A incerteza arredor de R: entre a “deslocalización” e a “reorganización”

Mobilización contra a "deslocalización" en R CC-BY-NC-SA CIG

Durante todo este verán, persoal de R e das súas diferentes subcontratas mobilízase cada pouco para protestar contra a “deslocalización” que denuncian por parte de Grupo Euskaltel, no que se integra a operadora galega. Estarían en xogo, segundo denuncian todos os sindicatos, un milleiro de empregos na órbita dunha compañía que dá traballo a 1.200 persoas no país

As mobilizacións das subcontratas de R volven mentres a empresa nega a "deslocalización" aínda que recoñece “cambios, movementos e reorganización”

Nesta vindeira semana –e na última de mes– volverán as concentracións ante as sedes que R ten no centro da Coruña e no polígono da Agrela. Logo dos despedimentos de hai meses e do desvío dos traballos dalgunha subcontrata galega a outras como a súa socia tecnolóxica chinesa (ZTE) en Asturias, a incerteza mantense no persoal. 

Mentres traballadores, comités e sindicatos acusan o grupo de “deslocalizar” e ven “indicios claros” sobre a “intención de ir levando os empregos fóra de Galicia”, desde R recoñécense “cambios, movementos e reorganización” pero negan ir máis aló. “Non é certo que se estean deslocalizando os servizos da empresa”, din desde unha compañía para que traballan unhas 40 subcontratas en territorio galego, ademais dalgunha “subcontrata da subcontrata”, como lembran os sindicatos. 

Mobilización polo mantemento do emprego en R CC-BY-NC-SA R

O temor é lóxico. Desde que Euskaltel se fixera con R en 2015, os recortes son constantes. A reestruturación anunciada acentuouse desde que o fondo británico Zegona tornou na primavera no primeiro accionista do grupo. José Miguel García converteuse en novo conselleiro delegado do grupo propietario da empresa galega e da asturiana Telecable en xuño. Nese mesmo mes, despediu vinte directivos, dous deles en Galicia, e un mes despois prescindiu de 25 traballadores, dez deles na compañía con sede na Coruña. 

A reestruturación en R comezou con despedimentos en xuño e continuou coa fin dos contratos de prestación de servizos con varias empresas galegas

Pouco despois, R anunciou a Comfica, unha das súas principais subcontratas en Galicia, que non continuaría contratando os seus servizos, polo que 20 traballadores quedarían sen o emprego. Á espera de que se confirme, o persoal chegou a un acordo coa firma para que, no caso de que non se subroguen os empregos, Comfica acabe recolocando os traballadores. “É un bo acordo, pero seguimos esperando polo compromiso de R de esixir á nova adxudicataria a subrogación e impedir que leven o trabalo fóra de Galicia”, aclaran fontes do comité. 

Outra das empresas que fai labores de mantemento para R, Indra, xa foi desprovista dalgúns dos traballos que pasaron a ser realizados por ZTE en Asturias, un caso semellante do que advirten en Colabora ou Plexus. Persoal de varias destas subcontratras levaron a cabo folgas durante o verán. 

R asume que se apoiarán “no talento e bo facer dos compañeiros de Asturias ou País Vasco” pero que “os provedores galegos tamén terán novas oportunidades" 

“É certo que estamos a reorganizar algunhas áreas e departamentos para ser máis eficientes como grupo e seguir apostando pola calidade cunha estrutura ben artellada”, asume R, que di que se están a “tomar decisións para especializar equipos ou medrar en televenda e venda electrónica”. “Ás veces isto pode provocar que traballemos con algúns provedores diferentes, sempre coa idea de optimizar o servizo”, engade a compañía, que recoñece que tamén se apoiarán “no talento e bo facer dos nosos compañeiros de Asturias ou do País Vasco” pero que, parellamente, “os provedores galegos tamén terán novas oportunidades de crecemento facendo traballos non só para Galicia, senón para todo o grupo”. 

A versión é diferente desde o persoal. “Está clarísimo que queren deslocalizar; por moito que falen de poder subrogar empregos, non o van facer con todos e a gran maioría de servizos serán contratados en Asturias”, din fontes sindicais de subcontratas de R. 

Desde a empresa negan que vaia ser así. “De feito, xa hai empresas galegas que se están fortalecendo e ofrecendo os seus servizos desde Galicia para todo o grupo”, di a compañía, que advirte de que “os mellores e máis flexibles terán máis oportunidades”. 

Euskaltel busca teleoperadores no País Vasco que falen galego mentres consultoras que traballan para R contratan para todo grupo máis xente en Galicia

No sector dos teleoperadores, a consultora dixital BySidecar abriu xa un proceso de contratación de 15 persoas para traballar na Coruña na captación de clientes para todo o grupo Euskaltel e aumentar así os servizos que prestaba a R a todo o grupo. 

É nun portal de emprego dixital onde anuncia as ofertas, o mesmo onde outro anuncio aumentou o temor doutras empresas do sector que traballan para R como Gestión C, GSS Atlántico, Teleperformance ou Sum Talk. Outra provedora de Euskaltel pedía traballadores no País Vasco que falasen galego, o que para os sindicatos era unha proba clara doutra “deslocalización”. 

Mobilización ante a sede de R na Coruña contra a "deslocalización" CC-BY-NC-SA CIG

“Certamente, non imos negar que hai cambios e movemento, pero non 'deslocalización' e si moitas oportunidades de crecemento para quen o faga ben e responda con flexibilidade aos cambios”, responde a empresa, que cre que “hai que ter en conta que en moitas ocasións as protestas veñen impulsadas máis por un temor que por unha realidade constatada”. 

"Hai cambios e movemento, pero non 'deslocalización' e si moitas oportunidades de crecemento para quen o faga ben e responda con flexibilidade aos cambios”, di R

“Non podemos facer unha xeneralización dun problema ante cambios puntuais que se fan e farán sempre pensando no noso compromiso esencial con Galicia, mantido durante xa dúas décadas, dende o principio da nosa andaina”, reivindica a compañía. “O noso compromiso con Galicia é inamovible. Aquí pagamos os nosos impostos e dende aquí intentaremos seguirlles ofrecendo sempre o mellor servizo aos nosos clientes”, insiste. Desde o persoal e os sindicatos, seguen sen fiarse e advirten de decisións que xa foron prexudiciais para os traballadores. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.