A Pobra quere abrazar o mar: lanza un concurso de ideas para transformar a súa fachada litoral

Fachada marítima da Pobra do Caramiñal © Fundación RIA

O Concello prepara unha convocatoria pública de arquitectura, en colaboración co COAG e a Fundación RIA, que busca a mellora do espazo público e da mobilidade e con especial atención ao mercado semanal

O Concello da Pobra do Caramiñal vai lanzar unha convocatoria pública de arquitectura, en colaboración co COAG e a Fundación RIA para transformar a súa fachada marítima, definindo as estratexias de mellora do espazo público e da mobilidade, con especial atención ao mercado semanal. Segundo destaca a Fundación RIA, "trátase dunha oportunidade para repensar a relación entre o tecido urbano e o borde litoral, mellorando a calidade do espazo público e fomentando a cohesión social e económica da vila".

Este proceso aspira a crear un novo modelo de relación entre A Pobra e o seu bordo litoral, desde unha perspectiva centrada nas persoas, o espazo público e o territorio. O ámbito do concurso abrangue desde a Ponte de San Antonio ata a estación de autobuses, e está estruturado en tres áreas complementarias: a reordenación do mercado semanal, a articulación dos espazos públicos e unha nova estratexia de mobilidade. 

A Pobra do Caramiñal en 1956 © Ramon Dimas

O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA que revelou as dificultades actuais derivadas do trazado da AC-305 e da localización do mercado semanal, así como o potencial dunha reconfiguración integral do ámbito

O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que revelou as dificultades actuais derivadas do trazado da AC-305 e da localización do mercado semanal, así como o potencial dunha reconfiguración integral do ámbito. 

Nos últimos anos Fundación RIA realizou un detallado traballo de análise e propostas en relación á estrada AC-305 que percorre o litoral arousán do Barbanza entre Taragoña e Ribeira. Esta vía, que atravesa o centro de boa parte dos máis importantes núcleos de poboación da comarca, converteuse co tempo tamén na principal rúa das localidades que atravesaba. O obxectivo deste proxecto é "converter a estrada en rúa", toda vez que a AG-11 xa asumiu boa parte do tráfico pesado e lixeiro de longa distancia do litoral.

"Trátase dunha oportunidade para repensar a relación entre o tecido urbano e o borde litoral", destaca a fundación impulsada por David Chipperfield

O mercado semanal, que se celebra todos os mércores na contorna da rúa Castelao e en parte do paseo do Areal, atrae un gran número de persoas dende toda a comarca. Ese día -para evitar que os coches ocupen lugares non autorizados no resto da vila- permítese o aparcamento na Praza Maior, un dos espazos peonís máis importantes da Pobra na súa fachada marítima. Neste senso, a reestruturación do tráfico, a redistribución dos postos do mercado e a mellora dos espazos libres serán eixos centrais das propostas.

Vista aérea nun día de mercado © Fundación RIA

O concurso de ideas

 A reestruturación do tráfico, a redistribución dos postos do mercado e a mellora dos espazos libres serán eixos centrais das propostas

Entre os obxectivos principais do concurso están a mellora da accesibilidade, a integración funcional dos equipamentos e a creación dun espazo público coherente e de calidade. Os equipos participantes deberán incorporar propostas sobre mobilidade, infraestrutura verde e azul, enerxía e circularidade, e metodoloxías participativas, ofrecendo solucións por fases que garantan a súa viabilidade técnica e económica.

A iniciativa promovida polo Concello da Pobra do Caramiñal, co apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e da Fundación RIA, conta, ademais, co apoio da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), que contribúe economicamente ao financiamento dos estudos previos de análise e planificación, así como ao cofinanciamento dos premios do concurso e outros gastos relacionados. A proposta gañadora recibirá o encargo do plan director e marcará a folla de ruta para futuras intervencións urbanas na Pobra do Caramiñal.

Imaxe da análise do ámbito do concurso © Fundación RIA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.