De NCG Banco a Abanca: 1.000 empregos menos e 27 oficinas máis

Manifestáción da CIG ante unha oficina de Abanca CC-BY-SA CIG

No ano 2013, segundo os datos publicados pola Comisión Europea, Novacaixagalicia Banco tiña 5.043 traballadores e traballadoras nun total de 641 oficinas. Tres anos despois, conforme aos datos publicados por Abanca, a entidade resultante do rescate e da privatización das antigas caixas contaba con máis de mil empregados menos (4.032) e 27 oficinas máis (668). Estes son os datos que vén de destacar o sindicato CIG para contrapoñer ao "relato público" que, segundo din, ur"imposto sobre a xestión" da entidade e que "agocha a durísima reestruturación sufrida".

NCG Banco tiña antes da compra por parte de Banesco 1.011 traballadores máis e 27 oficinas menos que agora

Segundo denuncia a central nacionalista, en tan só tres anos, a nova dirección "destruíu un de cada cinco postos de traballo", o que supón unha media de "1,8 postos menos por cada oficina". Un 20% do emprego existente antes da privatización. Ademais, e segundo insiste, neste mesmo período medrou o volume de negocio xestionado por cada empregado, polo que a carga de traballo está a ser maior para cada un deles. 

A CIG denuncia que a nova dirección da entidade "destruíu un de cada cinco postos de traballo" en tres anos

CIG-Banca considera "escandalosos" estes datos, pero vai máis aló e pide "poñelos en relación" con seis anos atrás, en 2010, e co momento da fusión promovida pola Xunta presididade por Alberto Núñez Feijóo. "Daquela, -lembra a central- as caixas galegas empregaban case 8.000 persoas". 

Con todo, insiste, e logo da destrución de 1.011 postos de traballo en tres anos, "Abanca continuou recibindo axudas públicas" segundo o establecido polo Fondo de Reestruturación Bancaria (FROB) no momento da venda. "Só polas cláusulas chan recibiu 427 millóns de euros entre o ano 2016 e o primeiro trimestre de 2017; nese curto período de tempo o máximo accionista embolsouse 353 millóns de euros. Mesmo os beneficios do primeiro semestre de 2017 medraron un 23,1% até acadar os 229,1 millóns de euros", destaca a CIG, que asegura que xa cando o Estado procedeu á venda e NCG Banco reclamara que un dos baremos a valorar na poxa pública fose o mantemento do emprego. 

"Abanca está despedindo sen que lle custe un euro; os despedimentos son pagados con diñeiro público"

Foi entón cando o FROB explicou que sería "difícil" valorar o mantemento do cadro de persoal, o que para o sindicato foi "un desprezo absoluto cara aos postos de traballo". "O feito é máis grave, xa que o rescate autorizado por Bruxelas levou ao Estado a provisionar con diñeiro público os despedimentos previstos inicialmente no Plan de Reestruturación do 2013. Así, Abanca está despedindo sen que lle custe un euro, pois os despedimentos son pagados con diñeiro público", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.