O banco malo desfaise do préstamo de 108 millóns co que Caixa Galicia financiou un rañaceos en Benidorm

Rótulo nunha sucursal da antiga Caixa Galicia CC-BY-SA Merixo

No ano 2005 Caixa Galicia pechou un balance que, segundo a propia entidade, estaba marcado pola "solidez". Anotou nos seus resultados anuais uns beneficios de 182 millóns de euros antes de impostos e no mesmo documento figuraba un termo que naquela altura pasaba desapercibido fóra dos ámbitos financeiros: emitira 250 millóns de euros en participacións preferentes. Naquel exercicio o importe das hipotecas concedidas pola gran caixa do norte do país medrara un 76% interanual e o financiamento vinculado ao sector da construción e da vivenda, un 46%, ata os 10.379 millóns de euros.

Mentres a cúpula encabezada por José Luis Méndez -igual que os seus homólogos en Caixanova- remudaba as aparicións en público con altos dirixentes do PP galego co achegamento aos novos gobernantes de PSdeG e BNG a Xunta de Galicia seguía sen ocupar os postos nos órganos de control da entidade que a lei lle outorgaba e a caixa gabábase da súa expansión por todo o Estado. Nun só ano abrira 32 novas oficinas das que só dúas se atopaban en Galicia, unha na Coruña e outra en Vigo. Mentres, outras vinte e nove repartíanse polas diferentes comunidades autónomas, tres delas na Comunitat Valenciana, onde xa acumulaba 35.

O edificio InTempo foi considerado emblema da burbulla inmobiliaria española

Fora nesa área levantina, precisamente, onde Caixa Galicia pechara naquel ano un negocio para financiar o que, co tempo, pasaría a ser un dos emblemas da burbulla inmobiliaria española. A entidade galega dera en conceder un préstamo de 108 millóns de euros á promotora Olga Urbana para a construción do edificio InTempo, unha torre de 52 andares e 189 metros de altura á beira do mar de Benidorm que na altura foi presentado como o maior rañaceos residencial de Europa. O picazo da burbulla e diversos problemas técnicos atrancaron o faraónico proxecto mentres o préstamo pasaba de Caixa Galicia á fusionada Novacaixagalicia, dela a Novagalicia Banco e, tras o rescate do ano 2012, á Sareb -o coñecido popularmente como banco malo-, que vén de lograr colocarllo ao fondo de investimento internacional SVP Global.

Información da expansión territorial de Caixa Galicia incluída no seu informe de resultados de 2005 © Caixa Galicia

Os novos propietarios do préstamo recollen o testemuño do complexo ao que o banco malo levou ao concurso de acredores no ano 2012 e, segundo a Sareb, implica "asegurar a finalización das obras pendentes, paralizadas dende 2014" no que o británico The Guardian presentou como o "testamento" da "tolemia española da construción". O fondo de investimento tamén será o encargado de "comercializar" os 300 apartamentos que o proxecto inicial financiado por Caixa Galicia prevía ter rematados en 2010, o que tamén acabou sendo o ano da fusión con Caixanova.

Sen información ao Parlamento

A información divulgada pola Sareb sobre esta operación é apenas unha pílula da que o Parlamento de Galicia lle solicitou a respecto das operacións inmobiliarias das antigas grandes caixas galegas. Como adiantou Praza.gal, a comisión de investigación sobre a xestión e desaparición de Novacaixagalicia dirixiuse ao banco malo para solicitarlle unha listaxe dos activos inmobiliarios considerados "tóxicos" que lle foran transferidos dende a quebrada entidade fusionada.

O edificio InTempo é parte dos 5.000 millóns de euros en activos tóxicos de Novagalicia Banco transferidos durante o rescate á Sareb, que se negou a informar ao respecto ao Parlamento galego

Tratábase, concretamente, de coñecer todos os detalles dos 5.096,9 millóns de euros en activos inmobiliarios -como vivendas ou préstamos- dos que Novagalicia Banco se desfixo como parte da operación na que o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) lle inxectou algo máis de 5.400 millóns de euros públicos, a partida máis cuantiosa do rescate de máis de 9.000 millóns de euros dos que só foron recuperados 1.000, os da venda ao venezolano Banesco, que despois creou a exitosa Abanca.

A Sareb indicou ao Parlamento que non pode acceder a esta solicitude de información porque "afecta a persoas físicas" e está "suxeita" á lei de protección de datos, así como a un contrato de confidencialidade subscrito no momento en que Novagalicia Banco lle transferiu os seus activos. Mentres, non obstante, o propio banco malo ofrece pingas de información sobre os activos das caixas cos que quedou, xa sexa para informar da súa venda, como no caso do edificio InTempo, ou para promocionalas como vivendas de oferta a través do seu propio portal inmobiliario.

Edificio Intempo, en Benidorm © Sareb

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.