Pontón pide frear a fraude nas horas extra, a sinistralidade e a espera sanitaria e non "criminalizar" as baixas

Ana Pontón na sesión de control deste martes CC-BY-SA BNG

Rueda asegura que a Xunta axuda aos traballadores con medidas como "menos impostos" ou "recursos de conciliación" e que "os traballadores honestos" queren que se controlen máis as baixas

O foco político situado no recente debate de política xeral polo presidente Rueda e o PP na duración das baixas laborais foi contestado este martes tamén no Parlamento pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cunha proposta para que a Xunta actúe contra a fraude nas horas extra non pagadas, a sinistralidade laboral e a espera sanitaria que demora a recuperación dos traballadores e traballadoras. Porén, Rueda insistiu en que son os traballadores que non están de baixa os que queren controlar máis aos seus compañeiros con problemas sanitarios. 

Pontón comezou a súa intervención na sesión de control á Xunta asegurando que a corrupción en todo o Estado ten un custo anual de "60.000 millóns de euros". A nacionalista puxo o foco nas "horas extra gratuítas que cada semana fan as traballadoras e traballadores, que non as cobran nin con salarios nin con días libres", e que cifrou en "160 millóns de euros cada ano" en Galicia. 

Tamén salientou a elevada sinistralidade laboral que se rexistra no país e a demora para recibir atención médica tanto na atención primaria como na especializada, especialmente no que respecta á atención psicolóxica. "Pero a súa medida estrela é perseguir por terra, mar e aire os traballadores e traballadoras de baixa", censurou a nacionalista.

Pontón lamentou que a aposta da Xunta por controlar máis as baixas laborais tamén "cuestiona a profesionalidade da sanidade pública" malia que "Galiza é a segunda comunidade con menos baixas de todo o Estado". "A responsabilidade de que as baixas duren máis é de vostede porque ten a nosa sanidade pública colapsada", criticou. 

Na súa resposta Rueda censurou a Pontón que non critique ao Estado por eivas que afectan á vida diaria dos traballadores, como os problemas co transporte público de competencia estatal, fundamentalmente os trens. Pola contra, asegurou que en Galicia a Xunta está a "facer mellor a vida dos traballadores", con "menos impostos" ou "recursos de conciliación". 

O presidente rematou a súa intervención insistindo en que "os traballadores honestos" son os primeiros interesados en que as baixas estean máis controladas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.