O plan do Goberno galego para acoutar as baixas médicas laborais conta co apoio da patronal e UGT pero non de CIG e CCOO
Tras pactalo só coa patronal e UGT, a Xunta aprobou este luns o seu denominado Plan de Benestar Laboral 2026-29, que o presidente Rueda anunciou o pasado abril poñendo o foco na necesidade de controlar as baixas médicas laborais. Entres as principais novidades do documento está a creación da figura do coordinador de reincorporación para facilitar a volta ao traballo de persoal de baixa. Unha figura cuxa aceptación será voluntaria por parte dos traballadores, segundo Rueda.
A Xunta xa viña tomando medidas de control das baixas médicas laborais que agora quere reforzar co plan aprobado este luns. Segundo publicita, a súa implantación requirirá de 45 millóns de euros ata 2029 e incluirá, entre outras actuacións, axudas para contratar persoal substituto durante baixas ou a figura do coordinador de reincorporación, técnicos que facilitará o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) que "acompañarán voluntariamente á persoa traballadora e facilitarán a coordinación coa empresa e co servizo de prevención" na volta ao traballo de quen tivese unha baixa.
O conselleiro de emprego, José González Vázquez, non quixo poñer unha cifra de coordinadores e deixou en mans do ISSGA decidir iso e "o perfil" dese persoal. Segundo dixo, será "un perfil moi vinculado aos servizos de prevención das empresas, por se fora necesario, por exemplo, algunha adecuación do posto de traballo que vaia máis aló das obrigas de prevención das empresas". No que queda de ano, engadiu, o ISSGA determinará esas e outras cuestións para comezar a aplicar a figura entre 2027 e 2029.
Canto aos obxectivos do plan, o conselleiro indicou que non os hai prefixados senón que o documento inclúe "mecanismos de medición" para ir controlando a súa aplicación pero sen unha meta preestablecida.
O conselleiro de Emprego tamén foi preguntado sobre se o plan ten a representatividade suficiente ao ter só o apoio de UGT e o rexeitamento de CIG e CCOO. "Aos que non estaban nesa mesa haberá que preguntarlles cando vexan o plan cales son as medidas polas que non estiveron", foi a súa resposta.