Subdelegacións gobernamentais e instalacións da Seguridade Social nas principais cidades galegas, no primeiro mapa de instalacións ás que acudir durante episodios de "calor extrema"
En plena vaga de incendios en Castela e mentres múltiplas formacións da dereita e a extrema dereita cuestiona a nivel internacional as evidencias científicas da crise climática, o Goberno de España vén de lanzar a súa Rede de Refuxios Climáticos. Pedro Sánchez presentou en Madrid un primeiro mapa que consiste, en esencia, na posibilidade de achegarse a oficinas de organismos estatais para permanecer nelas en "episodios de calor extrema".
Este primeiro mapa sinala nove instalacións en Galicia. Trátanse de espazos das subdelegacións do Executivo central na Coruña, Lugo e Ourense, as oficinas de Estranxeiría en Vigo e Ourense, instalacións da Seguridade Social e do Instituto Social da Mariña en Lugo, Vigo e Ourense e a sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tamén na capital ourensá.
Indica o delegado galego do Goberno de España, Pedro Blanco, que estes espazos "ofrecerán espazos seguros e acondicionados para as persoas que máis o precisen" neses "episodios de temperaturas extremas". Agora, agrega, a Administración estatal fai "un chamamento aos concellos, ás deputacións e á Xunta para que se sumen a esta iniciativa e amplíen a rede de refuxios climáticos cos seus propios equipamentos públicos".
Pedro Sánchez destaca "axudas de 10 millóns de euros para financiar novos refuxios, incluíndo centros educativos". O delegado gobernamental en Galicia reclama a Xunta, concellos e deputacións "ampliar a rede cos seus propios equipamentos"
Trátase, agrega Blanco, de "garantir que todas as persoas dispoñan dun espazo próximo onde protexerse durante os episodios de calor extrema". Estas altas temperaturas, evidencia, xa non son "unha simple incomodidade, senón un risco real para a súa saúde e o seu benestar".
Canda a presentación desta rede de refuxios o Goberno de España salienta tamén "axudas de 10 millóns de euros para financiar novos refuxios, incluíndo centros educativos". Neste sentido, Sánchez lembra que se engaden a outros 200 "con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética para adaptar e climatizar colexios". "Nunha aula a máis de 30 graos non se pode estudar nin aprender con normalidade" e "nin sequera se pode permanecer alí con seguridade", evidencia, polo que "a obriga das institucións non pode ser buscar escusas, senón adaptar os centros e protexer os nenos e nenas".