Máis traballo estranxeiro que nunca en Galicia: o 7,5% do emprego vén de fóra

Unha traballadora dun local de hostalaría Dominio Público UGT Galicia

A afiliación de estranxeiros á Seguridade Social non para de medrar. O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destacou a pasada semana o novo récord que supuxeron os máis de 3.284.000 persoas afiliadas de media en abril no Estado, case 100.000 máis que no mes anterior e máis de 250.000 máis que hai un ano. 

O 7,5% do total de persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia son estranxeiras

Son máis afiliacións estranxeiras ca nunca en calquera mes do ano nunha serie estatística que se inicia en 2012 no Estado, representando así as persoas chegadas de fóra de España case o 15% (14,7%) do total de cotizantes, cando hai unha década roldaba o 4%. 

En Galicia, onde esta porcentaxe aínda é moito menor, o peso do traballo das persoas migrantes é cada vez máis importante, representando xa o 7,5% do total de persoas afiliadas á Seguridade Social. Todo sen ter en conta o importante número de persoas chegadas de fóra pero con pasaporte español por ascendencia galega, nin ter impacto ningún aínda a regularización masiva de traballadores e traballadoras inmigrantes que se puxo en marcha no mes de abril e abre a porta ao traballo legal para unhas 10.000 persoas no país

En concreto, e tendo en conta os datos ao peche do mes pasado, Galicia ten 82.638 afiliados medios estranxeiros, a cifra máis alta da serie histórica (desde 2011 no caso galego) e 2.542 máis que en marzo, cando por primeira vez se superaran os 80.000. É o segundo maior incremento da serie histórica tras o experimentado no comezo do verán do pasado ano e supón unha suba do 16% con respecto a hai doce meses. 

Galicia superou as 80.000 traballadores estranxeiros en marzo e roza xa os 83.000 en abril tras un incremento de máis de 2.500, a segunda maior suba histórica

Ademais, un terzo dos empregos creados no pasado mes de abril no país corresponde a persoas migrantes. "O éxito do noso mercado laboral vai da man do incremento da afiliación de estranxeiros no noso sistema de Seguridade Social", explica a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz. En Galicia, o bo comportamento do emprego, alén das condicións dos postos de traballo, vai ligado tamén á importante suba do peso do traballo chegado de fóra. 

América Latina, a procedencia maioritaria

Comparado con hai unha década, son 53.000 máis o número de persoas estranxeiras empregadas en Galicia, ata superar esa barreira das 80.000 e albiscar xa as 90.000 para dentro dun ano, se se mantén a evolución: a afiliación media deste colectivo medrou en máis de 10.000 persoas nos últimos doce meses. 

Se debullamos os datos, América Latina segue a ser a orixe principal das persoas traballadoras estranxeiras en Galicia, onde máis do 75% proveñen de países non comunitarios. 

Venezuela é, logo do auxe da súa emigración nos últimos anos, o país de procedencia máis importante entre os e as traballadoras estranxeiras en Galicia, con case 14.000 persoas. Supón un aumento do 1.470% se o comparamos cos menos de 900 venezolanos que traballaban no país nesta altura hai unha década. O segundo colectivo máis importante é o dos procedentes de Portugal, con case 10.000 representantes, e que conta con forte presenza desde hai tempo. 

Os traballadores de Venezuela son o colectivo migrante máis grande, ao medrar o seu número en case un 1.500% en dez anos, seguido dos de Portugal, Colombia, Perú ou Marrocos

Pero son outros tres países de Latinoamérica os que contan con maior representación entre o persoal laboral en Galicia. Colombia ten máis de 9.000 dos seus nacionais traballando no país, multiplicando practicamente por oito o número de procedentes de hai dez anos e cun incremento en só un ano do 28%. 

É unha suba semellante á experimentada polos nacidos no Perú, un colectivo que supera os 6.000 traballadores en Galicia, arredor de ste veces máis que unha década atrás. Do Brasil, pola súa banda, hai máis de 4.000 persoas traballando nalgunha das catro provincias galegas. 

Principais sectores

Ademais, dous países de África contan tamén cun importante colectivo de traballadores en Galicia, que medrou especialmente no caso de Senegal, con case 2.500 nesta altura. No caso de Marrocos, son máis de 4.300 as persoas con contrato en Galicia procedentes desa zona do Magreb, case o triplo que hai dez anos. 

Empregada do fogar traballando nunha vivenda CC-BY-NC-SA Polina Tankilevitch

En canto aos postos de traballo, a hostalaría é con diferenza a actividade onde maior número de persoas estranxeiras traballan, supoñendo case o 20% do total de emprego deste colectivo en Galicia e case 16.000 persoas, máis de 2.000 delas como autónomas. 

Case o 20% das persoas afiliadas migrantes en Galicia traballan na hostalaría

O comercio, o transporte e a industria manufactureira son outras tres actividades onde o persoal chegado de fóra ten un importante peso, con arredor de 8.000 persoas empregadas en cada un destes sectores. Tamén nos servizos sociais e sanitarios é importante a súa presenza, con perto de 5.000 traballadores e traballadoras. 

Ademais, son 5.000 as persoas estranxeiras inscritas no réxime especial de empregados do fogar, unhas 2.000 no do mar e máis de dous milleiros no agrario, mentres que case 12.000 das e dos cotizantes estranxeiros son autónomos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.