pregunta de "cal é o clima zona por zona", mentres que este método responde máis fielmente a "como se sente realmente un día así para a maioría da xente". "A segunda das aproximacións é máis honesta aínda que signifique que a publicación non coincida exactamente coa da AEMET, o que é algo deliberado e non un descoido". 

O obxectivo do estudo, como outros de Royé, é comprobar se esta repetitiva calor abafante que sofren Galicia e toda a península ibérica "é realmente inusual ou só se sente así". A resposta, dato tras dato e análise tras análise, parece evidente. A calor e as altas temperaturas son inusuais pero cada vez máis normais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.