Galicia consolida a súa dependencia de petróleo e gas ante o estancamento das renovables

Refinaría de petróleo da Coruña CC-BY Gregorio Puga Bailón

En 2024 tan só a cuarta parte da enerxía transformada ou consumida en Galicia foi de orixe renovable, sen melloras nos últimos anos ante o estancamento das fontes renovables, especialmente a eólica

Galicia segue a ser un territorio moi dependente do exterior para acadar a enerxía que consome. Unha situación que se produce ante o estancamento das fontes renovables -especialmente a eólica- (a potencia renovable só medrou un 4% nos últimos cinco anos) e o atraso no proceso de electrificación da economía, dende a industria ao transporte. 

Este xoves Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática publicaron un informe que analiza o último balance enerxético de Galicia, correspondente ao ano 2024, que alerta de que tan só a cuarta parte da enerxía transformada ou consumida en Galicia foi de orixe renovable e conclúe que "o documento confirma a mala situación da transición enerxética no país".

As dúas organizacións sinalan que o abandono do carbón -co peche das centrais de Meirama e As Pontes- non foi acompañado dunha redución no uso dos demais combustible fósiles e destacan que "comparando 2024 con 2018, o ano previo ao comezo do declive do carbón, a achega dos recursos enerxéticos renovábeis apenas variou". A tendencia foi a un aumento no uso do gas fósil e un descenso similar no uso de petróleo.

As dúas entidades lembran que "o abandono progresivo dos combustíbeis fósiles é un imperativo cada vez máis urxente para mitigar a crise climática, reducir a contaminación tóxica, asegurar a autonomía enerxética e garantir a prosperidade socioeconómica"

As dúas entidades lembran que "o abandono progresivo dos combustíbeis fósiles é un imperativo cada vez máis urxente para mitigar a crise climática, reducir a contaminación tóxica, asegurar a autonomía enerxética e garantir a prosperidade socioeconómica".

No ano 2024 o consumo directo de produtos petrolíferos e de gas fósil supuxo o 61% do consumo galego de enerxía final en 2024. A electricidade (o 82% xerada con fontes limpas) achegou o 22% e as renovables non eléctricas (biomasa, aerotermia, biocarburantes, etc.) o 14%. 

Nos últimos anos, lembran Greenpeace e OGACLI, o transporte converteuse nos últimos anos no sector líder en Galicia en demanda enerxética e en emisións de gases causantes de cambio climático. E chaman a afianzar a aposta polo transporte colectivo, pola transferencia de mercadorías da estrada ao tren, e pola electrificación dos vehículos.

Ogacli e Greenpeace salientan que Galicia "exporta electricidade que non está a usar, perdendo a oportunidade de empregala en desfosilizar o seu consumo enerxético co aumento da electrificación". E lembran que, en todo caso, "necesitaría producir moita máis electricidade de orixe renovábel para o abandono do petróleo e do gas fósil"

O informe destaca que nos últimos anos Galicia está a incrementar as súa exportacións enerxéticas, pero estas están dominadas polos combustibles fósiles da refinaría da Coruña e da planta regasificadora de Mugardos. Os produtos petrolíferos e o gas fósil representaron o 73% da enerxía exportada, fronte ao 21% de electricidade e o 6% de biocarburantes. 

Ogacli e Greenpeace salientan que Galicia "exporta electricidade que non está a usar, perdendo a oportunidade de empregala en desfosilizar o seu consumo enerxético co aumento da electrificación". E lembran que, en todo caso, "necesitaría producir moita máis electricidade de orixe renovábel para o abandono do petróleo e do gas fósil". Un aumento da produción eléctrica que se ve coutado pola paralización do sector eólico. O principal impulso renovable, neste contexto, veu do aumento do autoconsumo solar fotovoltaico.

Fronte a un grande impulso das enerxías renovables en varias comunidades autónomas do Estado, que están conseguindo reducir o prezo da electricidade e limitar a dependencia das importacións de petróleo e gas, este proceso en Galicia permanece estancado.

As dúas organizacións alertan de que estes datos e a tendencia dos últimos anos apuntan a un escenario de incumprimento das previsións e obxectivos fixados pola Xunta para o ano 2030

As dúas organizacións alertan de que estes datos e a tendencia dos últimos anos apuntan a un escenario de incumprimento das previsións e obxectivos fixados pola Xunta para o ano 2030. Así, por exemplo, fronte a unha proporción do 58% de renovables no consumo enerxético final proxectada polo Goberno galego para ese ano, atopámonos neste momento no 48%, despois de dous anos de estancamento. De igual xeito, o obxectivo do 35% de electricidade no consumo galego de enerxía final está cada vez máis lonxe, despois de tres anos de descensos ata ficar no 22%.

En decembro de 2023 Greenpeace e o Observatorio Galego da Acción Climática publicaron o informe Galicia, máis aló dos combustíbeis fósiles. O documento inclúe recomendacións sobre a planificación enerxética da Xunta, os combustíbeis fósiles, o consumo de enerxía e o desenvolvemento renovábel en Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.