A investigación do Parlamento de Galicia sobre o que aconteceu coas caixas galegas e a súa fracasada fusión volve estar conxelada. Unha vez máis e logo de incontables parálises, nin un papel se move desde hai varias semanas nunhas pescudas que levan activas, formalmente pero non de facto, arredor de sete dos máis de dez anos que transcorreron xa desde que o 1 de decembro de 2010 botara a andar Novacaixagalicia, a efímera entidade resultante da unión entre Caixanova e Caixa Galicia.
O Parlamento abriu a comisión por terceira vez o pasado outubro, pero axiña volveu quedar paralizada
Durante uns cinco anos, a comisión de investigación mantívose inactiva por vontade do grupo maioritario da Cámara, o PP, que alegara a necesidade de "arrefriar o debate". Logo das últimas eleccións galegas, no pasado mes de outubro a Cámara abriu a comisión por terceira vez, pero axiña volveu deterse.
Fíxoo entre o balbordo que supuxo o auto da Audiencia Nacional que cuestionaba a "obrigada" fusión polo estado ruinoso no que chegou a ela Caixa Galicia e no que se poñía en dúbida o papel xogado pola Xunta.
Desde a reactivación ata mediados de decembro, a actividade limitouse á notificaicón de cordos e á designación dos membros; desde entón, nada
Desde o acordo para a reactivación da comisión a finais do mes de outono, e ata mediados de decembro, a actividade limitouse á notificación dos acordos plenarios, a composición da comisión e a designación por parte dos grupos de cadanseus membros. Desde o 15 de Nadal, nada. Nin un só trámite máis nunha investigación que volveu quedar varada cando están a piques de se cumprir oito anos desde que fora constituída por primeira vez.
Foi, formalmente, o 14 de marzo de 2013 logo de que o PP, tras revalidar Feijóo por primeira vez a súa maioría absoluta meses antes, accedese a que o Parlamento investigase a operación. Tamén desde ese mesmo momento, o agora ex-deputado Antón Sánchez reclamou o informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas. Nunca lle atenderon ás reclamacións ata que o pasado xuño o TSXG condenou o Goberno galego a entregar o documento, que acabou sendo público por unha orde xudicial.
O vindeiro 14 de marzo cumpriranse oito anos desde que a comisión de investigación fora constituída por primeira vez
Nel a Xunta limítase a resumir en cinco páxinas as vantaxes da operación que as propias entidades esgrimían ou a referirse ao visto e prace do Banco de España, pero non achega ningunha pescuda propia nin se refire ao informe que encargara a KPMG por un millón de euros para impulsar a fusión.
Aquel que o Goberno galego definira como unha "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia" que "avala a solvencia da fusión" pero que, en realidade, como se soubo tempo despois e como a propia KPMG reiteraría en público, non era unha auditoría nin "avalou" a fusión.
Tanto o aval que dera a Xunta --agora sabido grazas á intervención dos tribunais-- como o último auto da Audiencia Nacional referido á fusión insisten en revivir a pantasma dunha fusión que foi encetada hai máis de once anos, cos primeiros contactos entre as entidades, que acabarían dando o visto e prace para o seu "plan de integración" en xuño de 2010. Meses despois, Caixa Galicia e Caixanova rubricaron a escritura da fusión naquel lembrado acto solemne encabezado por Feijóo, que levaba meses pulando por unha unión coa que se garantiría a "solvencia" e a "galeguidade".
O aval que dera a Xunta á fusión, feito público por orde xudicial, e o último auto da Audiencia Nacional fan revivir o fracaso dunha fusión iniciada hai case doce anos
Nin "solvencia", nin "galeguidade" houbo. Foi o inicio dun fracaso que rematou nun rescate con ata 9.000 millóns de euros públicos perdidos e os restos das dúas grandes caixas galegas tornando nun banco privado en mans dun grupo venezolano.
Antes, Novacaixagalicia tardara tan só uns meses, ata xuño de 2011, en iniciar o seu proceso de bancarización para que a súa actividade financeira pasase a un banco de nova creación, NCG Banco S.A., comercialmente Novagalicia Banco e inicialmente propiedade ao 100% de Novacaixagalicia.
Uns meses despois, cando aínda non transcorrera un ano do peche da fusión, Novacaixagalica cifraba en 2.465 millóns os fondos que precisaba o novo banco e indicaba que chegarían de "investidores privados" e mais do FROB. Aquel montante acabou sendo integramente público, igual que os máis de 5.000 millóns procedentes do rescate bancario inxectados a finais de 2012, tras quedar claro que aquela entidade "solvente" e "galega" ía ser intervida polo Estado para acabar sendo vendida pola vía rápida, o cal acabaría sucedendo en 2013.
Nesa venda foron recuperados apenas 1.000 millóns do rescate. Segundo acredita o Banco de España, outros 9.000 poden ser dados por perdidos. Os próximos capítulos, se cadra, nunha investigación parlamentaria que ainda está á espera de iniciar a nova temporada.