O Ministerio de Vivenda publica un estudo que analiza as principais bolsas de solo dispoñibles para a construción de novos inmobles. O documento identifica en Galicia 24 sectores en sete concellos (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Miño, O Barco de Valdeorras e Sanxenxo) nos que nos vindeiros anos se poderían construír 49.526 novas vivendas
O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana publicou o estudo Sectores Residenciais en España 2025, un documento que analiza a situación dos principais ámbitos de desenvolvemento urbanístico residencial para ofrecer "unha visión clara" sobre a localización das principais bolsas de solo dispoñibles para a construción de novas vivendas. O documento identifica en Galicia un total de 24 sectores en sete concellos (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Miño, O Barco de Valdeorras e Sanxenxo) nos que nos vindeiros anos se poderían construír case 50 mil novas vivendas (49.526).
Desas case 50 mil vivendas, tan só 2.522 están nunha fase avanzada de construción, próxima ao seu remate. Outras 17.719 están nunha fase inicial de construción ou aínda non comezaron as obras, pero o sector está xa urbanizado. Máis da metade (29.285) atópanse en sectores non urbanizados, polo que as futuras vivendas aínda tardarán varios anos en ser unha realidade.
Desas case 50 mil vivendas, tan só 2.522 están nunha fase avanzada de construción, próxima ao seu remate. Outras 17.719 están nunha fase inicial de construción ou aínda non comezaron as obras, pero o sector está xa urbanizado
O informe do Ministerio de Vivenda quere "servir para actualizar e completar a información sobre a situación e evolución recente dos principais ámbitos de desenvolvemento urbanístico residencial" e achegar "transparencia" a estes procesos. E publícase nun momento no que se está relanzando en todo o Estado a construción de inmobles nun contexto de suba de prezos e de elevada demanda de vivenda.
Segundo o informe, Galicia é a comunidade autónoma cun menor grao de edificación en relación coa edificabilidade prevista polo planeamento. En 2025, este acadaba o 33,5%, lonxe da media estatal (51,9%) e dos territorios que encabezan a listaxe, como Madrid ou Baleares, por riba do 60%.
A Coruña concentra 22 mil das 50 mil vivendas previstas nos desenvolvementos previstos nos terreos portuarios, no Monte Mero, en Vío, no Ofimático (Xuxán) e en San Pedro Visma, e tamén en sectores aínda non urbanizados en Penamoa, no Portiño e Eirís
Atendendo ao documento, a construción prevista de novas vivendas nestes grandes sectores suma en Galicia cifras moi inferiores ás doutras comunidades autónomas. Así, os 50.000 inmobles detallados no noso país están moi lonxe dos preto de 400.000 de Andalucía, Comunidade Valenciana ou Murcia, ou dos case 300.000 de Madrid e Castela-A Mancha e as case 200.000 de Castela e León. Mesmo Estremadura (76.668), Canarias (67.301) ou Aragón (52.854) presentan cifras superiores ás galegas.
Dentro de Galicia, ademais, a maioría destes grandes ámbitos de desenvolvemento urbanístico residencial sitúanse no Concello da Coruña. A cidade herculina concentra 22 mil das 50 mil vivendas previstas nos desenvolvementos previstos nos terreos portuarios, no Monte Mero, en Vío, no Ofimático (Xuxán) e en San Pedro Visma, e tamén en sectores aínda non urbanizados en Penamoa, no Portiño e Eirís.
Santiago de Compostela e Lugo conforman as outras grandes bolsas de vivenda prevista, con 9.971 e 8.309 inmobles estimados nestes grandes sectores
Santiago de Compostela e Lugo conforman as outras grandes bolsas de vivenda prevista, con 9.971 e 8.309 inmobles estimados nestes grandes sectores. Na capital do país detállanse cinco sectores en Mallou, A Pulleira, Amio norte, As Cancelas e Aríns, todos aínda nunha fase moi inicial, agás o da Pulleira. En Lugo o informe detalla igualmente cinco grandes sectores, catro deles no norte da cidade e outro no sur.
En Ferrol prevense unhas tres mil vivendas no Bertón e Santa Mariña, en espazos xa urbanizados. E outras tantas se detallan en Miño, na zona de Perbes.
Os outros concellos galegos con grandes sectores de construción de vivenda que aparecen no documento son Sanxenxo, no interior do termo municipal, con case tres mil inmobles novos previstos, e O Barco de Valdeorras, con algo máis de mil na zoan das Regas.
Nos últimos anos está a acelerarse a construción de vivenda nova. En 2025 visáronse 4.839 vivendas de nova planta en Galicia, un 39% máis que o ano anterior. Con todo, a cifra está moi lonxe dos niveis previos á crise da Gran Recesión, cando chegou a superar as 40.000 vivendas novas en 2006 e 2007. Ademais, unha parte significativa concéntrase nuns poucos concellos: o pasado ano o 73% das novas vivendas construídas en Galicia están localizadas en dez cidades e vilas: A Coruña, Pontevedra, Sanxenxo, Vigo, Oleiros, Lugo, Vilagarcía, Ames, Ferrol e Carballo.
Tamén se está a incrementar a construción de vivenda de promoción pública por parte da Xunta -6.000 novas vivendas públicas ata 2030-, despois de 15 anos de completa parálise, especialmente nos gobernos de Núñez Feijóo. Con todo, a vivenda pública anunciada pola Xunta ata 2030 cobre apenas o 20% da disparada demanda de pisos protexidos.