Unha pouca menos calefacción, moito máis aire acondicionado: o cambio climático muda as casas galegas

Necesidade de usar refrixeración nos fogares en cada rexión da UE, sobre unha imaxe de equipos de aire acondicionado Dominio Público Montaxe: Praza.gal

Os efectos do cambio climático e do incremento das temperaturas obrigan a poñer en marcha mecanismos de adaptación, creando refuxios climáticos nas cidades ou mellorando o illamento das vivendas. Ou con mellores sistemas de refrixeración nos fogares

Os efectos do cambio climático e do incremento da temperatura media son indiscutibles. Os datos estatísticos, as evidencias científicas e a propia experiencia dos últimos ano están aí, deixando -tamén en Galicia- fenómenos meteorolóxicos máis extremos con máis frecuencia e unha suba das temperaturas que se deixa sentir no inverno e sobre todo nos meses cálidos. 

Isto ten consecuencias negativas para o organismo, especialmente no verán, cun aumento dos problemas de saúde e mortes relacionadas coa calor excesiva, maior dificultade para durmir debido ás noites tropicais e tórridas. Tamén obriga a poñer en marcha mecanismos de adaptación, creando refuxios climáticos nas cidades ou mellorando o illamento das vivendas. Ou con mellores sistemas de refrixeración nos fogares.

Ata o de agora a instalación de equipos de aire acondicionado en Galicia era practicamente residual, sobre todo en comparación coas comunidades autónomas do sur de España. O mesmo sucede en varios países europeos, como Francia, que agora comezan a sufrir os prexuízos da calor excesiva no verán.

En 2021, segundo os datos do Censo, unicamente o 6,5% das vivendas principais en Galicia contaba con algún sistema de refrixeración, fronte a unha media do 49,6% no conxunto de España

En 2021, segundo os datos do Censo, unicamente o 6,5% das vivendas principais en Galicia contaba con algún sistema de refrixeración, fronte a unha media do 49,6% no conxunto de España, con máximos do 70% en Andalucía e Estremadura e do 65% en Madrid. Tan só Asturias, Cantabria e Euskadi presentaban datos máis baixos que Galicia.  En cambio, en 2021 tan só o 12% das vivendas principais en Galicia carecía de calefacción, fronte a unha media do 19,4% no conxunto do Estado, que se elevaba ata o 31% en Andalucía ou o 27% en Murcia (e o 86% en Canarias).

A suba das temperaturas, con vagas de calor cada vez máis intensas e frecuentes e coa extensión a boa parte da primavera e do outono de rexistros elevados están a mudar as necesidades dos fogares galegos e cada vez son máis as persoas que estudan a instalación de sistemas de aire acondicionado, ventiladores de teito e outros dispositivos. 

Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea, mantén actualizada unha estatística de necesidades de calefacción e refrixeración nas vivendas de cada unha das rexións dos 27 Estados da UE

Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea, mantén actualizada unha estatística de necesidades de calefacción e refrixeración nas vivendas de cada unha das rexións dos 27 Estados da UE e outros países do espazo europeo. Trátase de dous índices -o Heating degree days Index (HDD) e o Cooling degree days Index (CDD)- que a través dunha fórmula establecen a necesidade de empregar nos fogares sistemas de para quentar ou arrefriar as vivendas, en función da temperatura exterior e doutros factores.

Os datos para todos estes territorios amosan o que resulta obvio: nos últimos anos a evolución das temperaturas están a incrementar notablemente a ncesidade de empregar sistemas de refrixeración en Europa. E, igualmente, están a reducir -moi levemente, iso si- a necesidade de acender as calefaccións, debido á suba das temperaturas medias no inverno.

O índice de necesidade de calefacción experimenta un lento descenso tanto na media dos 27 países da UE. Tamén en Galicia

Nos gráficos pódese observar a evolución dos dous índices para todas as rexións. Sen necesidade de deterse en cada un nin de realizar unha análise anual, a evolución semella clara en ambos os dous. O índice de necesidade de calefacción experimenta un lento descenso tanto na media dos 27 países da UE, aínda que con alzas e baixas. En 2016 o índice superaba os tres mil puntos, mentres que en dende o 2023 baixa dos 2.900. O mesmo sucede en Galicia: dos 1.830,85 puntos de 2016 aos 1.624,97 de 2016.

O índice de días de refixeración presenta cambios máis importantes nos últimos anos, tanto a nivel xeral como en Galicia, onde o índice se mantivo entre o 2016 e o 2021 sempre por debaixo de 50 puntos. En 2022 superou por primeira vez os 80 puntos, que roldou de novo en 2025

O índice de días de refixeración presenta cambios máis importantes nos últimos anos, tanto a nivel xeral como en Galicia. En Galicia o índice mantívose entre o 2016 e o 2021 sempre por debaixo de 50 puntos (40,82 en 2016). En 2022 superou por primeira vez os 80 puntos e en 2025 volveu roldar esa cifra.

Os datos para o conxunto da UE tamén amosan un incremento sostido, dende medias ao redor dos 100 puntos ata 2021 (90,77 en 2016) ata superar amplamente ese nivel a partir de 2022, chegando mesmo aos 139 puntos en 2024.

Tan só o sur da Península Ibérica, a maior parte de Italia, Grecia, Bulgaria e Romanía requiren de momento un uso habitual destes equipos, pero tamén o norte de España, sur de Francia, Croacia ou Hungría vén incrementar rapidamente o número de días ao ano no que estas instalacións se fan necesarias 

Os mapas amosan, finalmente, as necesidades de calefacción e refrixeración en cada rexión da UE e outros países do espazo europeo. Sen sorpresas, os países do norte do continente e tamén do centro e leste do mesmo son os que máis días necesitan acender a calefacción, fronte a un uso moito máis reducido no sur mediterráneo e na fachada atlántica.

En canto ao aire acondicionado, á inversa, tan só o sur da Península Ibérica, a maior parte de Italia, Grecia, Bulgaria e Romanía requiren de momento un uso habitual destes equipos, pero tamén o norte de España, sur de Francia, Croacia ou Hungría vén incrementar rapidamente o número de días ao ano no que estas instalacións se fan necesarias para manter as vivendas a unha temperatura axeitada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.