Outra volta cara ao banco dos acusados. Apenas ano e medio despois de pasar pola cadea polo caso das indemnizacións millonarias, os que foran máximos responsables de Caixanova, Julio Fernández Gayoso e José Luis pego, encamíñanse a un novo xuízo xunto a outros catro ex-directivos. A razón é, desta volta, un presunto "delito societario continuado na súa modalidade de administración desleal de xestión do patrimonio social". O escenario, unha das tantas operacións inmobiliarias da vella caixa do sur galego fóra de Galicia, neste caso en Madrid e por importe de algo máis de 40 millóns de euros.
A xuíza da Audiencia Nacional Carmen Lamela vén de culminar a instrución do procedemento que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), o mecanismo a través do que o Estado canalizou o rescate bancario, levou aos tribunais ao dubidar da limpeza do crédito inmobiliario outorgado por Caixanova a un grupo de construtoras para construír máis de 700 vivendas en varias parcelas da localidade madrileña de Rivas-Vaciamadrid. A beneficiaria era Rivas ACI, unha empresa participada por, entre outras, o grupo COPASA, á que a xuíza sinala como beneficiaria dos feitos.
Sempre segundo a análise da xuíza, o exame destas "operacións sospeitosas" permite concluír que Caixanova financiou esta construción sen ponderar os seus riscos, "provocando prexuízos patrimoniais" á financeira Proinova, filial da propia caixa. O picazo da burbulla inmobiliaria deu lugar a unha serie de impagamentos ante os que Caixanova foi especialmente flexible -perdoando os xuros, entre outras facilidades- e Proinova acabou mercando as parcelas en cuestión o 22 novembro do ano 2010, isto é, unha semana antes da sinatura da escritura que fixo oficial a fusión con Caixa Galicia e o nacemento da despois quebrada Novacaixagalicia.
A xuíza atribúe a Gayoso, Pego e outros catro ex-directivos un "delito societario continuado" polas súas operacións inmobiliarias en Rivas-Vaciamadrid cun prexuízo para a entidade superior aos 40 millóns de euros
Os prexuízos na "compravenda das parecelas" e "as seguintes operacións de venda á sociedade Viviendas y Obras Civiles" son claros, di o auto de procesamento, e suman 41,85 millóns de euros. Os responsables foron, segundo a xuíza Lamela, Gayoso e Pego como presidente e director xeral da caixa, pero tamén Gregorio Gorriarán, director comercial; Domingo González, director de Planificación Financeira e control, José González, directro do Comité de Investimento Irregular, e Isaac Miguel, director da Unidade de Reestruturación. O acontecido, coida, non poder atribuído unicamente á crise económica internacional e aos seus efectos no sector da construción en España.
As operacións inmobiliarias ruinosas das antigas dúas grandes caixas galegas foron clave na quebra de Novacaixagalicia e no seu posterior rescate. Non en van, nese procedemento a entidade fusionada chegou a transferir ao 'banco malo' uns 5.000 millóns de euros de activos inmobiliarios 'tóxicos' sobre os que esta entidade, impulsada polo Estado e os principais bancos españois, se negou a informar ao Parlamento de Galicia. Moitos destes investimentos fracasados desenvolvéronse fóra de Galicia, como o caso agora axuizado pola Audiencia Nacional ou, no caso de Caixa Galicia, o emblemático edificio InTempo, un rañaceos de Benidorm do que o banco malo logrou desfacerse no outono de 2017.