Greenpeace presentou o seu informe Destrución custe o que custar, que analiza os problemas que afronta o litoral galego a consecuencia do cambio climático e reclama unha estratexia para a adaptación e conservación da costa
Greenpeace presentou este xoves o seu informe Destrución custe o que custar , un documento que analiza os problemas que afronta a costa galega a consecuencia do cambio climático. A organización ecoloxista alerta de que o litoral do país sofre os efectos da suba do nivel do mar, o incremento térmico das augas e o aumento na intensidade das borrascas invernais. Por todo isto reclama unha estratexia para a adaptación e conservación da costa. O informe sinala 19 "puntos críticos" no litroal galego que poden visualizarse neste mapa.
O documento pon o foco no incremento da temperatura da auga do mar. Nas estacións científicas de Rande e Cortegada detectouse un incremento térmico de ata 1,8°C por década. Este aumento de temperatura debilita o afloramento costeiro de augas frías e profundas, e provoca o desprazamento de especies. Segundo a Universidade de Vigo, 63 especies están afectadas, destacando o congro, a ostra ou a vieira. A isto súmanse as mortalidades de bivalvos rexistradas este inverno na ría de Noia debido á drástica baixada de salinidade provocada polas choivas continuas.
O documento pon o foco no incremento da temperatura da auga do mar. Nas estacións científicas de Rande e Cortegada detectouse un incremento térmico de 1,8°C por década
Así mesmo, os temporais invernais, cada vez máis frecuentes e de maior intensidade, motivaron a declaración de zona de emerxencia, requirindo partidas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a rexeneración artificial en areais de Pontevedra como Praia América. Os danos estruturais tamén afectaron a edificacións en primeira liña en Miño. O punto máis crítico localízase na praia e paseo do Con, en Moaña, onde a forza hidráulica afundiu o pavimento.
En total, as reparacións artificiais na costa galega supuxeron este ano un custo de 6,4 millóns de euros. As rexeneracións artificiais non son unha solución real porque supoñen un elevado gasto millonario de cartos públicos en verter unha area que os próximos temporais volverán levar, ignorando que o mar non se frea con parches transitorios senón con espazo para a súa dinámica natural.
Fronte ás infraestruturas ríxidas, Greenpeace defende os sistemas dunares como "a alternativa máis viábel para absorber a enerxía do mar"
Fronte ás infraestruturas ríxidas, Greenpeace defende os sistemas dunares como "a alternativa máis viábel para absorber a enerxía do mar". Neste senso, saúdan iniciativas de municipios como Nigrán, que "avogan por plans de adaptación e recolocación de infraestruturas en lugar de diques de pedra".
Celebra tamén o novo paseo fluvial da ría do Burgo, que "xa integra zonas inundábeis controladas para disipar as mareas vivas". Pola súa banda, Sanxenxo "executa unha estratexia integral combinando saneamento hídrico coa restauración morfolóxica de dunas en Areas e Magor", permitindo que "a area recupere de forma natural o equilibrio dinámico fronte ao océano".
Así mesmo, o informe alerta de que "o aumento do turismo está a deixar a súa pegada na costa galega". Greenpeace denuncia que "a concentración de escalas de grandes cruceiros nas terminais da Coruña e Vigo rexistran picos de afluencia moi alta que colapsan as cidades sen deixar apenas beneficio para quen as habita"-
Greenpeace pon tamén o foco nas críticas da maior parte das comunidades autónomas, entre elas Galicia, á Lei de Costas. A organización ecoloxista lembra que a reforma do regulamento de aplicación "modifícase por imposición da Unión Europea, que ameaza cunha sanción a España se non se reduce o prazo das concesións que se outorgan" e que segundo Europa supoñen “unha privatización encuberta do litoral”.
“Quen sinalan á Lei de costas como unha 'sentenza de morte' para os concellos ou a industria pesqueira non queren respectar os estándares europeos", denuncia Greenpeace
“Quen sinalan á Lei de costas como unha "sentenza de morte" para os concellos ou a industria pesqueira non queren respectar os estándares europeos, nin parece importarlles que nos enfrontemos a unha multa millonaria que pagaremos con cartos que saen dos nosos petos”, declara María José Caballero, Responsábel da campaña de Adaptación da costa de Greenpeace.
Ademais da Lei de Costas, a Xunta vén criticando tamén o que denomina "intento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de limitar os usos no litoral cunha reforma dos criterios para establecer a liña de deslinde". Trátase dunha medida do Goberno central que busca unha mellor adaptación a un novo escenario de suba do nivel do mar.
Porén, o Goberno galego critica que coa modificación da liña de deslinde de costa coa aplicación deste novo criterio, "os terreos que pasen a estar no dominio público marítimo-terrestre serían inalienables, imprescritibles e inembargables, coas correspondentes limitacións severas para usos residenciais, turísticos ou industriais".