Os desafiuzamentos multiplican por 15 as ocupacións en Galicia na fin da moratoria dos desaloxos

Edificios de vivendas en varios barrios da Coruña © Concello da Coruña

Os xulgados galegos executaron 994 lanzamentos durante 2025, o 88% en vivendas alugadas. Son menos de mil por primeira vez dende que hai datos comparables nun ano en que as demandas por ocupación caeron ao mínimo dende que se rexistran, 66

A cuestión dos desafiuzamentos regresou con relativo eco ao debate público no Estado e en Galicia ao fío da derrogación da posibilidade de moratoria xudicial aos desaloxos para persoas en situación de pobreza que vivisen de alugueiro, provocada polo "non" do PP, Vox e Junts ao decreto ómnibus do Goberno de España o pasado xaneiro. Entre os argumentos dese veto, tanto por parte dos partidos que o promoveron como dalgúns enfoques mediáticos ao respecto, figurou un suposto risco ou incremento das ocupacións ilegais de vivenda.

O Consello Xeral do Poder Xudicial actualizou nos últimos días cos datos finais de 2025 as series estatísticas económicas que elabora dende a gran recesión -séguea denominando Efecto da crise nos órganos xudiciais- e, no caso galego, as cifras volven ser elocuentes. En vésperas da fin da moratoria dos desafiuzamentos para persoas vulnerables o total dos desaloxos tendía a decrecer levemente e, aínda así, na fin do ano multiplicaron por quince os outra volta residuais novos casos de ocupacións ilegais.

Sempre segundo o Poder Xudicial, durante o pasado ano rexistráronse en Galicia 994 desafiuzamentos. Foron menos de mil por primeira vez dende que hai estatísticas comparables -a serie comeza en 2013- e unha amplísima maioría, o 88%, rexistráronse en vivendas alugadas.

Dende que estes fenómenos son rexistrados do mesmo xeito polo Poder Xudicial en Galicia houbo case 10.000 desafiuzamentos e 662 novos casos de ocupacións ilegais

No mesmo período de doce meses, as novas demandas por ocupacións ilegais en Galicia "en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social" -segundo a definición do Poder Xudicial- foron 66. Trátase da cifra máis baixa dende que hai datos anuais equiparables (a estatística incorporou este indicador a mediados de 2018) e o total supón unha redución de case o 20%.

A propia escaseza do fenómeno provoca que cumpra observar con cautela a variación porcentual para un só ano dun fenómeno que, en calquera caso, tamén é escaso no que atinxe á súa incidencia en relación ao número de habitantes, outra das variables que analiza o Poder Xudicial. "En Galicia rexistráronse 2,4 por cada 100.000 habitantes, por baixo da media estatal, que se situou en 3,8", resalta o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Como amosa o cadro que acompaña estas cifras, a correlación entre desafiuzamentos e novos casos de ocupacións quedou en quince desaloxos por cada vivenda ocupada ilegalmente durante o ano 2025. É unha proporción semellante á do ano previo e ten un valor próximo ao de exercicios anteriores. 

En total, dende que se rexistran as ocupacións ilegais do mesmo xeito que os desafiuzamentos -sete anos completos, dende 2019-, en Galicia os xulgados executaron 8.282 lanzamentos en vivendas alugadas por falta de pagamento e outros 1.678 en pisos e casas nas que non se atenderan os prazos da hipoteca. En total, 9.960 desafiuzamentos fronte a 662 novas demandas por ocupacións no mesmo período: quince a un.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.