No ano 2015 o 100% de R Cable foi adquirido por Euskaltel, que nese momento anunciou que daría continuidade á marca galega, ás súas estruturas locais e equipos profesionais. Porén, segundo denuncian sindicatos como a CIG dende ese momento iniciouse unha progresiva deslocalización dos empregos da antiga R cara a Asturias e o propio País Vasco. Moi especialmente dos seus servizos de mantemento.
Euskaltel acordou entregar á empresa chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede en Galicia, que agora pasarán a ser realizados dende Asturias
Estes servizos están na actualidade subcontratados a empresas que operan en Galicia, como Comfica, Colabora, Indra ou Plexus, nos que traballa persoal que con estas e outras compañías (ata agora viñan producíndose habitualmente subrogacións dos seus contratos) vén ocupándose deste labor dende hai 20 anos nalgúns casos. Porén, recentemente, Euskaltel acordou entregar á empresa chinesa ZTE os servizos de mantemento da rede que en Galicia ata agora emprestaban estas compañías e que agora pasarán a ser realizados dende o centro de traballo que ZTE vén de abrir en Asturias.
Desta volta, ademais, non habería subrogación, polo que están en risco varios centos de empregos en Galicia, principalmente na Coruña e comarcas próximas. Segundo denuncia a CIG, a consecuencia máis inmediata desta decisión foi o despedimento de 20 traballadores e traballadoras de Comfica.
O persoas destas compañías iniciou hai unhas semanas unha serie de mobilizacións, coa realización de concentración ante as sedes centrais de R na Coruña, no Polígono de Agrela e no Obelisco, completadas con dúas xornadas de folga, os días 24 e 31 de xullo. Ante a falta de avances, o persoal vai continuar e intensificar as súas protestas e neste momento está deseñando un calendario de mobilizacións para o mes de agosto. Critican as recentes declaracións do conselleiro delegado de Euskaltel, José Miguel García, que asegurou que a compañía continuará no actual camiño de "reestruturación".
Os sindicatos alertan de que están en xogo ao redor de mil empregos na provincia da Coruña e demandan a implicación das distintas administracións
Os sindicatos alertan de que están en xogo ao redor de mil empregos na provincia da Coruña e demandan a implicación das distintas administracións, comezando pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña. Inciden, ademais, nas implicacións que esta deslocalización de servizos pode ter para o funcionamento de determinados ámbitos da administración e dos servizos públicos, tendo en conta que as diferentes contratas (COMFICA, INDRA, PLEXUS, Colabora, etc.) "dan soporte non só a particulares e empresas, senón tamén ás administracións", e que. de feito, "hai unha contrata que se dedica en exclusiva a atender o servizo do SERGAS".
Os sindicatos apelan ao artigo 44 do Estatuto dos Traballadores, que en teoría protexe os e as empegadas en caso de cambio de titularidade da empresa ou de transmisión da súa actividade. Porén, este artigo “está ateigado de conceptos xurídicos indeterminados”, como destacaba hai dous anos o profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), Ignasi Beltrán de Heredia Ruíz.
A CIG advirte de que a perda de emprego afecta tamén "a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica"
"R escoita estamos en loita" ou "Non á deslocalización" foron algunhas das consignas que se escoitaron nas protestas dos últimos días, nas que participaron traballadores e traballadoras das subcontratas máis directamente afectadas, pero tamén persoal contratado directamente por R ou por outras empresas.
“A empresa non quere falar directamente de despedimentos, pero se non hai recolocación nin subrogación, que alternativa nos queda?”, pregúntase Luis Ínsua, delegado da CIG en Comfica. A CIG alerta finalmente de que a perda de emprego afecta tamén "a outros servizos como enxeñería e desenvolvemento ou atención telefónica", emprestados por persoal de Indra, Teleperformance, GSS ou Gestión C, "que aos poucos Euskaltel está a levar fóra da Galiza".