Abanca acode á OPA de MásMóvil e vende a súa participación en Euskaltel, do 4,48%
Abanca marcha de vez de R. A entidade resultante da fracasada fusión das caixas galegas decidiu acudir á OPA presentada por MásMóvil sobre o 100% de Euskaltel --grupo propietario da empresa de telecomunicacións galega-- e vender o 4,48% da súa participación no capital da compañía vasca.
A operación roldaría os 88 millóns de euros, xa que MásMóvil pagará 11 euros por cada un dos 8.004.960 títulos de Abanca. A entidade bancaria únese así aos tres principais accionistas do operador (Zegona, Alba e Kutxabank), que xa acordaran vender a súa parte, ao igual que antes os conselleiros de Euskaltel aprobaran acudir á OPA.
No caso de chegar ao 100% de aceptación, MásMóvil acabará pagando case 2.000 millóns de euros para consolidarse como o cuarto operador de telecomunicacións estatal.
O anuncio de Abanca deste mércores supón unha operación coa que se di adeus ao derradeiro vestixio galego en R. Como lembra o propio banco, este incorporarase ao accionariado de Euskaltel en novembro de 2015, ao subscribir un 5,27% de participación na ampliación de capital que se realizou para adquirir o Grupo R Cable e que logo se diluíu até ese case 4,5% a mediados de 2017, tras a adquisición de TeleCable por parte da compañía vasca.
A participación de Abanca remóntase ás orixes da constitución de R Cable, operador galego de comunicacións por fibra óptica. A da entidade bancaria con sede en Galicia era a pegada que aínda quedaba das antigas caixas no grupo onde se integra R, compañía que leva acumuladas máis de vinte mudanzas accionariais desde os seus inicios.
Caixanova, o Pastor, Unión Fenosa e outras empresas impulsaron R en 1998; dez anos despois a caixa do sur era a máxima accionista
Daquela, Caixanova, Unión Fenosa, Banco Pastor e outras empresas e empresarios galegos impulsaron a firma, que xurdiu en 1998 baixo a denominación Grupo Gallego de Empresas para el Cable a raíz do concurso para a adxudicación do despregamento do cable en Galicia.
Aos dez anos, en 2008, Caixanova liderou un dos principais cambios ao mercar o 35,44% que tiña Unión Fenosa, absorbida xa por Gas Natural, acumulando así máis do 66% da empresa.
Menos de dous anos despois, o fondo de capital risco CVC Capital Partners, con sede en Luxemburgo, facíase cunha participación do 35% e unha opción de compra doutro 35% que consumaría só uns meses máis tarde, ata alcanzar o 70% do accionariado.
Caixanova quedaba co 30%, practicamente o mesmo paquete accionarial que antes da saída de Unión Fenosa. Antes da chegada de CVC á firma de telecomunicacións, Inversiones Gallegas de Cable -sociedade que agrupaba diferentes compañías como Estrella Galicia, o Grupo Tojeiro ou Jealsa- era a segunda máxima accionista co 10,5%, seguido de Banco Pastor (9,91%) e de Cable Total, co 9,85%.
En outubro de 2015, Euskaltel anunciaba un acordo de compra de todas as accións de R Cable por un prezo definitivo de 1.190 millóns de euros, incluíndo 300 millóns de débeda. A firma galega pasaba a ser xa unha filial do grupo vasco, que en 2017 adquiriría a asturiana Telecable para acabar fusionándoa coa propia R.
R muda outra vez de mans tras integrarse en Euskaltel en 2015 e logo de que o fondo Zegona se convertese en primeiro accionista do grupo vasco en 2019
Aquela fusión coa empresa asturiana, aínda que mantendo ambas as marcas, e o control de Zegona en Euskaltel provocou a deslocalización de numerosas subcontratas que traballaban para R, principalmente cara á sede que o grupo asiático ZTE ten en Asturias, o que provocou importantes mobilizacións sindicais.
Agora, MásMóvil comprométese a preserver o emprego, a marca e a sede de R en Galicia, segundo asegurara nun comunicado no que advertira tamén do mantemento de Euskaltel e Virgin. As marcas R ou Euskaltel, segundo a empresa, seguirían a ser a "referencia en servizos converxentes de telecomunicacións nos seus respectivos territorios". Pero xa sen rastro ningún de galeguidade.