A 6 de abril, Galicia sufriu xa o seu primeiro Grande Incendio Forestal (GIF) do ano ao superar o iniciado en Ponteareas as 500 hectáreas, limiar a partir do cal se inclúen os focos nesta categoría. O ano pasado, que foi o dos peores fogos da historia do país, o primeiro GIF non chegou ata inicios de agosto en Vilardevós. A partir de aí, unha vintena máis de grandes incendios —varios deles uníndose nunha única fronte—, catro por riba das 24.000 hectáreas e un total de entre 120.000 e 144.000 arrasadas tendo en conta os datos da Xunta ou o das medicións dos satélites Sentinel 2 do programa europeo Copernicus.
No que vai de ano, e só nesta primavera, son máis de 1.000 as hectáreas calcinadas en Galicia, máis de 900 delas nunhas poucas horas deste pasado luns, nunha xornada na que coincidiron varias das condicións propicias para a expansión do lume: altas temperaturas, vento forte e cálido e maleza mesta e abundante favorecida polas elevadas precipitacións do pasado inverno.
Os incendios en Ponteareas e na zona de Carballo e A Laracha, no primeiro día de temperaturas anormalmente altas do ano en Galicia —rozando os 30 graos en moitas localidades e batendo marcas para a época— supoñen de novo un aviso do importante desafío que afronta o país cuns incendios cada vez máis perigosos, virulentos, incontrolables e imprevisibles por mor do impacto do cambio climático. As chuvias axudaron a apagar o que antes contribuíran a favorecer.
Máis de 1.000 hectáreas arderon nesta primavera en Galicia, 900 nunhas poucas horas do luns, onde a calor e o forte vento provocaron as condicións idóneas para o lume
Porque neste caso, a crise climática impacta de dous xeitos: intensificando as chuvias torrenciais —tal e como confirmaron os primeiros estudos científicos sobre este inverno— e, polo tanto, facilitando o rápido crecemento de combustible vexetal na primavera, e cun aumento das temperaturas e das épocas de seca que provocan a situación máis favorable para a extensión do lume.
O mes de marzo foi moi cálido e moi seco logo dun inverno extremadamente chuvioso, o que facilita o crecemento da maleza que se converte en combustible vexetal preparado para arder
Neste mesmo martes, Meteogalicia fixo públicos os datos que indican que Galicia rexistrou un mes de marzo moi cálido e moi seco, cunha temperatura media nove décimas por riba do valor habitual e un 65% menos de precipitacións en comparación co habitual neste período. Foi o oitavo mes de marzo máis seco da serie histórico. Chuvias intensas no inverno e calor e seca xusto nas semanas posteriores: a tormenta perfecta. Todo nun contexto no que os últimos catro anos foron os máis cálidos de sempre en Galicia.
Advertiuno xa un informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica que serve de base para as políticas de adaptación ao quecemento global. Nel, alerta de que o "cambio de réxime de chuvias (maior irregularidade) e o aumento das temperaturas favorece as condicións propicias para que os incendios forestais sexan máis virulentos e extensos" pero tamén máis difíciles de extinguir por "un maior volume de combustíbel exposto a períodos de seca cada vez máis prolongados". E sinala Galicia por ser un dos territorios máis afectados e onde as temporadas de perigo polo sume pasan a ser "máis longas".
O lume, unha vez máis, confirmou as advertencias, desta vez moi cedo. En Ponteareas, como explican bombeiros forestais da zona, o incendio que calcinou máis de 600 hectáreas e se espallou este pasado luns a Mos e Pazos de Borbén "desmandouse" polas condicións climáticas e puxo en risco varios brigadistas. Na mesma zona onde as lapas xa arrasaran centos de hectáreas en agosto de 2005 e en outubro de 2017.
"As abundantes chuvias do inverno fan que agora a maleza medre moito, pero os temporais provocaron tamén que haxa moito ramallo, pólas e árbores caídas que agora secan e son combustible para arder. Hai moito restroballo en moitos montes que en condicións climáticas como as deste luns supoñen un perigo", explica un brigadista do Baixo Miño, un dos traballadores do servizo contraincendios da Xunta que empezou o seu traballo durante nove meses a principios do pasado marzo.
"As chuvias do inverno fan que agora a maleza medre moito, pero os temporais provocaron tamén que haxa moito ramallo, pólas e árbores caídas que secan e son combustible para arder"
Malia non ser a época con máis risco, os meses de marzo e abril son historicamente un período con picos de maior incidencia de lume —tal e como se pode comprobar nos datos e no gráfico que achega o Pladiga 2025—, aínda que atenuados na última década e non comparables aos que se dan no verán. O milleiro de hectáreas ardido nas últimas semanas pon Galicia en alerta e volve confirmar as advertencias, máis de cara ao próximo verán.
"Por desgraza, en Ourense boa parte do monte quedou arrasado e non queda moito por arder; a franxa atlántica é agora a de maior risco e o maior ou menor perigo dependerá de que as condicións climáticas son desfavorables e do tempo que se manteñan", explican bombeiros forestais en conversa con Praza.gal, que advirten de servizos "a medio gas", por mor das vacacións ou de procesos selectivos de estabilización pendentes estes días, e que botan en falta reunións de avaliación que permitan "abordar e mellorar sobre os erros e os acertos da anterior campaña".
Outra zona de risco
Nesta franxa atlántica, pero especialmente no sur de Galicia, o temor dos profesionais contraincendios é maior por ser unha zona máis poboada, cunha "pésima planificación urbanística e unha gran desorde territorial" e plantacións de piñeiros e eucaliptos "pegadas a moitas casas". De novo, un dos riscos "clave" no país que levan anos advertindo desde a ciencia.
O número de persoas expostas ao lume pola súa "proximidade á interfeaz urbano-forestal (IUF) e ao tipo de urbanismo predominante" aumenta a perigosidade, alerta o devandito informe de Transición Ecolóxica. "En rexións como Galicia, onde existe unha importante continuidade entre o bosque e os asentamentos urbanos, a IUF é extensa", avisa. Unha investigación da Universidade de Santiago (USC) xa alertara de que os incendios cada vez se inician máis próximos ás vivendas.
As consecuencias inflúen tamén na capacidade de extinción e control do lume. "Cando, loxicamente, a prioridade dos servizos de extinción é salvar vidas, hai que deixar incendios no monte que acaban acelerándose e descontrolándose", lembran brigadistas, que insisten na dependencia de que as condicións climatolóxicas que fixeron do verán de 2025 un inferno en Ourense non se repitan noutras zonas en risco en Galicia.
"Cando a prioridade dos servizos de extinción é salvar vidas, hai que deixar incendios no monte que acaban acelerándose e descontrolándose"
Porque todo mudou en 2017. Foron os graves incendios daquel ano—os de xuño en Portugal que provocaron a catástrofe de Pedrógão Grande e os de outono que asolaron o país veciño e Galicia nunha fin de semana— os que serviron de advertencia para o que estaba por vir.
Os incendios máis virulentos, incontrolables e perigosos xa están asentados en Galicia, axudados polo impacto da crise climática. Ante a chegada desta tipoloxía de lume forestal, o informe técnico encargado pola Assembleia da República en Portugal sobre Pedrogão de 2017 concluíra que a política antiincendios debía ser modificada por mor do cambio climático. E a propia Xunta reclamou o mesmo pouco despois na comisión parlamentaria que analizou a vaga de lume do mesmo ano en Galicia.
Á espera de que sexa aprobado definitivamente, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga) de 2026 prevé o incremento do 30% na rede de videovixilancia, a implantación dunha aplicación para alertar sobre lume, a incorporación de 42 novas brigadas ou o aumento do orzamento do convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, segundo anunciou a Xunta.
Galicia, no epicentro do risco de incendio
No Pladiga de 2025, unha completa análise apunta a diversos factores por tras do "complexo" problema dos incendios, dende políticas forestais prexudiciais á estrutura da propiedade da terra no noso país. E, como antes outros documentos e estudos, nin sequera menciona a tese das "tramas" ou do suposto "terrorismo" que se adoitan resucitar nos argumentarios oficiais tras épocas máis virulentas como a deste ano.
Unha achega que completa a diagnose sobre un problema que afecta de cheo a Galicia, que xa está no epicentro da área con maior risco de incendio en Europa, como detallou un estudo dun equipo internacional liderado polo Grupo de Modelización Atmosférica Rexional da Universidad de Murcia, no que participan outras entidades científicas como a Misión Biolóxica de Galicia-CSIC. Unha problemática que, ademais, chega cada vez máis cedo.