Calor e vento en abril: primeiro grande incendio do ano e case 1.000 hectáreas queimadas en varios focos

Incendio na parroquia de Caión, na Laracha CC-BY-SA Concello da Laracha

Primeiro día de calor de primavera, con temperaturas máis propias de agosto, e fortes refachos de vento volveron provocar as condicións propicias para a propagación de incendios en Galicia. Case 1.000 hectáreas arderon xa en poucas horas en dous fogos en Ponteareas e Carballo, extinguidos ambos na tarde deste martes, logo de que obrigasen a desaloxar varias vivendas ou a aplicar o nivel 2 de emerxencia polo risco para as casas. 

Calor propio do verán e forte vento provocaron condicións propicias para o lume: o primeiro grande incendio da tempada queimou 750 hectáreas en Ponteareas, Pazos de Borbén e Mos

Estes dous importantes incendios comezaron nestes municipios pero acabaron espallándose a outros tres. No caso do de Ponteareas, comezou pouco antes das 3 da tarde do luns na parroquia de Ribadetea, afectando o monte Galleiro estendéndose aos municipios de Pazos de Borbén e Mos. Aínda que a Xunta apunta á existencia de varios focos, o que apuntaría á intencionalidade, un tractor parece ser a orixe inicial do lume, unhas circunstancias que agora terá que aclarar a investigación. 

Incendio en Ponteareas CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Os fortes refachos de vento e as altas temperaturas na zona complicaron moito a situación, o que obrigou a que a Consellería do Medio Rural decretase a situación 2 de emerxencia pola proximidade das lapas ao núcleo de Galleiro —que foi desactivada pouco antes da media noite— e a que se desaloxase por precaución un veciño con mobilidade reducida no lugar de Mouro, segundo informou o Concello de Ponteareas. 

O incendio en Caión (A Laracha) obrigou a desaloxar dez casas e queimou unhas 190 hectáreas tras unirse con outro foco en Carballo

Para os labores de extinción Medio Rural despregou, polo de agora, 4 técnicos, 17 axentes, 25 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 6 avións. Medios necesarios para traballar sobre un foco que pasa a ser xa o primeiro Grande Incendio Forestal (GIF) da tempada en Galicia, ao superar as 500 hectáreas queimadas: 550 de monte arborado e 200 de raso.

No caso do incendio de Carballo, o que era un foco nesa localidade acabouse unindo con outro en Caión, no concello da Laracha, onde a proximidade das lapas obrigou a desaloxar unha decena de casas. Tras quedar extinguido este martes, o lume queimou 186,5 hectáreas en total, 105,5 de arborado e 81 de monte raso. 

Moita maleza tras un inverno chuvioso

A importante cantidade de maleza acumulada —logo dun inverno moi chuvioso—, o tempo seco dos últimos días e os fortes refachos de vento uníronse a unhas temperaturas anómalas, de ata 27 graos este luns, para impulsar un incendio que puxo en perigo varias vivendas pero que finalmente non danou ningunha, como confirmou o Concello de Laracha pola noite. 

Neste mesmo municipio e na mesma parroquia de Caión, hai só uns dez días, outro incendio queimou máis de 30 hectáreas. O deste luns, aínda activo, provocou unha columna de fume facilmente visible desde A Coruña e a súa contorna. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 13 axentes, 16 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 3 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 4 avións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.