Galicia rexistra 242 mortes atribuíbles á calor desde mediados de maio

CC-BY-SA Foto e montaxe: Praza.gal

Galicia rexistrou no que vai de verán 242 mortes atribuíbles ás altas temperaturas. Son os datos que se tiran da estimación realizada polo sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) xestionado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII)

Dende o 15 de maio producíronse en Galicia 242 mortes atribuíbles á calor

Así, no actual período estival —que abrangue desde o 15 de maio ata o pasado luns 3 de agosto, último dato actualizado— son case 250 as persoas que en Galicia faleceron por mor destas elevadas temperaturas, especialmente durante os episodios de vaga de calor e episodios extremos que se deron a mediados e finais de xuño e nos primeiros días de xullo. 

De feito, máis da metade do total de mortes atribuíbles á calor rexistráronse no mes de xullo. Ademais, o número de mortes é superior ao que se deu no mesmo período do pasado ano, cando se rexistraran 209. 

A ferramenta do ISCIII monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas.

Case o 75% dos falecementos atribuíbles á calor en Galicia foron de mulleres

Cómpre aclarar que só unha parte destas mortes notifícanse como directamente causadas polas altas temperaturas (por exemplo os golpes de calor). Porén, o efecto negativo das altas temperaturas, sobre todo cando estas se estenden no tempo, provocan un debilitamento da saúde, especialmente en persoas de idade avanzada ou afectadas doutras patoloxías.

En 2025 houbo 700 mortes en Galicia atribuíbles á calor; no que vai de 2026 xa van máis de 1.000

A maioría das mortes atribuíbles á calor en Galicia en período estival —case o 75%— foron de mulleres: 180 fronte aos 62 de homes (141 fronte a 68 no mesmo período do pasado ano). 

Ademais, a inmensa maioría de falecementos déronse en persoas maiores de 65 ou máis anos, xa que só 15 delas afectaron aos menores desa idade. 

39 graos de temperatura no termómetro da Praza de América de Vigo CC-BY-SA Praza.gal

O impacto das altas temperaturas sobre a saúde non é unha novidade. O ISCIII vén monitorizando os efectos da calar sobre a mortalidade da poboación dende hai unha máis dunha década. Neste tempo houbo períodos estivais (medidos dende o 15 de maio e o 30 de setembro) especialmente prexudiciais, coma o do ano 2022, cando se calcula que a calor provocou a morte de case cinco mil persoas en todo o Estado (235). 

En Galicia o ano con efectos máis negativos foi o pasado, 2025, con 700. Pero no que vai deste 2026, son xa 1.077. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.