A antiga cúpula de Caixanova, absolta pola polémica operación inmobiliaria de 40 millóns en Madrid

Julio Fernández Gayoso, entrando á comisión de investigación das antigas caixas galegas CC-BY-SA Merixo

A Audiencia Nacional absolveu o ex-presidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso e os outro tres membros da antiga cúpula da entidade no caso pola operación inmobiliaria en Rivas-Vaciamadrid (Madrid), que xerou un prexuízo de 41,8 millóns de euros

Na súa sentenza, coñecida este xoves, a sección cuarta da Sala do Penal entende que todos os acusados, entre os que tamén estaba o ex-director xeral José Luís Pego, o seu adxunto, Gregorio Gorriarán, e o ex-director da división de Planificación Financeira Domingo González Mera, cumpriron "coa función que lles era propia no cargo que ostentaban", segundo adiantou a Axencia EFE. 

A Audiencia Nacional entende que os directivos de Caixanova cumpriron "coa función que lles era propia no cargo que ostentaban" 

Os directivos foran acusados dun presunto "delito societario continuado na súa modalidade de administración desleal de xestión do patrimonio social". O escenario, unha das tantas operacións inmobiliarias da vella caixa do sur galego fóra de Galicia, neste caso en Madrid e por importe de algo máis de 40 millóns de euros.

Fora o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), o mecanismo a través do que o Estado canalizou o rescate bancario, quen levou o caso aos tribunais ao dubidar da limpeza do crédito inmobiliario outorgado por Caixanova a un grupo de construtoras para construír máis de 700 vivendas en varias parcelas da localidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid. A beneficiaria era Rivas ACI, unha empresa participada por, entre outras, o grupo COPASA, á que a xuíza sinala como beneficiaria dos feitos.

Edificio da antiga sede central de Caixanova CC-BY-SA Dantadd

Segundo analizara a xuíza, o exame destas "operacións sospeitosas" permitía concluír que Caixanova financiou esta construción sen ponderar os seus riscos, "provocando prexuízos patrimoniais" á financeira Proinova, filial da propia caixa. O picazo da burbulla inmobiliaria deu lugar a unha serie de impagamentos ante os que Caixanova foi especialmente flexible -perdoando os xuros, entre outras facilidades- e Proinova acabou mercando as parcelas en cuestión o 22 novembro do ano 2010, isto é, unha semana antes da sinatura da escritura que fixo oficial a fusión con Caixa Galicia e o nacemento da despois quebrada Novacaixagalicia.

A de Rivas-Vaciamadrid foi unha das varias operacións inmobiliarias ruinosas que foron clave na quebra de Novacaixagalicia e no seu posterior rescate

Esta foi só  unha das varias operacións inmobiliarias ruinosas das antigas dúas grandes caixas galegas, que foron clave na quebra de Novacaixagalicia e no seu posterior rescate. Non en van, nese procedemento a entidade fusionada chegou a transferir ao 'banco malo' uns 5.000 millóns de euros de activos inmobiliarios 'tóxicos' sobre os que esta entidade, impulsada polo Estado e os principais bancos españois, se negou a informar ao Parlamento de Galicia. Moitos destes investimentos fracasados desenvolvéronse fóra de Galicia, como o caso agora axuizado pola Audiencia Nacional ou, no caso de Caixa Galicia, o emblemático edificio InTempo, un rañaceos de Benidorm do que o banco malo logrou desfacerse no outono de 2017.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.