O proxecto vén de ser premiado na XIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo celebrada en Perú pola actividade realizada no barrio vigués de Coia en colaboración co IES Alexandre Bóveda
No ano 2016 botou a andar o proxecto A vila do mañá, realizado polo estudio coruñés Post Arquitectos co obxectivo de "construír unha cidade sostible e promover a cidadanía crítica" a través da realización de actividades con infancia e adolescencia, para incluílos "nos procesos de construción do espazo común, dotándoos das ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, co fin de provocar o espertar dunha nova mirada dos espazos nos que habitan". Despois de todo, eles e elas serán quen vivan nas cidades e vilas do futuro.
O proxecto comezou cun obradoiro en Rianxo, impulsado pola Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego e o Concello da localidade. Despois seguiron moitos outros obradoiros, eventos e proxectos derivados en Ames, Verín, Mugardos, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Arzúa, Mondoñedo, Miño, Santiago de Compostela, Silleda, Bueu, Carballo, Vigo, Cambados, Arteixo, Barbadás, Touro, Vimianzo, A Pobra do Caramiñal, Malpica e mesmo en São Paulo (Brasil).
O proxecto naceu en 2016 cun obradoiro en Rianxo e nos últimos anos levou a cabo actividades en numerosas cidades e vilas galegas e tamén en Brasil
Agora, unha desas actividades, organizada no barrio vigués de Coia en 2022 en colaboración co Instituto de Alexandre Bóveda e o Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (GICAP) da Universidade da Coruña, vén de ser premiada na XIII Bienal Iberoamericana de Arquitectura e Urbanismo celebrada en Perú, baixo o título de Climas: Accións para o bo vivir. O galardón, dentro da categoría Pedagoxías, entregarase o vindeiro 2 de decembro en Lima nun acto ao que asistirá a arquitecta Sandra González, creadora de A Vila do Mañá.
O proxecto incluía un roteiro polo barrio e un Xogo da oca no que os distintos cadriños se correspondían con lugares significativos do barrio vigués: "o propio barrio tiña que ser o punto de partida e ao mesmo tempo o elemento dinamizador desta aprendizaxe activa"
No proxecto premiado, estudantes da Facultade de Arquitectura comezaron desenvolvendo unha investigación no barrio de Coia no que se atopa o instituto co obxectivo de achegarlle ao alumnado a xeografía, historia e toponimia deste espazo, un coñecemento do lugar no que viven que buscaba ser unha ferramenta para a integración no lugar. Posteriormente, traballáronse estes mesmos elementos co estudantado do centro de ensino.
"Preténdese que tanto as alumnas e alumnos de arquitectura como os do instituto participen na sociedade á que pertencen e coas persoas coas que conviven. Considérase que o propio barrio tiña que ser o punto de partida e ao mesmo tempo o elemento dinamizador desta aprendizaxe activa", destácase na descrición da iniciativa. O proxecto incluía un roteiro polo barrio e un Xogo da oca no que os distintos cadriños se correspondían con lugares significativos do barrio vigués.
Os impulsores de A Vila do Mañá destacan que "entendemos a cidade como taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe"
Os impulsores de A Vila do Mañá destacan que "entendemos a cidade como taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para as nenas, nenos, adolescentes e estudantes de arquitectura que, a través das ferramentas propias e o xogo, teñen que descubrir, vivir, coñecer e valorar o seu hábitat para poder actuar nel", engadindo que "defendemos o dereito das nenas, nenos e adolescentes á cidade, como parte dunha cidadanía activa; a cal será a que herde e desenvolva a cidade futura".
Reconquistar a cidade para as persoas
"Defendemos o dereito das nenas, nenos e adolescentes á cidade, como parte dunha cidadanía activa; a cal será a que herde e desenvolva a cidade futura", engaden
A filosofía do proxecto bebe en gran medida das ideas do psicopedagogo e educador italiano Francesco Tonucci e da súa obra A cidade dos nenos, coa cidade de Pontevedra liderando un "cambio de prioridades" que supón pensar na infancia antes que nos coches e con experiencias coma os "Camiños Escolares". "A cidade, nacida como lugar de encontro e de intercambio, descubriu o valor comercial do espazo e alterou todos os conceptos de equilibrio, benestar e comunidade para seguir soamente programas de beneficios, de intereses", denuncia Tonucci. A Vila do Mañá busca darlle a volta a este proceso, reconquistando as cidades e vilas para todas as persoas e, sobre todo, para as novas xeracións, os habitantes do mañá.
"A conexión natural entre as nenas, nenos e adolescentes e a vila ou cidade na que viven está diluída e apenas existe. Atopamos a infancia nas súas casas, vendo a tele, cos seus videoxogos, trasladándose en coche e descubrindo a vila dende a súa xaneliña, onde o parque ou a praza foron substituídos polo centro comercial"
O proxecto alerta de que nas úlimas décadas "a conexión natural entre as nenas, nenos e adolescentes e a vila ou cidade na que viven está diluída e apenas existe. Atopamos a infancia nas súas casas, vendo a tele, cos seus videoxogos, trasladándose en coche e descubrindo a vila dende a súa xaneliña, onde o parque ou a praza foron substituídos polo centro comercial". "A vila é un medio hostil para eles, perderon a súa liberdade, que se ve limitada a certos recintos considerados como seguros e que son controlados polos adultos. Estamos a trasmitirlles a mensaxe do medo que se respira actualmente na sociedade, e como consecuencia, o lugar onde habitan, a vila ou a cidade, no son seguras para eles", engaden.
A Vila do Mañá busca darlle a volta a este proceso, reconquistando as cidades e vilas para todas as persoas e, sobre todo, para as novas xeracións, os habitantes do mañá
Adolescentes, nenos e nenas deben recuperar as rúas, un proceso que pasa primeiro pola aprendizaxe e despois pola súa participación nas decisións sobre o futuro do seu hábitat. Esta aprendizaxe debe chegar, principalmente, a través do xogo, que constitúe a base das actividades do proxecto A vila do mañá. "Buscamos unha aprendizaxe actuando na realidade, no local, abordando situacións espaciais que poden ser coñecidas de antemán e que se redescubren dende unha nova perspectiva. Tamén buscamos a acción a través do movemento da nena e neno, o descubrir o espazo dende a máxima liberdade do xogo", explican os responsables da iniciativa.